18/12/2011

Os extremistas, contra o galego

Xosé Antón Pérez Lema. Artigo tirado de Galicia Hoxe (aquí).



A meirande parte da nosa cidadanía, independentemente da súa fala cotián ou do grao do seu compromiso coa normalización da nosa lingua propia, quérea como algo seu e aprézaa como valor positivo, segundo nos informan decote toda caste de enquisas. Xa que logo, as actitudes extremistas contra a lingua presentes na denuncia ao Valedor do Pobo do coordinador xeral da UPyD de Vigo (por mor dun libro que se limitaba a reproducir o noso Estatuto ao definir o galego como lingua de noso) ou en moitas das actuacións de Galicia Bilingüe son alleas á nosa tradición de tolerancia e cohesión social e sementan división. Cando Galicia precisa, máis ca nunca, de esforzo colectivo, consenso social e unidade para atoparmos a nosa saída da recesión, unha minoría de radicais obsesionados con arrincar todos e cada un dos sinais que lembran a existencia de Galicia como país de noso están a crear enfrontamentos entre uns galegos e outros.


Dúas organizacións sobrancean neste ataque continuo á nosa identidade (e, xa que logo, á nosa economía). Por unha banda, a UPyD (herdeira da peor tradición centralista, que pretende non ser de esquerdas nin de dereitas e dirixida pola Rosa Díez que admite galego nun sentido pexorativo). Por outra banda, Galicia Bilingüe, inventora de agravios inexistentes, axitadora de colexios e ANPAS e seguidora dunha praxe que arela liquidar a riqueza verdadeiramente bilingüe do noso País, para implantaren o monolingüismo de Murcia ou a Rioxa.

Urxe recuperarmos o consenso lingüístico entre as forzas centrais e vertebradoras da política e sociedade. Aquel que deu orixe á aprobación unánime en sé parlamentar da Lei de Normalización Lingüística do 1983 e do Plan de Normalización Lingüística do 2004. Aquel que quere a nosa sociedade, sempre receptiva ás empresas que usan publicitariamente da lingua propia, como R ou Gadis. Aquel que profesou o presidente Fdez Albor, o bispo Araúxo ou o adestrador Arsenio Iglesias.

Nenhum comentário: