Foto de Xurxo Lobato. |
No seu extenso discurso, Beiras facía unha fonda análise da situación, non só da catástofe en sí [1. Relato do naufraxio do Prestige] e do cúmulo de erros cometidos pola Xunta e Goberno Central [3. O comportamento dos protagonistas na catástrofe], senón tamén da situación sociopolítica galega que evidenciaba a xestión da catástrofe - a toma de conciencia por parte da cidadanía do que supón ser unha "nación sen Estado" - e das causas profundas do desastre medioambiental [2. A xénese das condicións previas da catástrofe do "Prestige"], rematando cunha serie de alternativas ante a situación de indefensión da Galiza fronte ao tráfico de mercadorías perigosas nas nosas costas [5. A alternativa está na cidadanía galega].
"A cidadanía galega, e mesmo a de todo o Estado, descubría de súpeto que o Goberno español e a Xunta de Galiza carecían dun plan de medidas preventivas, de controis sobre o tránsito de buques perigosos polo corredor de Fisterra, dun plan de acción inmediata defensiva frente ao sinistro do Prestige, de buques e medios loxísticos para combater a marea negra do "chapapote", dun plan de protección civil merecente de tal nome, e mesmo de protección ningunha de ningunha caste frente á adversidade" ... "Nin sequera saben quén somos e o que somos. Chámannos pescadores. Pescadores son os que pescan con cana nas rochas. Nós somos mariñeiros. É que España non ten costas?" - dicía un neno da Costa da Morte en Tele5 -. "Un goberno que non saben quén son e o qué son os cidadáns que ten que defender, que non coñece a súa identidade e a súa condición, é un goberno alleo e alienado dos cidadáns, é un goberno de alieníxenas. Os cidadáns galegos descubriron todo iso, e percibiron subitamente o sentido exacto, o rigor semántico, o significado preciso da definición de Galiza como nación sen Estado: nin o tiña propio, e até a Xunta demitía do seu poder autónomo, nin funcionaba como Estado dos cidadáns galegos o que pretendía e dicía ser o seu. Os cidadáns comprobaran que durante trinta anos, dende a catástrofe do Polycomander no 1970, até esta de agora do Prestige, sucedéranse no Estado gobernos franquistas, centristas, socialistas e pepeístas, e que todos eles mantiveran indefensas as costas galegas, o seu ecosistema e a economía das xentes mariñeiras"... "Só ficaron loitando os cidadáns que son galegos sen máis, sen teren que ser coma outro, senón seren simplemente, valentemente, cidadáns galegos. Por iso bradaban en Compostela pedindo a súa demisión [a de Fraga], e mais a dos gobernos en plural, ou sexa o español e o galego"... "É a cidadanía galega a protagonista, son os galegos e galegas de nación os que, sen pretendelo, asumiron o protagonismo da acción dramática, ao asumiren por si mesmos as responsabilidades das que as institucións políticas, centrais e autonómicas, fixeron deixación e abandono. Fallou o Estado e emerxeu a nación".
O discurso foi publicado por Laiovento no ano 2003 (79 páxinas).
- XOSÉ MANUEL BEIRAS (2003): A catástrofe do "Prestige". Edicións Laiovento. col. Breviarios.
Nenhum comentário:
Postar um comentário