06/12/2010

BNG: Tanta inutilidade non pode ser amor

Marcos Pérez Pena. Artigo de opinión tirado de aqui. O autor é jornalista e colaborador habitual de Galicia Confidencial, nascido em Uruguai e doutor em jornalismo pola USC.

O tempo non xoga a favor do nacionalismo galego, aínda que moitos dos seus dirixentes pensen que a actual debilidade do PSOE pode mellorar as expectativas electorais do BNG. O BNG ten un problema de base, estrutural, que parte dunha incorrecta análise da sociedade galega, dunha falta de comprensión da súa realidade e da súa dificultade para relacionarse con ela, nomeadamente cos seus actores máis activos, que deberían ser a súa base social, precisamente, aqueles máis interesados nun cambio transformador. Esa é a razón de que a organización acumule unha década de descensos electorais, nos que perdeu case a metade dos seus votos, o que dá como resultado que o apoio electoral ao nacionalismo se sitúe nos niveis que rexistraba en 1993. E hai que ser consciente diso. Se isto non se quere ver, e creo que mesmo dende sectores que podemos chamar renovadores dentro do partido esta realidade non se quere asumir na súa completa dimensión, o BNG estaría incidindo nun dos seus grandes problemas, que é o dun certo conformismo ou o de ter desbotado de entre os seus obxectivos o de liderar a sociedade galega, ou o de se converter nunha forza hexemónica. O outro gran problema do BNG é a súa tendencia a botarlle a culpa dos seus problemas a actores e a factores externos, obviando a súa parte de responsabilidade. Quen vexa na actual situación do nacionalismo galego unha crise conxuntural, produto de decisións tácticas erróneas adoptadas nos últimos anos está condenando ao nacionalismo a manter a súa devacle. E quen queira resolvelos cunha orixe ás esencias da organización, aos ideoloxemas que o BNG leva repetindo como mantras trinta anos, substituíndo a realidade polo texto e o problema pola declaración de principios estará agravando o problema.

A esquerda nacional galega debe dirixirse a unha sociedade complexa, social e ideoloxicamente diferenciada e contraditoria. Debe traballar pola conquista da propia sociedade civil a través da potenciación da súa autoorganización. Aquí hai varios conceptos que son clave: o primeiro, o referido a que debemos ser consciente de que nos movemos nunha sociedade necesariamente complexa para a que non serven receitas librescas ou caudillistas. A sociedade galega continúa sendo inmatura, segue estando desconectada internamente, desactivada. Pero a solución a isto non son políticas de dirixismo social levadas a cabo dende organizacións políticas que se consideran a súa vangarda. Os proxectos transformadores só se poden dar en sociedades cun nivel elevado de desenvolvemento da sociedade civil, sociedades con capacidade de autoorganización. É necesario que a esquerda galega contribúa á creación da conciencia cívica, da conciencia democrática, que contribúa ao enriquecemento interno da sociedade civil para deste xeito conquistar a hexemonía no seu seo, entendida en termos gramscianos. Dá a impresión de que o nacionalismo renunciou a transformar a sociedade, a liderala, de que carece dun modelo para aquí e agora, e que se limita a aceptar ou rexeitar os acontecementos que a dereita ou a propia realidade impoñen.

Os novos movementos sociais supoñen non só movementos sociais reais na vida política senón tamén un indubidábel enriquecemento do pensamento progresista. As organizacións políticas de esquerda deben fuxir de tentacións instrumentalizadoras, achegándose aos movementos sociais sen preconceptos, incorporando dun xeito creativo as achegas dos novos movementos sociais ao proxecto social alternativo da esquerda. O feminismo, os dereitos civís, a liberdade sexual, o ecoloxismo, o altermundismo, as ideas que inciden nun comercio internacional xusto, aquelas que reclaman unha democracia radical. En boa medida é nestes movementos onde a esquerda está renovando a súa ideoloxía, atendendo ás necesidades radicais dos individuos, e en moitos casos establecendo nexos entres elas, por exemplo o que se pode facer entre a defensa da natureza, da diversidade natural, e a das linguas minorizadas, da diversidade cultural.

Cal é a base social dun proxecto de esquerdas aquí e agora, nun recanto da Unión Europea, nun país rico e desenvolvido a comezos do século XXI? Cal é o seu suxeito revolucionario? O proxecto debe ser de maiorías sociais, debe dirixirse ás clases traballadoras nun senso amplo, dende os obreiros aos profesionais e os pequenos comerciantes, clases subalternas todas, debe dirixirse a todos aqueles que manteñen necesidades radicais. A realización dun proxecto de transformación require da construción dun novo bloque social que inclúe tanto aos traballadores que conscientemente optan polo proxecto de transformación social como a outros colectivos sociais con independencia da súa procedencia de clase capaces de expresar necesidades de clase incompatibles coa organización capitalista da sociedade. O campo do posible é moito máis amplo e realizable do que a ideoloxía dominante nos permite sospeitar. Cómpre establecer unha triangulación, unha sinerxía, entre primeiro un proxecto nacional cívico, cidadán, non esencialista; segundo, un proxecto de esquerda transformadora e axustada ao tempo presente e ás reivindicacións actuais das clases subalternas; e terceiro, un proxecto da sociedade civil e a súa parte máis activa, as organizacións sociais. Todo cun gran énfase nos valores republicanos, cunha vontade racionalizadora e ilustrada que recupere para a esquerda os valores de liberdade (parece mentira como a dereita nos roubou este valor), igualdade e fraternidade, como ben salienta Antoni Domènech.

Hai unha xeración de galegos que ten, digamos, unha conciencia nacional moi clara e que non están no BNG nin se identifican cunha etiqueta de nacionalistas, pero que é xente que forma parte da sociedade civil e está facendo cousas moi interesantes e sempre cunha visión de país e en boa medida en galego, ou cunha conciencia clara de que o galego é a súa lingua propia. Moitos deles participaron activamente no movemento de Nunca Máis. Daquela o Bloque non foi poroso a esa realidade, a eses sectores, e unha vez máis tratounos como compañeiros de viaxe. O BNG mantén unha cultura política moi hermética, moi pechada, que a fai moi pouco atractiva para a xente que non estea no seu interior. De aí vén en boa medida esa falta de conexión cos sectores máis activos do país, que se moven en estruturas sociais e mentais máis líquidas, máis transversais, máis capilares, lonxe dos ideoloxemas sobre os que o BNG constrúe a súa visión da realidade. Non me refiro só aos movementos sociais organizados que todos podemos ter na cabeza, senón a unha masa crítica moi numerosa, de ideoloxía progresista, e que nestes momentos non milita en movemento social ningún. Unha masa crítica conformada principalmente por clases medias urbanas, novos ou de mediana ideade, e seguramente bilingüe, uns sectores dos que o nacionalismo desconfía, aos que rexeita, a pesar de que constitúen claramente a súa base social natural. Unha masa crítica, por outra banda, que representa en boa medida os 150 mil votos que o BNG perdeu na última década. En realidade, dá a impresión de que o nacionalismo populista que ten dominado o BNG dende a súa formación hai trinta anos desconfía da sociedade urbana, por considerala axente desgaleguizador disolvente da singularidade nacional.

Non quero falar demasiado sobre o conflito lingüístico, porque non son sociolingüísta, pero creo que é evidente que a situación é extremadamente grave e que as actitudes resistencialistas que se seguen percibindo nunha parte importante do nacionalismo só contribúen a empeorala. Non se é culpa dun erro de análise, o que sería grave, ou dunha actitude que coloca os intereses electorais por riba do futuro da lingua galega, o que sería gravísimo. Non sería a primeira vez, evidentemente, en que o BNG esquecese que, como forza nacionalista, que é todo o que sexa bo para o país ten que ser bo para ela mesma, aínda que de continuo ten realizado o razoamento contrario, que é incorrecto: todo o que é bo para o partido é bo para o país. A situación da lingua é grave, non hai máis que saír á rúa ou achegarse a un quiosco de prensa para constatalo, pero ten elementos que convidan a un certo optimismo se un se decide a actuar en función deles, en función da realidade que existe e non da realidade que a nós nos gustaría que existise. Falo desas clases medias urbanas aparentemente desgaleguizadas, castelanfalantes cunha conciencia clara de que a lingua do seu país é o galego, bilingües non diglósicos, moitos deles neofalantes, é dicir, xente que a nivel persoal iniciou o camiño da recuperación da lingua. No auxe e caída do voto urbano do BNG ten moito que ver a lingua: estaba claro que unha das fortalezas electorais do BNG era a mocidade urbana e que había unha contradición social no sector social máis castelanizado do país, o que implicaba un risco evidente para o Bloque, que non soubo ver que para fidelizar ese electorado no tema da lingua tiña que renovar o seu discurso. Como se pode gañar a hexemonía do país dicíndolles á metade ou máis dos cidadáns que son falantes de segunda e que a ver cando se cambian?

Este proxecto de transformación social debe aproveitar e reivindicar as ferramentas que están neste momento ao seu alcance, tanto no que respecta ás institucións e bases legais do noso autogoberno, coma no que se refire ás estruturas propias do Estado social, do Estado do Benestar, conquistas de 150 anos de loitas que a esquerda debe facer súas e defender. É a través desta base por onde se poderán canalizar as múltiples e complexas aspiracións sociais. O mesmo sucede coas posibilidades de autogoberno coas que actualmente contamos. A autodeterminación non se pide, exércese; a autodeterminación é un proceso (parece unha obviedade, pero moitos seica non o entenderon), un proceso de construción nacional no que as actuais ferramentas institucionais e legais de autogoberno son claves e deben converterse en instrumentos eficaces e en referencia obrigada da opinión pública. Cómpre ser conscientes de que nos últimos trinta anos Galicia só empregou unha parte das súas posibilidades de autogoberno, por falta de vontade política, todo o contrario que Catalunya, cun nivel competencial moi semellante. Non é que a sociedade galega estea españolizada, que o está, é que Galicia foi incapaz nos últimos trinta anos de construír un proxecto propio, moderno e atractivo no que a sociedade se puidese recoñecer, e nisto o nacionalismo é o principal culpable, porque é iso é non outra cousa o que debería constituír o seu obxectivo. Cando ti camiñas pola rúa en Barcelona decátaste de que ese país vive unhas dinámicas sociais de seu; iso non sucede cando camiñas pola Coruña, ou por Ourense, ou por Valencia ou Zaragoza. A construción nacional debe facerse sobre todo no nivel social, no proceso de autoconcienciación da sociedade civil. A verdadeira diferenza con Catalunya é sobre todo a riqueza da sociedade civil e das súas organizacións, que son quen exercen o autogoberno. É a sociedade galega a que debe exercer o seu autogoberno.

Nunha das súas obras máis coñecidas, Carlo María Cipolla divide o mundo, as persoas, en malvados, estúpidos, intelixentes e incautos, e escribe: “nun país en decadencia, entre os individuos que están no poder prodúcese unha alarmante proliferación de malvados cunha elevada porcentaxe de estúpidos, mentres que entre os que non están no poder dáse igualmente unha elevada porcentaxe de incautos. E conclúe: "tal situación conduce ao país á ruína”. O problema é a análise que o BNG fai da sociedade galega e a forma en que se relaciona con ela e en xeral está na concepción que o BNG ten da sociedade. O BNG, o nacionalismo, a esquerda nacional galega, non pode ser un fin en si mesmo, non pode ser unha axencia de emprego para os seus militantes, nin unha plataforma electoral, debe ser un instrumento para a transformación da realidade en mans da propia sociedade galega.

Nenhum comentário: