Ángel Ferrero Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por nós para o galego.
George Grosz, O SPD dálle ao káiser o que é do káiser (SPD gebt dem Kaiser, was deas Kaisers ist, 1923) |
O resultado das últimas eleccións xerais en España foi anticipado e pormenorizadamente analizado nestas e outras páxinas por moitos autores. Ningunha sorpresa: Alfredo Rubalcaba culleitou o peor resultado da historia da súa formación, non moi lonxe do seu correlixionario alemán no 2009. E francamente, de verdade, sorprendeulle a alguén? A máis de 1.800 quilómetros de Madrid, a noticia pasou sen pena nin gloria: era catástrofe anunciada. Zapatero «deixa tras de si un partido, que aínda leva no seu nome a palabra socialista, non ten ningún perfil político propio», escribía Thorsten Mense para konkret no seu número de outubro. [1] O Tagesspiegel falou de «desastre», o mesmo adxectivo que emprega o Frankfurter Rundschau, o Süddeutsche Zeitung cualificou o resultado dos socialistas españois de «catastrófico» e o Spiegel especula mesmo cunha escisión do PSOE pola esquerda. [2]
O esborralle electoral do PSOE (28'73% dos votos, 110 escanos) é a última mostra dunha tendencia de crise prolongada na socialdemocracia europea de posguerra. A leve mellora nas enquisas dalgúns partidos socialdemócratas europeos, recibida polos medios de comunicación cun entusiasmo digno de mellor causa, pode inducir a engano. O caso de Dinamarca é significativo. A pesar de entrar no goberno, os socialdemócratas obtiveron nas últimas eleccións un dos peores resultados da súa historia: a formación de Helle Thorning-Schmidt perdeu votantes e quedou nun 25%, moi lonxe da súa media histórica (por volta de 30%) e moito máis lonxe aínda do éxito de 1935, cando cultivou o 46% dos votos. En Francia, a vitoria de François Hollande sobre Martine Aubry nas primarias do Parti Socialiste supón o estancamento do partido no centro político, con miras a recoller tanto como poida o descontento cara a Nicolas Sarkozy e, por descontado, non supón ningún retorno ao programa do Congreso de Épinay (1971). En Alemaña, o SPD non só segue sen desdecirse oficialmente da política antisocial do goberno de Schröder, senón que o seu probábel candidato ás eleccións de 2013 será o schröderiano Peer Steinbrück, ministro de Finanzas durante a Grande Coalición (2005-2009) bendicido polo ex chanceler Helmut Schmidt e os medios de comunicación como contrapeso á á esquerda do partido de Andrea Nahles e compañía. De feito, non se descarta unha nova coalición entre socialdemócratas e conservadores para 2013, coa coalición roji-negra en Berlín -a opción menos esperada e a que finalmente triunfou- como precedente. En Holanda, Suecia e Finlandia da debilidade dos socialdemócratas aproveitáronse partidos ultras (o Partido da Liberdade de Geert Wilders, os Demócratas Suecos de Jimmie Åkesson, os Verdadeiros Finlandeses de Timo Soini) que entraron no parlamento. A nova promesa do laborismo británico, Ed Miliband, quedou despois da súa elección como presidente do partido setembro de 2010, niso: simple promesa. En Italia, o Partito Socialista Italiano desapareceu coa implosión do sistema de partidos tras o escándalo de corrupción de Tangentópoli, mentres o seu presidente, Bettino Craxi (quen, entre outros méritos, levantou politicamente a Silvio Berlusconi) buscaba refuxio no Tunes do autócrata Ben Ali na súa fuxida da xudicatura e do fisco italianos. O seu sucesor, o Partito Democratico non termina de despegar.
1973: crise do petróleo e crise da socialdemocracia
Como se chegou a este punto, nin os propios socialdemócratas o saben. A Friedrich-Ebert-Stiftung (o think tank do SPD que, dito sexa de paso, estivo detrás da reinvención da socialdemocracia española e da súa cesura do PSOE histórico durante a Transición) leva anos investindo considerábeis sumas de diñeiro niso sen chegar a ningún resultado concluínte. Quizá non é que non o saiban, quizá é que non queren sabelo. Con máis modestia e menos orzamento, Franz Walter, profesor de Ciencias políticas da Universidade de Göttingen e bo coñecedor da socialdemocracia alemá, sobre a que escribe regularmente para os semanarios Die Zeit, Spiegel e Freitag, expúxose mellor as preguntas nun dos seus últimos libros: Vorwärts oder abwärts? Zur Transformation der Sozialdemokratie (Berlín, Suhrkamp, 2010). (O título, Adiante ou para abaixo? Sobre a transformación da socialdemocracia, é un xogo de palabras co título do histórico xornal orgánico do SPD, Vorwärts!.)
A pesar da moita tinta vertida sobre a crise da socialdemocracia inmediatamente antes e despois da Primeira Guerra Mundial debido ao apoio dos socialdemócratas franceses e alemáns aos créditos de guerra, o certo é que a bolchevización do movemento obreiro europeo -o insurreccionalismo e o "centralismo democrático" deseñado para combater a autocracia rusa dificilmente podía axustarse á democracia das organizacións europeas- e os partidos socialdemócratas seguiron contando co respaldo maioritario dos traballadores, non só a pesar da formación de partidos comunistas (crecentemente tutelados por Moscova), senón de interesantes partidos socialdemócratas independentes e socialistas de esquerdas escindidos do tronco común socialdemócrata. No seu libro, Franz Walter data o comezo da crise da socialdemocracia europea de posguerra no ano 1973. O autor toma como base para a súa afirmación a do historiador británico Eric Hobsbawm de que «a historia do século XX foi, desde 1973, a historia dun mundo que perdeu a súa orientación.» Nada máis certo. De 1967 a 1973, a socialdemocracia europea viviu «o seis anos de ouro» da súa historia tras a Segunda Guerra Mundial. Pero a crise do petróleo e a ofensiva neoliberal (en tres frontes: o político, o económico e o ideolóxico) marcaron o comezo do declive dos socialdemócratas en Europa. Por que?
Walter apunta as seguintes causas para a crise da socialdemocracia: (1) considerar como incuestionábel o modelo de crecemento económico baseado nos combustibles fósiles, prexudicial para o medioambiente, que produciu a súa base electoral histórica; (2) as transformacións da clase obreira de posguerra en Europa tras os procesos de terciarización da economía en Europa occidental (1973 foi o primeiro ano en que o sector terciario superou ao secundario en Alemaña), e; (3) relacionada coa anterior, a súa incapacidade para saír do marco nacional e pensar internacionalmente, cunha Internacional Socialista completamente decorativa (de feito, quen se acordaría hoxe de que aínda existe se non fóra pola vergoñosa inclusión do Partido Nacional Democrático de Mubarak até 2011?) a medida que se deslocalizaban industrias e os partidos socialdemócratas perdían a súa tradicional base electoral.
A terciarización da economía en Europa, primeiro, e a deslocalización de empresas, despois, dividiu á clase obreira europea. As grandes unidades de produción, na que os obreiros traballan xuntos baixo un mesmo teito e cun mesmo horario de traballo e adquirían así a súa conciencia de clase de maneira bastante clara, víronse en poucos anos afectadas pola reestruturación debido á introdución das novas tecnoloxías informáticas e o paro, cando non o traslado á periferia do continente. Os mellor cualificados puideron atopar novos empregos no crecente sector servizos, e con eles, posibilidades de promoción social, non sendo a menor delas o traslado a unha nova residencia. Para o resto quedaron os traballos peor remunerados e o paro. A súa residencia era -non podía ser máis que- os vellos barrios obreiros, nos que a porcentaxe de parados creceu e os traballadores inmigrantes pasaban a ocupar as vivendas abandonadas polo primeiro grupo, visto con resentimento por quen se vían a si mesmo como orillados. Este resentimento formaría, andando o tempo, o núcleo de votantes da dereita populista racista, ao concentrarse a súa agresividade negativamente contra toda sorte de inimigos ficticios internos ou externos, así como individuos que caen fóra do marco da "normalidade" (esquerdistas, homosexuais, certas subculturas urbanas). A clase obreira, pois, non desapareceu, pero deixou de ter conciencia de selo. Non desapareceu como clase en si, só como clase para si. Este cambio afectou loxicamente ás organizacións do partido, que, compostas por "os gañadores" de 1973, foron, acorde á súa adquirida posición na estrutura social e os seus anhelos de clase media, cada vez menos democráticas. A crítica de Lenin a unha aristocracia obreira -un termo procedente da Inglaterra da segunda metade do XIX e que Lenin limitouse a proxectar sobre Europa- cobrou de súbito vixencia. Na sociología da época popularizou o termo "ascensor" (un ascensor que ía, por suposto, en dúas direccións, dependendo de quen o tomase). Neste fenómeno tiveron bastante que ver as organizacións socialdemócratas.
En contra do pregoado polo marxismo vulgar, algunhas concepcións do mundo inflúen sobre o curso da realidade social. No caso alemán, por exemplo, o abandono do marxismo no Congreso de Bad Godesberg (1959) tivo consecuencias prácticas: o SPD deixou de ser un partido de traballadores (Arbeiterpartei) para converterse nun partido de masas que aglutinase a outras clases sociais (Volkspartei). Se nun primeiro momento esta medida aumentou a súa base electoral e chegou co tempo a bloquear as posibilidades electorais ao catolicismo social existente no CDU, a longo prazo deixou desprovistas ás organizacións socialdemócratas, afectadas pola desaparición das grandes unidades de produción, da súa verdadeira razón de ser -escolas de socialismo, lugares de solidariedade e de creación dunha sub e contracultura propias- e moi pronto se converteron no vehículo ideal para a promoción social da nova clase media xurdida da posguerra, coa mira posta en non poucas ocasións na estabilidade da carreira como funcionario do estado. No seo das vellas organizacións socialdemócratas formouse unha nova clase dirixente sen experiencia, pero tampouco interese, en cuestións sociais e cun coñecemento superficial da historia do movemento obreiro e a análise política e económica. No proceso os grandes dirixentes históricos da socialdemocracia (Wilhelm Liebknecht, August Bebel, Aristide Briand, Jean Jaurès, Otto Bauer, Rudolf Hilferding, Clement Attlee ou Willy Brandt) arroxáronse sen máis ao vertedoiro da historia.
Da socialdemocracia ao social-liberalismo
Estes novos dirixentes creron erroneamente que a incapacidade da socialdemocracia para resolver os problemas derivados da crise de 1973 atopábase precisamente no vello instrumental para superala: análise racional de datos empíricos e intervención do estado. Os novos dirixentes socialdemócratas morderon o cebo do neoliberalismo, adoptaron o seu credo -desregulación e mercados libres contra un Estado social visto como un ineficaz Leviatán burocrático- e creron que o seu futuro electorado sería a clase media (que, como hoxe sabemos, era en boa medida unha ficción alimentada polo crédito), abandonando á clase obreira ao populismo racista («o socialismo dos parvos», en inmellorábel expresión de August Bebel) e a unha apatía existencial que nos mozos quedaba mitigada polo consumo, a cultura de masas alienada e o uso embrutecedor das drogas. O resultado desta maridaxe imposíbel entre a tradición socialdemócrata e o neoliberalismo de cuño anglosaxón recibiu, como é notorio, o nome de Terceira Vía, un termo que como Franz Walter se encarga de lembrar, préstase á confusión histórica: unha "terceira vía" entre bolchevismo e socialdemocracia parlamentaria buscábana os socialistas de esquerda dos anos trinta, e máis tarde os socialistas iugoslavos e os comunistas reformistas checos; outra "terceira vía", moi diferente, entre comunismo soviético e capitalismo occidental, reclamábana para si os nacional-bolxeviques, os fascistas italianos e aínda o catolicismo político na década do trinta. A diferenza estriba, como sinala Walter, en que os austromarxistas pensaban nunha terceira vía «no socialismo, entre a autocracia comunista e a pusilanimidade reformista [mentres que a] Terceira Vía de Anthony Giddens ou Bodo Hombach de finais do século XX, pola contra, había de seguir unha senda concreta no seo das sociedades de mercado, non contra elas, nin para ir máis aló delas.»
Bodo Hombach -descrito como o "mozo prodixio do Ruhr" por The Economist- e Peter Mandelson -o spin doutor favorito de Tony Blair e autor da frase «We are utterly relaxed about some people getting filthy rich»- foron os principais ideólogos da Terceira Vía coa publicación, en 1999, do seu manifesto:The way ahead for Europe's Social Democrats. Neste texto (que lido hoxe soa segundo Walter «tremendamente superficial») rexeitábase a intervención estatal ao mesmo tempo que se aceptaba a función dirixente dos mercados financeiros (pola súa «creatividade e innovación»), as rebaixas de impostos e vantaxes fiscais para as grandes empresas e, en definitiva, todo o que nos conduciu á situación actual. Anthony Giddens -un inimigo declarado da socialdemocracia tradicional e de todo o asociado a ela- fixo o que adoitan facer solícitamente os profesores de universidade ben estabelecidos: lexitimar academicamente o manifesto de Hombach-Mandelson e darlle unha pátina de prestixio intelectual. Os discursos enchéronse a partir de entón de termos como "gobernanza", "sociedade do coñecemento", "sinerxías" e "eficiencia", unha xerga tecnocrática que pronto derivou en bullshit. Na primavera da Terceira Vía non só floreceron cen escolas de pensamento, todas máis ou menos igual de mediocres: os socialdemócratas non se avergoñaban de exhibir estilos de vida moi afastados dos dos seus votantes nin de fotografarse xunto a destacados multimillonarios en soadas festas. A asimilación acrítica da linguaxe e costumes neoliberais foi tal que en Berlín un sorprendido Guido Westerwelle, o presidente dos Liberais, criticou aos socialdemócratas por copiar o programa do seu partido.
