21/12/2011

Cimeira do euro: os mercados europeos imperturbábeis

Michael R. Krätke. Artigo tirado de SinPermiso (aqui) e traducido por nós. Michael R. Krätke, membro do Consello Editorial de SINPERMISO, é profesor de política económica e dereito fiscal na Universidade de Ámsterdam, investigador asociado ao Instituto Internacional de Historia Social desa mesma cidade e catedrático de economía política e director do Instituto de Estudos Superiores da Universidade de Lancaster no Reino Unido. 

Os mercados financeiros continúan indiferentes após as promesas do último Cume da Unión Europea. E o consenso de Bruxelas vén abaixo, tal e como o mostra o distanciamento de Dinamarca. 



Os valores bolsistas da primeira metade desta semana son un claro indicio: a crise europea segue a súa marcha. Non se resolverá nin a curto nin a medio prazo coas decisións do Cimeira da Unión Europea do próximo oito de marzo. Volverémonos a ver como moi tarde en marzo, e probabelmente moito antes. Oficialmente, toda Europa cre xa que a crise é unha consecuencia do endebedamento dos estados e que se pode saír dela a base de aforrar se o coitelo se afunde o suficiente na graxa dos Estados do benestar europeos. Non obstante, mesmo para os grandes analfabetos económicos entre as nosas elites debería ser claro que así só se manobra para encamiñarnos cara a unha depresión aínda máis longa e máis profunda. 

Todo economista sabe que os medios previstos para o Fondo Europeo de Estabilidade Financeira (FEEF) e o Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE) non alcanzan para poder axudar a países como España, Italia ou Francia. Calquera sabe que a data proposta polo MEE, xuño de 2012, non será suficiente. Para que o Banco Central Europeo (BCE) non compre máis bonos europeos buscouse un curioso atallo a través do FMI: un crédito de 200 mil millóns de euro dos países da Unión Europea ao Fondo Monetario Internacional para que os estados arruinados de Europa poidan recibir axuda. Que os Estados Unidos e outros países membros do FMI non colaborarían era claro desde un bo comezo.

Ningún Plano Marshall

Nada de todo isto se fixo en interese de Alemaña, nada de todo isto se fíxo en interese de Europa. Nin a política de austeridade que se impuxo aos estados veciños da Unión Europea que seguirá reforzando as desigualdades estruturais da UE, nin a a atracción secundaria da carreira coa que se persegue ao endebedamento estatal cunha política de símbolos. Tamén os alemáns terán que pagar amargamente polo curso dos acontecementos que agora ten lugar. Canto máis se impoña Merkel, maior será o montante da factura final. Dunha regulación dos mercados financeiros, dunha limitación aos bancos para a creación de diñeiro, estamos tan lonxe hoxe como hai dous anos. Unha unión monetaria e fiscal europea tería aquí todo o seu sentido: regras de xogo comúns para un mercado de capitais e divisas común, impostos comúns e deseñados para todo o mundo por igual, planificación financeira común, un mercado común para os préstamos gobernamentais de Europa. Todo iso brillou pola súa ausencia. E hoxe como onte non temos ningunha política económica común, nin sequera para unha parte do continente, como tampouco temos o urxentemente necesario Plano Marshall para algúns dos países do sur de Europa.

O veto do Machtpolitiker David Cameron -un partidario da política de austeridade no seu propio país non menos fanático que Merkel en Alemaña- proporcionou o esprit de l'escalier adecuado á función. [1] Contra os topes de débeda (Schuldenbremsen), as multas disciplinarias para os países que incorran en déficit, os  xuros excesivos e outros artigos de fe neoconservadores semellantes Cameron non tivo nada que dicir. Para el todo reducíase a protexer a City of London de calquera tipo de regulación procedente do continente. Tras décadas de desmantelamento industrial aos británicos só queda -ademais das súas excelentes universidades, ás que están a arruinar a forza de obrigalas a recortar orzamentos- a súa así chamada "industria financeira". En consecuencia ninguén se atreve a amentar á City. Tanto Merkel como Cameron xogan cos resentimentos nacionalistas dos seus cidadáns airados (Wutbürger). Cameron utiliza ademais o sentimento euroescéptico das illas.

A mercé dos especuladores 

A través dos interminábeis atrasos e bloqueos de cada solución necesaria e con sentido, Merkel e compañía lograron converter un problema marxinal e non demasiado complicado de xestionar nun problema de toda a Unión Europea. A táctica de gañar tempo botando por terra todas estas solucións unha e outra vez comportou até a data unha soa cousa, a saber: que os bonos do tesouro dos estados dos países da zona euro -que unha vez foron portos seguros- convertéronse hoxe practicamente sen excepción en títulos especulativos. Os especuladores profesionais enriquecéronse e séguense enriquecendo grazas á prolongada crise de débeda, facéndose de ouro.

E os señores dos mercados financeiros seguen completamente imperturbábeis perante a visión da flamante nova disciplina orzamentaria tanto como co prospecto de novos límites de endebedamento. Os xuros e os beneficios dos empréstitos europeos soben alegremente. Cando nos próximos de tres a catro meses falten os centos de miles de millóns de euros necesarios para refinanciar os préstamos do estado en Italia, España e Francia, ningunha dogma orzamentario nin ningún tope de débeda servirán de axuda. As axencias de cualificación crediticia, a quen debemos realmente esta obra de arte, fan avanzar estupendamente a crise co anuncio de pór a todos os estados da zona euro, cando non a toda a Unión Europea, baixo observación.

Máis da metade dos alemáns tremen ante a ameaza de inflación, de modo semellante a como o fai o propio Bundesbank (banco central alemán). Aínda que ninguén se beneficiou tanto do euro e, paradoxalmente, da crise do euro como os alemáns, estes vense a si mesmos como as vítimas e como os principais pagadores. A coalición entre conservadores e liberais en Berlín xoga cos resentimentos nacionais e resucitou -por vez primeira desde 1990- a xermanofobia en toda Europa. Da mestura, tipicamente alemá, de política partidaria curta de miras e dogmatismo político, os alemáns e toda Europa pagan un elevado prezo.

NOTA T.: [1] L'esprit de l'escalier (en francés: o enxeño da escaleira) é unha expresión francesa que describe o acto de pensar nunha resposta enxeñosa cando é demasiado tarde para dala. Este fenómeno vén usualmente acompañado dunha sensación de pesar e arrepentimento, unha "consciencia intranquila". Foi acuñada por Denis Diderot no seu Paradoxe sur lle Comédien. A frase utilízase cando nos vén á cabeza un insulto ou unha réplica enxeñosa demasiado tarde, cando xa estamos a baixar a escaleira da tribuna. Data da época en que a palabra esprit, que significa espírito ou mente, usábase comunmente para designar o enxeño. (Wikipedia)

Nenhum comentário: