17/11/2011

Non á abstención

Vicenç Navarro. Artigo tirado de Público (aquí). Ilustración Mikel Jaso.

O esquecemento do pasado recente do Estado español, alentado primordialmente polos partidos conservadores, explica que grande parte da mocidade coñeza moi pouco a historia deste país. Da Segunda República, por exemplo, adoita descoñecerse que foi unha das épocas máis reformistas e con maiores cambios na primeira metade do século XX, a pesar da súa brevidade. Da ditadura descoñécese tamén que foi das máis sanguentas que houbo en Europa, como o mostra que por cada asasinato político que cometeu Mussolini, Franco cometeu 10.000. O que se lles transmitiu aos mozos é que aquel réxime permitiu o desenvolvemento económico e social do país, co surgimiento das clases medias que presionaron para que se fixese a Transición á democracia (considerada como modélica) guiada polo monarca, que nos conduciu a unha democracia homologábel a calquera democracia europea.

A realidade, con todo, foi moi distinta. A ditadura impuxo un enorme atraso económico, político e social ao país, de maneira que cando o ditador morreu, tiñamos as desigualdades máis grandes, e o gasto público social e o nivel educativo máis baixos da Europa occidental.

 Tamén se ignora que a Transición da ditadura á democracia fíxose en termos moi favorábeis ás forzas conservadoras, aínda cando o maior impulso que forzou o fin da ditadura procedeu das mobilizacións populares, e moi en especial da clase traballadora das distintas nacións e pobos de España. O noso país tivo o maior número de folgas de Europa entre 1974 e 1978, de maneira tal que, aínda que o ditador morreu na cama, a ditadura morreu na rúa. Tal presión, con todo, non foi suficiente para que houbese unha ruptura co réxime anterior. As forzas conservadoras continuaron tendo un dominio case completo dos aparellos do Estado, así como das institucións financeiras e económicas e grande parte dos medios de maior difusión.

Este dominio determinou, entre outros feitos, o deseño da Lei Electoral, que tiña como obxectivo debilitar ás esquerdas en xeral e ao Partido Comunista en particular. Tal partido protagonizara a loita contra a ditadura e era percibido polos sucesores do franquismo como o seu maior inimigo. Esta lei estabeleceu as bases dun bipartidismo que, nesgado cara á dereita, dificultou enormemente a aparición e crecemento no arco parlamentario de opcións de esquerda. A esquerda maioritaria, ao ver que este deseño a beneficiaba a ela á conta da máis temida e radical, apoiou tal bipartidismo que, aínda cando favoreceu o tamaño do seu grupo parlamentario, dificultou o desenvolvemento do seu programa electoral, pois ao non obter facilmente maiorías, tívose que aliar máis frecuentemente coas dereitas nacionalistas conservadoras que cos partidos á súa esquerda. O feito de que o Goberno tripartito catalán fose máis progresista e avanzado nas súas reformas que o Goberno socialista español débese precisamente a que o Partido Socialista de Catalunya tivo que aliarse con outros partidos á súa esquerda. Tal Goberno tripartito liderou o período máis progresista que vivise Catalunya no últimos setenta anos, o cal explica a enorme hostilidade que espertou no establishment nacionalista conservador catalán.

 O rumbo do proceso electoral e as alianzas que determinou explica o enorme e crecente desfasamento entre o que a poboación desexa e o que os gobernos aproban, un desfasamento especialmente prexudicial para o Goberno socialista, cuxas renuncias durante o período 2008-2010 ás súas promesas electorais crearon un enorme rexeitamento. Iso deu pé a que as dereitas (sucesoras, na súa maioría, das forzas que dominaron a ditadura) se aproveitasen renartemente, presentándose como "o partido dos traballadores" criticando ao Goberno Zapatero con argumentos propios da esquerda. Entre outros, sinalaron que o Reino de España é o país con maiores desigualdades na UE, ocultando que foron tales forzas, que o PP representa, as causantes de que España fose sempre o país con maiores desigualdades, que se incrementaron coa crise e que, sen ningunha dúbida, acentuaranse aínda máis coas políticas ultraliberais que o PP propuxo, no caso de que goberne.

Esta distancia xerou unha protesta xeneralizada, liderada polo Movemento 15-M, que goza dun amplo apoio popular (o 62% da poboación), e que está indignado coa clase política porque considera que non os representa. Unha resposta comprensíbel perante esta situación, pero errónea, sería a de absterse. O movemento de rebelión continuará e incrementarase aínda máis co futuro que se aveciña. A recuperación da democracia esixe unha segunda transición desde a democracia incompleta á democracia que a cidadanía esixe, que inclúe unha representatividade máis proporcional e formas de participación directa, hoxe practicamente inexistentes. Requírense, ademais, cambios profundos, tanto na Lei Electoral como no sistema de financiamento dos partidos e a súa democratización.

Porén isto non se conseguirá absténdose. A loita pola democracia vai ser unha loita longa e difícil que debe realizarse en todas as frontes. As necesarias mobilizacións e a axitación social son esenciais. Pero esta necesaria presión, para ter impacto sobre o benestar da poboación, debe traducirse tamén en intervencións lexislativas, o cal require unha presión sobre as únicas institucións representativas existentes, por insuficientes que sexan. De aí a enorme importancia de apoiar a aqueles partidos que, pola súa orixe e historia, poidan e queiran apoiar ao necesario movemento de rebeldía.

Nenhum comentário: