02/05/2012

Privatizalo todo

Ramón Cotarelo. Artigo tirado de Público.es (aquí) e traducido por Revolta IrmandiñaRamón Cotarelo é catedrático de ciencias políticas.



Para os colectivos máis radicais a crise non é unha crise senón unha estafa. Ten toda a pinta, desde logo porque, se non está moi claro como se desencadeou en concreto, debido a que decisións e de quen, si o está, pois non o ocultan, a quen beneficiou e segue beneficiando: aos famosos fondos de risco, aos financeiros, aos especuladores, aos bancos rescatados con diñeiro público, aos executivos das grandes empresas a quen estas compensan pola súa incompetencia con bónus millonarios. En definitiva, a quen a provocaron. É razoábel pensar que o fixesen á mantenta, como unha estafa, e é lamentábel comprobar que ningún país dispón de posibilidades de pór fin a estes comportamentos ou de castigalos. Os mercados son o terreo da lei do máis forte e a ideoloxía económica dominante, pagada nos seus centros de fabricación por eses mesmos beneficiados, pretende que siga sendo así. E así seguirá sendo mentres os poderes políticos tamén obedezan os ditados de quen se lucran con tan inxusto barullo.

Ademais dunha estafa a crise é un pretexto, unha ocasión para o desenvolvemento dun modo de produción que non admite outra lóxica que o triunfo total dos seus orzamentos. O capitalismo alcanza o seu triunfo político coa revolución burguesa cuxo símbolo é a abolición do "antigo réxime" outro nome para o feudalismo que, en esencia, non é outra cousa que a confusión entre o público e o privado ou a privatización de todas as relacións de poder pois se basea nos contratos de submisión persoal dos vasallos aos señores. Agora ben, unha vez terminado ese antigo réxime e separado o público do privado, a burguesía sacraliza o ámbito da sociedade civil, das relacións mercantís e pretende colonizar o Estado e instrumentalizarlo ao servizo deses intereses privados. É dicir, vencendo o réxime feudal, o capitalismo pretende refeudalizar o Estado someténdoo non ás relacións bilaterais entre particulares senón ás multilaterais do mercado mais non menos privadas. Para o capitalismo o Estado, os poderes públicos, non son o garante do ben común (concepto que ten por quimérico) senón o cuarto de bandeiras no que se defenden os intereses dunhas ou outras escuadras económicas. Os gobernantes son os representantes de intereses económicos concretos e xestionan a cousa pública no seu propio beneficio, actual ou postergado. Non hai diferenza moral entre favorecer hoxe como gobernante un monopolio e embolsarse por iso un diñeiro ou favorecelo hoxe e que, dentro duns anos, ao deixar de ser gobernante, o monopolio te nomee directivo, como sucede con Aznar ou Elena Salgado.

Isto en circunstancias de normalidade. Nas de crises, o capitalismo aprovéitase da conciencia de excepcionalidade da situación para acoirazar as súas políticas e levar a termo as súas intencións. Todo o aparello do Estado debe ser privatizado. Que para iso haxa que razoar en contra do sentido común é irrelevante desde o momento en que se ten fórzalle e faise valer. O discurso de que o Estado do benestar é insustentable contradi de cheo a práctica de privatizar os seus servizos esenciais porque se estes fosen ruinosos, ninguén os compraría cando o que se observa, ao contrario, é unha verdadeira carreira entre as empresas privadas (moitas veces xestionadas por amigos e achegados dos gobernantes nun proceso cleptocrático) para ver quen queda cos mellores servizos públicos. Proba de que son rendíbeis. É a xestión deliberadamente ruinosa e despilfarradora da dereita a que os converte en deficitarios co propósito de vendelos enganando á xente (á que se esquilma) ao dicirlle que, cando se lle rouba algo, non se lle rouba senón que lla libera dunha carga.

Toda a política de privatización é o que o seu nome indica, un espolio de bens públicos, patrimonio da colectividade, do común, en beneficio duns empresarios que, ademais, adoitan ser grupos multinacionais que defraudan ás súas propias facendas e só enriquecen aos políticos que tomaron as decisións e ás súas deudos e achegados. Esta é a forma da dereita de entender a política e, curiosamente, é tal a inopia intelectual da esquerda que este discurso do saqueo do común en proveito do rico é dominante.

O actual goberno de España é un exemplo do que aquí se di. Que sexa ministra de Traballo unha señora que non traballou na súa vida, que non sabe que sexa unha nómina e que xamais se empregou no sector privado ou no público, dá unha idea de en que estima ten o PP os dereitos daqueles a quen Cospedal di representar: os traballadores. Pola contra, que sexa ministro de Economía un exresponsábel de Lehman Brothers, o banco que está na raíz desta crise/estafa, indica igualmente a quen atende o goberno e de quen recibe as ordes. Entre eses dous, todos os demais son os mozos dos recados.

Nenhum comentário: