04/11/2011

Grecia perante a inmoralidade do ultraliberalismo

Tirado de La Jornada (aquí) e traducido por nós para o galego.



Onte, en coincidencia co arranque da reunión cimeira do G-20 que se realiza en Cannes, Franza, cuxa axenda foi practicamente monopolizada pola crise en Grecia, o primeiro ministro deste país, Giorgios Papandreou, decidiu dar marcha atrás na súa intención de realizar un referendo sobre o rescate aprobado a semana pasada polos gobernos da Unión Europea, o cal supostamente salvaría á nación mediterránea da quebra económica, e chamou á oposición conservadora, articulada no partido Nova Democracia, a integrar un goberno de unidade que impulse unha solución á crise.

Aínda que a medida tivo o efecto inmediato de acougar os mercados bolsistas, sumidos na incerteza tras o anuncio formulado por Papandreou a inicios de semana, a claudicación dos planos do goberno de Atenas ante as presións das autoridades de Bruxelas, da oposición conservadora e de sectores do seu propio partido -o Movemento Socialista Panhelénico (PASOK)- pon en perspectiva a inmoralidade intrínseca da dinámica económica dominante, en función da cal a tranquilidade dos capitais é sistematicamente colocada  sobre a vontade e os intereses das poboacións.

En efecto, aínda que o referendo proposto por Papandreou expuxo de entrada unha disxuntiva entre dous escenarios negativos (a aprobación de cotas adicionais de sacrificio para a poboación helénica vía novos recortes orzamentarios ou a eventual quebra dese país como resultado do retiro das axudas financeiras outorgadas pola UE e a consecuente ameaza de desfeitas planetarias), a decisión de consultar á poboación dese país sobre medidas que afectarán a súa vida e os seus destinos era en si mesma plausíbel, e se algo podía reprocharse ao goberno de Atenas é que a adoptou até agora e non hai meses, cando foron impostas as primeiras "terapias de choque" á castigada sociedade grega.

Agora, a consecuencia dos titubeos iniciais do seu goberno e de presións endóxenas e exógenas, Grecia colócase na perspectiva dun agravamento non só da súa crise económica, senón tamén da social e a política, se se toma en conta o previsíbel descontento que provocará a aplicación do novo plan de  "salvamento" europeo, e se se considera a posibilidade dun intempestivo cambio de réxime nese país: isto ultimo podería ocorrer hoxe mesmo, no caso de que Papandreou non logre superar a moción de confianza que se votará no Parlamento, ou nos días próximos, se se dá crédito ás versións extraoficiais de que o primeiro ministro grego renunciará en canto logre pactar unha coalición gobernante que poida levar adiante o paquete de medidas impostas pola UE.

No estado actual de cousas é pertinente insistir no erro que cometen os gobernos europeos ao presentar como solución á crise grega a aplicación do receitario do chamado consenso de Washington, que preconiza unha suprema austeridade fiscal, o castigo económico ás poboacións de países en apertos e a rendición das nacións aos intereses dos capitais financeiros transnacionais. Tras os desastrosos resultados do ultraliberalismo (que se viviron nos países pobres, como o noso, moitos anos antes que nas nacións ricas que o impuxeron en case todo o planeta), a solución aos problemas de economías como a grega pasa pola reactivación da produción e os mercados internos e polo estabelecemento de límites aos apetitos insaciábeis da especulación capitalista.

Agora, cando o mundo se volve a colocar na perspectiva dunha nova catástrofe económica de grande magnitude, é urxente que as distintas autoridades nacionais (como as que se reúnen nestas horas en Cannes) discutan e emprendan a postergada reforma do modelo económico vixente. Pola contra, traxedias como a grega seguirán repetíndose cíclicamente e os pobos seguirán pagando as consecuencias da irracionalidade e o desmedido afán de ganancias dos capitais especulativos e os circuítos financeiros.

Nenhum comentário: