Ignacio Sánchez-Cuenca. Artigo tirado de Público (aquí) e traducido por nós. O autor é profesor de Socioloxía da Universidade Complutense e autor de Más democracia, menos liberalismo (Katz). Ilustración de Diego Mir
Mariano Rajoy equivocouse escandalosamente ao falar sobre as cifras de paro en España no seu discurso de investidura. Dixo que en España a taxa de paro chega ao 23% e que o número de parados é de 5,4 millóns. Resulta insólito, por utilizar unha expresión á que recorre con frecuencia don Mariano, que o novo presidente do Goberno falle nun dato tan fundamental. Xa sabemos que o seu horizonte intelectual é o do diario Marca e que a única lectura que lle deixa sinal é a do BOE. Pero podía familiarizarse coas magnitudes básicas da economía. Tamén se equivocou nos cálculos sobre o servizo da débeda. Por forte que sexa a actitude patrimonialista da dereita española, a ocasión merecía gardar as aparencias.
Dá medo pensar no nivel dos seus asesores, os que lle preparan as fichas que Mariano, como bo opositor, aprende de memoria. Neocons e neopijos saídos das escolas de negocios e dos corpos superiores do Estado. Palmeiros e pesebreiros que teñen a mente posta nas zumentas rendas que obterán do poder. Forman parte desa dereita carpetovetónica cuxo patriotismo consiste en aproveitarse de España para aumentar os seus privilexios. Estes son os que nos van a gobernar. Porque ninguén se escandaliza de que os nosos liberais de pata negra teñan postos de funcionario, non vaia a ser que Mariano dure un telexornal.
Rajoy, un escuro señorito de provincias, un rexistrador da propiedade que pasou sen pena nin gloria polos múltiples cargos políticos que balizan a súa dilatada carreira política, dá o pego como segundoxénito, pero en canto se pon á fronte, a súa debilidade manifesta non pode ser disimulada. O elixido por Aznar trata de suplir as súas carencias con verba retórica, pero dita verba é impostada, pois cada vez que se ve nun aperto os seus ollos comezan a dar voltas descontroladamente e a súa mandíbula contráese. A súa marca consiste no desconcerto e a indecisión. En Europa xa enarcan as cellas e esbozan un sorriso displicente: Mariano non vai conseguir acougar os mercados.
A vitoria do PP é a vitoria dunha España mediocre e maleducada. O núcleo do seu apoio electoral está formado por ese grupo que antigamente se denominaba franquismo sociolóxico (lían a Biscaíño Casas e a De la Cierva, vían as películas de Mariano Ozores) e que hoxe son simplemente a dereitona que se educa con Pío Moa, Fernando Sánchez Dragó, Juan Manuel de Prada e Federico Jiménez Losantos. Unha dereita cavernícola e nacionalista que non se avergoña de ter a Francisco Camps, Ric Costa e o Albondiguilla entre as súas filas.
Mariano Rajoy non está preparado para sacar a España da crise. O seu plan de acción é o mesmo que seguiu durante toda a súa vida: esperar a que escampe, confiar en que o tempo arranxe as cousas. Recortará aos máis débiles para que non lle reconvan os seus, non porque el crea que serve de algo. Un político desacreditado nas enquisas como el non debería ser o novo inquilino da Moncloa. Como líder da oposición, recibiu a peor valoración cidadá da nosa historia democrática. Se queda algo de dignidade, debería renunciar á Presidencia do Goberno. Que se marche e deixe paso a unha persoa capaz que saiba afrontar os tremendos retos aos que se enfronta España. Non pode gobernar o país quen non se decata do número de parados que temos. Que se vaia ao paro el, que o país non está para brinquedos.
***
Supoño que o ton desta crítica pareceulles, como a min, excesivo e zafio. É un mero pimpampum destinado a denigrar e destruír ao rival. Corresponde, sen grandes diferenzas, ao rexistro que empregou a dereita mediática durante máis de sete anos contra Zapatero, contra o seu Goberno e contra a esquerda en xeral. Desde o primeiro día: desde o 14 de marzo de 2004. Empezaron polo atentado do 11-M (algúns aínda seguen aí), continuaron co Estatut e o proceso de paz, tomárona coa memoria histórica e arremeteron con saña cando chegou a crise económica. Non deron tregua algunha a Zapatero, quen foi obxecto continuado de toda clase de ataques e insultos. As acusacións eran graves: os socialistas querían romper España e crear un clima guerracivilista, voaban os consensos da Transición, destruían a familia e sometíanse aos designios dos terroristas; a esquerda de Atapuerca, os da cella, as bibianas, o peor presidente da historia da democracia.
Agora todo será distinto. Por fin hai un partido preparado no Goberno. Cun ministro de Economía que tivo unha alta responsabilidade en Lehman Brothers, como Deus manda. A crispación será cousa do pasado. A acusación de traizoar aos mortos quedará no esquecemento; o mesmo sucederá co voto do PP en contra das medidas de axuste o 10 de maio de 2010. Aquel día o PP optou por illar ao Goberno, aínda se o país corría un risco moi alto de intervención dos poderes europeos. Rajoy, no seu discurso de investidura, atreveuse a reclamar colaboración ao PSOE e mesmo anunciou solemnemente que por fin renovará as vacantes pendentes no Tribunal Constitucional, RTVE, o Defensor do Pobo, etc. despois de bloquealas porque estaba na oposición. O PP pódese permitir todo iso e moito máis; para iso conta co apoio da canalla xornalística habitual.
Nenhum comentário:
Postar um comentário