13/11/2011

Grecia, Italia e os sagaces sarcasmos de Karl Marx sobre os "gobernos técnicos"

Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por nós.  Marcello Musto, o autor do artigo, é profesor de ciencia política na York University de Toronto e editor de libro recentemente publicado en castelán: Tras las huellas de un fantasma. La actualidad de Karl Marx (http://www.sigloxxieditores.com.mx/index.php?main_page=product_info&cPath=29&products_ide=5051) .
O cadro é de Goya.

De regreso, desde fai uns cuantos anos, ao debate xornalístico de todo o mundo pola análise e o prognóstico do carácter cíclico e estrutural das crises capitalistas, Marx tamén podería lerse hoxe en Grecia e Italia por outra motivo: a reaparición do "goberno técnico".

En calidade de xornalista da New York Tribune, un dos diarios con maior difusión do seu tempo, Marx observou os acontecementos político-institucionais que levaron na Inglaterra de 1852 ao nacemento dun dos primeiros casos de "goberno técnico" da historia: o gabinete Aberdeen (decembro de 1852/xaneiro de 1855).

A análise de Marx resulta notabilísimo en punto a sagacidade e sarcasmo. Mentres o Times celebraba o acontecemento como signo do ingreso "no milenio político, nunha época na que o espírito de partido está destinado a desaparecer e na que soamente o xenio, a experiencia, a laboriosidade e o patriotismo darán dereito ao acceso aos cargos públicos", e pedía para ese goberno o apoio dos "homes de todas as tendencias", porque "os seus principios esixen o consenso e o apoio universais"; mentres iso dicían os editorialistas do diario londiniense, Marx ridiculizaba a situación inglesa no artigo "Un goberno decrépito. Perspectivas do gabinete de coalición", publicado en xaneiro de 1853. O que o Times consideraba tan moderno e ben atado, presentouno Marx como unha farsa. Cando a prensa de Londres anunciou "un ministerio composto de homes novos", Marx declarou que "o mundo quedará un tanto estupefacto ao decatarse de que a nova era da historia está a piques de ser inaugurada nada menos que por gastados e decrépitos octoxenarios (...), burócratas que viñeron participando en case todos os gobernos habidos e por haber desde fins do século pasado, asiduos de gabinete dobremente mortos, por idade e por usura, e só con artificio mantidos con vida".

Á parte do xuízo persoal, estaba, claro é, o xuízo, máis importante, sobre a política. Pregúntase Marx: "cando nos promete a desaparición total das loitas entre os partidos, incluso a desaparición dos partidos mesmos, que quere dicir o Times?". O interrogante é, desgraciadamente, de estrita actualidade nun mundo, como o noso, en que o dominio do capital sobre o traballo volveu a facerse tan salvaxe como o era a mediados do século XIX.

A separación entre o "económico" e o "político", que diferencia ao capitalismo de modos de producir que o precederon, chegou hoxe ao seu cume. A economía non só domina á política, fixándolle axenda e decisións, senón que lle arrebatou as súas competencias e privouna do control democrático, e a punto tal, que un cambio de goberno non altera xa as directrices da política económica e social.

Nos últimos 30 anos, inexorabelmente, procedeuse a transferir o poder de decisión, da esfera política á económica; a transformar posíbeis decisións políticas en incontestábeis imperativos económicos que, baixo a máscara ideolóxica da apoliticidade, disimulan, ao contrario, un enxerto netamente político e de contido absolutamente reaccionario. A redislocación dunha parte da esfera política na economía, como ámbito separábel e inalterábel, o paso do poder dos parlamentos (xa suficientemente baleirados de valor representativo polos sistemas electorais maioritarios e pola revisión autoritaria da relación entre poder executivo e poder lexislativo) aos mercados e ás súas institucións e oligarquías constitúe na nosa época o maior e máis grave obstáculo atravesado no camiño da democracia. As cualificacións de Standard & Poor's ou os acenos procedentes de Wall Street (eses enormes fetiches da sociedade coeva) valen ben máis que a vontade popular. No mellor dos casos, o poder político pode intervir na economía (as clases dominantes necesítano, mesmo, para mitigar as destrucións xeradas pola anarquía do capitalismo e a violencia das súas crises), mais sen que sexa posíbel discutir as regras desa intervención, nin menos as opcións de fondo.

Exemplo cegador de canto levamos dito son os sucesos destes días en Grecia e en Italia. Tras a impostura da noción dun "goberno técnico" (ou, como se dicía en tempos de Marx, do "goberno de todos os talentos") ocúltase a suspensión da política (referendo e eleccións están excluídos), que debe ceder en todo á economía. No artigo "Operacións de goberno" (abril de 1853), Marx afirmou que "seica o mellor que poida dicirse do goberno de coalición ("técnico") é que representa a impotencia do poder (político) nun momento de transición". Os gobernos non discuten xa sobre as directrices económicas facedeiras, senón que son as directrices económicas as parteiras dos gobernos.

No caso de Italia, a lista dos seus puntos programáticos púxose negro sobre branco nunha carta (que, encima, tiña que ser secreta!) dirixida polo Banco central Europeo ao goberno Berlusconi. Para "recuperar a confianza" dos mercados, é necesario avanzar expeditamente pola vía das "reformas estruturais" -expresión que chegou a ser sinónimo de estrago social-, é dicir: redución de salarios, revisión dos dereitos laborais en materia de contratación e despedimento, aumento da idade de xubilación e, en fin, privatizacións a grande escala. Os novos "gobernos técnicos", encabezados por homes crecidos baixo o teito dalgunhas das principais institucións responsábeis da crise (véxase, hoxe, o currículo de Papademos; mañá ou pasado, o de Monti), seguirán esa vía. Nin que dicir ten, por "o ben do país" e polo "futuro das xeracións vindeiras". De face á parede calquera voz disonante do coro.

Porén se a esquerda non quere desaparecer, ten que volver saber interpretar as verdadeiras causas da crise en curso, e ter a coraxe de propor e experimentar as respostas radicais que se precisan para superala

Nenhum comentário: