22/12/2011

Pinceladas sobre o novo Goberno

Ignacio Escolar. Artigo tirado de aquí e traducido por nós.

Luís de Guindos, novo misnistro de economía e antigo ex-presidente de Lehman Brothers no Estado español. Lehman Brothers foi unha das empresas causantes do reventón da borbulla crediticia en 2008 nos EUA e en todo o centro do sistema-mundo capitalista. Agora os seus antigos membros ocupan as máis altas esferas de poder na UE: o BCE (Mario Draghi), o Goberno italiano (Mario Monti),  o Goberno grego (Lukas Papademos) e agora o ministerio de economía e, portanto, o Goberno do Reino de España.


1. O ex-presidente de Lehman Brothers España, Luís de Guindos, é o novo ministro de Economía e Competitividade. De Guindos tamén era até hoxe conselleiro de Endesa, do Banco Mare Nostrum e de Unedisa, a editora de El Mundo e Expansión.

2. O novo ministro de Defensa, Pedro Morenés, ten en común con Luís De Guindos dúas cousas. Ambos foron secretarios de Estado con Aznar na mesma carteira que agora xestionarán e ambos se foron á empresa privada durante os anos de Zapatero na mesma área sobre a que gobernaron (e agora volven gobernar). Morenés foi conselleiro de Instalaza SA, unha compañía de armamento que fabricaba, entre outras cousas, bombas de acio. Instalaza crebou precisamente cando se prohibiron este tipo de armas. Antes de botar o peche, esta empresa tivo tempo de vender bombas de acio a Libia. Hai uns meses, Gadafi usounas.

3. A mesma porta giratoria tomou Cristóbal Montoro, ministro de Facenda con Aznar e con Rajoy. Entre carteira e carteira, tivo unha empresa de asesoría fiscal con outros homes do equipo económico de Rodrigo Rato. De cobrar os impostos, pasaron a asesorar a empresas e grandes fortunas para que pagasen o menos posible. Naquela asesoría tamén estaba Luís de Guindos.

4. O novo ministro de Agricultura terá pouco de Medio Ambiente (aínda que as competencias si permanecen na súa carteira). Miguel Arias Cañete ten 325.000 euros en accións de petroleiras e sete coches no seu garaxe. A súa lista de automóbiles é tan larga que non cabía no formulario da declaración de bens do Congreso e tivo que completala no anexo.

5. A pesar do que o PP anunciou, brilla pola súa ausencia o Ministerio da Familia, pero mantense o de Igualdade. Continúa a carteira -xunto con Sanidade e Servizos Sociais- mais non a práctica. No novo Consello de Ministros sentarán dez homes e só catro mulleres. Se fose o consello de Administración dunha empresa, non cumpriría coa lei de Igualdade; non se alcanza, nin de lonxe, o 40% de mulleres que será obrigatorio a partir de 2015 (se é que Rajoy non cambia a lei).

6. A que máis manda despois de Rajoy, iso si, será unha muller: Soraya Sáenz de Santamaría, a man dereita do presidente (a esquerda é Moragas, que terá máis poder que moitos ministros como case seguro xefe do gabinete da Moncloa). Non hai na lista nin unha soa concesión ao aznarismo, ao aguirrismo, ao maior orejismo e a todos os que durante estes anos o quixeron destronar. Está por ver que sexan os mellores, terano que demostrar. Porén sen dúbida si están os máis leais.

7. No gabinete de Rajoy terá moito peso José Manuel García Margallo. O novo ministro de Asuntos Exteriores defínese a si mesmo como "de extremo centro" e realmente ten pouco que ver coa á máis dura do PP. Vén da UCD, onde en 1977 foi nomeado director xeral de Desenvolvemento Comunitario, no Ministerio de Cultura. A súa oficina estaba na antiga sede da sección feminina de Falanxe Española e o seu despacho era entón o que ocupara Pilar Primo de Rivera. Unha das súas primeiras decisións foi eliminar os símbolos falanxistas do edificio, o que lle custou unha grande crítica por parte do diario fascista El Alcazar.

8. Madrileños, madrileñas: Ana Botella é a nosa nova alcaldesa.

9. A nova repartición de competencias entre os ministerios está xa publicado no BOE. Os principais cambios? Desaparecen, entre outras, a Secretaría de Estado de Igualdade, a de Cambio Climático, a de Inmigración ou Emigración ou a de Vivenda. O CNI xa non dependerá do Ministerio de Defensa, senón de Presidencia: a xefa dos espías será Soraya Saénz de Santamaría. E o novo ministro de Ciencia (ou do que queda dela)/dela) será... Luís de Guindos! O seu ministerio herda a Secretaría de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

10. Todos os ministros de Rajoy xuraron (no canto de prometer), pero non todos o fixeron coa man sobre a Biblia. Soraya xurou sobre a Constitución, como De Guindos. Wert e Gallardón, a dúas mans: a esquerda sobre a Biblia, a dereita sobre a Constitución. E Rajoy fixo un mix: un anaco sobre a Biblia, outro sobre a Constitución. Atentos ao xogo de mans do novo presidente.

Nenhum comentário: