Artigo tirado de aquí e traducido por nós.
Mariano Rajoy e o seu equipo aguilloaron durante anos ao Goberno socialista por non prever a crise. Pero o seu flamante ministro de Economía, Luís de Guindos, nunca viu vir a quebra do seu propio banco.
O 10 de xullo de 2008, na súa intervención anual na Escola de Verán de FAES, o think tank do PP, De Guindos explicou que o principal problema que afrontaba a economía mundial era a "tensión inflacionista" e advertiu do risco dunha "suave recesión".
O 10 de xullo de 2008, na súa intervención anual na Escola de Verán de FAES, o think tank do PP, De Guindos explicou que o principal problema que afrontaba a economía mundial era a "tensión inflacionista" e advertiu do risco dunha "suave recesión".
Apenas dous meses despois, Lehman Brothers, o banco de investimento estadounidense do que De Guindos era executivo presidente para España e Portugal e membro do seu consello en Europa quedaba reducido a cascallos e a súa quebra arrastraba a economía mundial a unha crise da que aínda non saíu.
De Guindos dirixe agora a economía española. E defende exactamente as mesmas receitas que durante os meses previos á caída de Lehman Brothers repetía con profusión nas súas múltiplas conferencias como alto executivo do banco de investimento. Os problemas da súa entidade ían arrastrar a todos, pero os problemas, segundo o hoxe ministro, estaban fóra: sobre todo, no mercado laboral, nas pensións públicas e nos salarios dos traballadores.
Agora a súa axenda si inclúe unha cuarta bandeira urxente: a reestruturación do sector bancario, o mesmo do que procede en Lehman Brothers (2006-2008) e até o pasado xoves no consello do Banco Mare Nostrum, que deseguido considerou un "grande acerto" o seu nomeamento, dirixiraa el mesmo, agora desde o outro lado.
"O novo desta crise é que o poder financeiro, que é o que a causou, tomou directamente as rendas dos gobernos e ese fenómeno chega agora a España", sostén Miren Etxezarreta, catedrática emérita de Economía Aplicada da Universitat Autònoma de Barcelona. En 16 dos 27 países da Unión Europea, exdirectivos do sector bancario ocupan postos clave da política económica.
"A novidade deste Goberno é que os lobbies xa non presionan desde fóra, senón que tomaron o control directo desde dentro mesmo do Executivo, cun papel moi destacado do lobby financeiro, o armamentístico e o agrícola", secúndalle Alejandro Inurrieta, profesor do Instituto de Estudos Bolsistas.
A última operación
Entre a conferencia citada, en FAES, de xullo de 2008, e a quebra de Lehman Brothers, en setembro do mesmo ano, o banco de De Guindos aínda tivo tempo de levar a cabo unha suculenta operación en España: a coordinación da saída a Bolsa das cotas participativas da Caixa de Aforros do Mediterráneo (CAM).
A pesar da mala saúde financeira que xa entón arrastraba a entidade hoxe intervida considerada polo Banco de España "o peor do peor", Lehman Brothers logrou que o 23 de xullo de 2008 as cotas empezasen a cotizar a case seis euros. Máis do 60% foron adquiridas por pequenos aforradores. O seu valor, hoxe, é cero. E convertéronse nunha pataca quente para as novas autoridades económicas.
Non é o único capítulo español do espectro Lehman que perseguirá ao ministro. Outro: o dos cidadáns atrapados polos bonos do banco que sentiron estafados e acudiron aos xulgados.
A CAM era precisamente una das entidades que máis traballaba coa entidade de De Guindos. En 2007, colocou a unha xubilada bonos do banco estadounidense por valor de 134.000 euros, vendidos como ultraseguros e alleos aos EUA ao ter garantía europea propia, supostamente en Holanda. De Guindos era entón membro do consello europeo do banco.
Tras a quebra, ninguén respondeu e ela acudiu ao xuíz: finalmente, o mes pasado o tribunal fallou ao seu favor e agora a CAM deberá devolverlle o investimento. "Aínda non podo crerme que o ministro que dirixirá a economía española sexa precisamente o responsábel en España deses bonos", explica Jaime Navarro, o avogado que levou o caso.
Rivalidade no Gabinete
O rival económico de De Guindos no novo Gabinete é Cristóbal Montoro, ao que Rajoy situou á fronte de Facenda, Ministerio que xa dirixiu con José María Aznar. A el corresponderá cadrar as contas e, por tanto, tratar de aumentar os ingresos do Estado: xusto o obxectivo contrario ao que persegue a consultoría que o ministro fundou tras o seu anterior paso polo Goberno, hoxe chamada Equipo Económico, que ofrece asesoraramiento fiscal ás empresas para reducir legalmente os pagos a Facenda.
Equipo Económico, que até 2008 chamábase Montoro e Asociados, inclúe no seu equipo a Ricardo Montoro, irmán do ministro e exdirector do CIS; Salvador Ruiz Gallud, exdirector da Axencia Tributaria; e Ricardo Martínez Rico, exsecretario de Estado de Orzamentos.
Este tipo de despachos son moi reservados á hora de divulgar os seus servizos, pero a investigación do caso Gürtel achegou pistas sobre unha operación concreta, facturada xusto despois de que Montoro deixase a firma. O encargo procedía de Everland, firma investigada no sumario, propiedade da esposa de Jesús Merino, ex portavoz adxunto do PP no Congreso.
"Aproveitamento fiscal"
Por este traballo, Equipo Económico emitiu unha factura en xullo de 2008 de 116.000 euros. Tras o estalido do caso Gürtel, o xuíz dirixiuse á empresa para coñecer a operación: "Os servizos prestados consistiron no asesoramento económico e fiscal dunha operación de adquisición empresarial, alcanzando, entre outras, cuestións relativas á compensación de bases impoñibles de exercicios anteriores, deducións fiscais pendentes de aplicación, gastos non deducibles por diversos conceptos, así como fondos de comercio derivados da operación e o seu aproveitamento fiscal", contestou a dirección de Equipo Económico.
Varios expertos tributarios consultados estiman que a factura deste tipo de servizos oscila entre o 5% e o 15% da ganancia fiscal que obtén o cliente. Por tanto, o fisco debeu de deixar de ingresar un mínimo de 700.000 euros grazas ao asesoramento.
Por aquelas datas, Pedro Morenés, home moi próximo á Zarzuela que Rajoy nomeou ministro de Defensa, era conselleiro de Instalaza, principal fabricante español de bombas de acio. E xusto en xullo de 2008, o Goberno de Zapatero aprobou unha moratoria na produción destas armas tan daniñas.
Segundo denunciou con probas Human Rights Watch, algunhas das bombas producidas por Instalaza con Morenés no seu consello foron utilizadas por Muamar Gadafi na recente guerra que a OTAN con a participación de unidades españolas contribuíu a decantar a favor dos rebeldes. Pero o problema que pode afrontar Morenés coa súa chegada a Defensa non é só de orde moral, senón moi práctico e inmediato: Instalaza, en cuxo consello sentou o ministro até setembro segundo o Rexistro Mercantil reclama desde maio ao Goberno pola vía xudicial 40 millóns de euros de indemnización polos supostos danos causados coa moratoria.
Complexo militar-industrial
"Non ten precedentes que un representante destacado do complexo militar-industrial asuma directamente o Ministerio de Defensa e Morenés, sen dúbida, o é", opina Jordi Calvo, investigador do Centre Delàs, entidade pacifista especializada no comercio de armas.
A súa vinculación á industria que depende dos contratos de Defensa un dos Ministerios máis ameazados polos recortes vai moito máis alá de Instalaza: Morenés, secretario de Estado de Defensa e de Seguridade con Aznar, volve ao Ministerio desde a presidencia de Segur Ibérica, empresa á que Defensa encarga tarefas de seguridade privada aos atuneiros que faenan no Índico. E até agora sentaba nos consellos, entre outros, de MBDA, o grande fabricante mundial de mísiles que segundo o Centre Delàs tamén tivo a Gadafi entre os seus clientes; Kuitver, consultoría de i+D especializada en seguridade e defensa; Aritex Cading, que inclúe servizos de deseño militar industrial; Gamo Outdoor, grande fabricante estadounidense de rifles e pistolas, e I-Sec Iberia, consultoría para asuntos de seguridade.
Fondos da PAC
Se os pacifistas están en alerta máxima, os ecoloxistas tamén, tras o nomeamento de Miguel Arias Cañete como ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
Xa durante a súa etapa de ministro de Agricultura con Aznar, Arias Cañete foi obxecto de polémica porque a súa esposa, Micaela Domecq, e a súa familia xestionaban empresas perceptoras de fondos procedentes da Política Agraria Común. Hoxe seguen á fronte de firmas de explotación agraria.
Porén agora Arias Cañete dirixirá tamén Medio Ambiente, a pesar de destacar á fronte de catro dos lobbies máis enfrontados aos ecoloxistas: o protrasvases en 2000, o ministro prometeu aos regadores que o transvasamento do Ebro se faría "por collóns", o petroleiro suma 326.000 euros en participacións do sector, o do automóbil posúe seis coches e unha moto, e preside a Fundación do RACE, cuxo fin é fomentar o uso do automóbil e o do ladrillo: coincidía con Ignacio López do Hierro, marido da secretaria xeral do PP, María Dores de Cospedal, no consello de Bami Newco, a empresa que refundó Joaquín Rivero, un dos reis caídos do sector, tras a súa defenestración de Metrovacesa e Gecina.
Os lobbies teñen outras terminais no novo Goberno: o ministro de Educación, José Ignacio Wert, suma xa décadas de vinculación ao Grupo Prisa, propietaria da principal editora de libros de texto, e foi asesor da presidencia do BBVA; o titular de Interior, Jorge Fernández Díaz, é moi próximo ao Opus Dei, e a CEOE non só rema na mesma dirección que Luís de Guindos senón que o xefe da Oficina Económica do presidente, Álvaro Nadal, é irmán dun vicesecretario da patronal, con quen comparte credo liberal.
En 2008, Luís de Guindos quizá non tiña elementos para saber que o seu propio banco estaba a un paso da quebra. Porén ninguén poderá acusar a Rajoy de non dar pistas sobre a política do seu Goberno desde o primeiro día.
Nenhum comentário:
Postar um comentário