A pesar de todo o anterior, non foi a clase obreira -fraccionada como puidese estar- quen abandonou á socialdemocracia, senón a socialdemocracia quen abandonou á clase obreira. Mentres durou o boom económico, os socialdemócratas chegaron a ter o goberno de 11 dos 15 países da Unión Europea, incluídos os do tres maiores economías: Alemaña, Francia e o Reino Unido. Pero como dixo Abraham Lincoln nunha ocasión, non se pode enganar a todo o mundo todo o tempo, así que foi cuestión de tempo que a clase obreira terminase por abandonar á socialdemocracia: se en 1998 Schröder tiña un apoio do 49% entre os traballadores, no 2009, o seu sucesor Frank-Walter Steinmeier (a quen os sindicatos retiraran o seu histórico apoio) só conseguía o 24% (menos que o CDU) e perdía máis de 10 millóns de votos. O Partido do traballo holandés (PvdA) obtivo o peor resultado da súa historia no 2002; os socialdemócratas suecos (SAP) no 2006; o Partido socialdemócrata austríaco (SPÖ) no 2008; o Partido socialdemócrata alemán (SPD) no 2009; o Partido laborista obtivo o seu peor resultado desde 1931 nas eleccións xerais de 2010 (un ano antes quedara por detrás do euroescéptico UKIP nas eleccións europeas); e así até o 2011, cando o PSOE obtivo o peor resultado da súa historia. Nas municipais os partidos socialdemócratas víronse superados nos seus feudos históricos por conservadores, liberais, verdes e, no caso de Estocolmo, mesmo por detrás do Partido Pirata, quedando en ocasións en terceira e cuarta posición. A dereita populista beneficiouse da desfeita en Austria e en Francia, onde Jean-Marie Lle Pen disputou famosamente a Jacques Chirac a segunda volta das presidenciais tras desbancar ao candidato socialista Lionel Jospin. A perda de militantes entre a socialdemocracia europea cóntase así mesmo por miles. O Partido Laborista de Tony Blair tiña 400.000 militantes en 1997, o de Gordon Brown 160.000; 123.000 militantes perdeu a socialdemocracia norueguesa entre 1985 e 2003; 160.000 en Suecia entre 1991 e 2008; 150.000 en Dinamarca entre 1960 e 2007; 44.000 en Holanda entre 1990 e 2010. O perfil do seu militante actual é home, traballador cualificado no sector público e rozando os 60 anos, lonxe do pluralismo integrador que se lle supón a formacións socialistas.
A desorientación política non é menos espectacular: mentres os socialistas españois alzan o puño en Rodiezmo, os seus parlamentarios aprobaban duras medidas de austeridade; mentres a secretaria xeral do SPD Andrea Nahles esfórzase con teimosía en manter o perfil esquerdista da socialdemocracia alemá, o antigo senador de Berlín Thilo Sarrazin proclama a superioridade xenética dos alemáns alí onde lle conviden a tomar a palabra. E así por todas partes. Rémi Lefebvre, profesor de Ciencias políticas en Reims, expresouse categoricamente: «ninguén sabe xa a favor de que está o PS, a quen defende e de quen son inimigos.» O ex ministro socialista de Cultura francés Jack Lang é aínda máis pesimista e define directamente ao PS como «unha árbore seca.» En efecto, a Axenda 2010 de Schröder -cuxa aprobación quedou expedita tras obrigar a Oskar Lafontaine, vítima dunha campaña de desprestixio, a dimitir como ministro de Finanzas e Presidente do SPD- foi o punto de non retorno, non só no político: que a maior campaña de desmantelamento do Estado do benestar fose planeada e executada por socialdemócratas e verdes conmocionou ao electorado alemán, de maneira bastante similar a que recentemente se viu conmocionado o grego ou o español. Nos anos de Schröder o índice de pobreza aumentou do 12 ao 18%, a taxa de traballadores pobres (working poor) duplicouse, o traballo precario floreceu tanto como o fixeron os hedge funds. As axudas sociais do Hartz-IV non só non conseguiron pór fin a nada disto, senón que crearon un exército de funcionarios-sentinela. O exército alemán volveu participar nunha guerra en Iugoslavia e en Afganistán cos socialdemócratas e verdes no goberno. O PSOE e o PASOK aproban medidas que prometeron que non aprobarían, ofrecendo ao seu electorado unha imaxe de bonecos de lá perante as inxerencias externas e creando unha crise de lexitimidade dos seus respectivos sistemas democráticos. Efectivamente, ninguén sabe a favor de que están os socialdemócratas, a quen defenden e de quen son inimigos.
Hai futuro para a socialdemocracia?
«A improvisación converteuse no estilo político dos chanceleres socialdemócratas desde Helmut Schmidt até Gerhard Schröder. Ningún deles tivo nunca un plan nin un proxecto sólido», escribe Franz Walter. «Non é ningunha sorpresa que os cidadáns sentan decepcionados. O cinismo, o descontento e a frustración esténdense por todo o país.» Isto díxoo alguén próximo ao chanceler Helmut Schmidt en 1976, pero podería dicirse -como coa primeira frase de Walter- exactamente o mesmo da socialdemocracia de hoxe. [2] Sinais de cambio, non llas ve por ningunha parte. No 2009, a única resposta de Steinmeier ao peor resultado da historia do SPD foi («en apodíctico staccato», como escribe Franz Walter) a seguinte: «O grupo parlamentario vai ben, o partido tamén. Glück auf!». Nun informe da Friedrich-Ebert-Stiftung publicado o ano pasado titulado "O debate sobre a 'boa sociedade'. Cara a onde vai a socialdemocracia en Europa? Claves para a análise", o romanés Christian Ghinea descolgábase coas seguintes afirmacións:
«o dumping social é o mellor que puido pasarlles aos traballadores romaneses nos últimos anos, dado que se trasladaron a Romanía postos de traballo de empresas de Europa occidental. Naturalmente, gustaríanos gañar tanto como a xente de Occidente, pero en realidade só temos dúas opcións, ou ben os nosos actuais postos de traballo ou ningún traballo. (A pesar de que os ingresos poden parecer ridículos para os europeos occidentais, o ingreso nominal aumento un 75% entre 2005 e 2008 en virtude dos soldos e salarios das empresas que trasladaron as súas fábricas a Romanía). Que se supón que ten que facer un romanés que queira construír unha boa sociedade? Impedir o dumping social a fin de non pór en perigo postos de traballo en Occidente? Non é o caso?» [3]
A crise financeira de 2008 supuxo para algúns o lento espertar social da socialdemocracia europea. Non pode continuar como partido de masas enfocado a unha menguante clase media, maais tampouco regresar aos seus postulados tradicionais, pois mentres tanto novos partidos socialistas á esquerda da socialdemocracia -alí onde a esquerda soubo superar a súa patolóxica tendencia ao sectarismo, como en Holanda ou Alemaña- ocuparon o seu lugar de outrora. A socialdemocracia «foi finalmente desposuída semántica e ideológicamente», escribe Walter. «Carece mesmo -continúa- de algo aproximado a un concepto contrario, dunha paradigma alternativo á profundamente desacreditada ideoloxía do campo contrario.» A razón? A ideoloxía do campo contrario pasou a ser a súa propia ideoloxía. Ao contrario que no conto de Augusto Monterroso, poida que cando finalmente esperte, a socialdemocracia europea descubra que xa non está alí.
Notas:
[1] Thorsten Mense, "Alles auf Abriß", konkret, p. 18.
[2] "Machtwechsel: Spaniens Konservative feiern Sieg über Zapatero", Tagesspiegel, 20 de novembro. "Rechtsruck in Spanien: Konservative erringen absolute Mehrheit", Frankfurter Rundschau, 20 de novembro. "Parlamentswahlen - Spaniens Konservative erringen absolute Mehrheit", Süddeutsche Zeitung, 20 de novembro. "Regierungswechsel in Spanien: Wahlsieger mit Giftliste", Spiegel, 20 de novembro.
[3] Franz Walter, "Mythos Schmidt", Freitag, 3 de novembro de 2011.
[4] Henning Meyer e Karl-Heinz Spiegel, "O debate sobre a 'boa sociedade'. Cara a onde vai a socialdemocracia en Europa? Claves para a análise", p. 11.
Nenhum comentário:
Postar um comentário