Iniciamos con este número de novembro de 2011 a terceira etapa do voceiro Revolta Irmandiña, co ánimo de dotármonos dun novo instrumento encamiñado a mellorar a nosa formación, a de toda a militancia do Encontro e especialmente das mozas e mozos que simpatizan ou militan no EI. Por iso, compuxemos un Consello Editorial para este voceiro, Revolta Irmandiña, e máis para o blogue Á revolta entre a mocidade, tentando así gañar en transparencia, calidade e utilidade, Consello Editorial que segue aberto a colaboracións.
A nosa vontade é que o voceiro da mocidade irmandiña, a revolta irmandiña, saia en formato dixital unha vez cada mes - e, de cando en vez, algunha edición en papel para ocasións especiais -.
Ademais da sección de Opinión - da Galiza e do Mundo - temos un espazo para as comunicacións do Encontro Irmandiño e outra coas actividades do Grupo de Traballo de Mocidade desta organización.
No aspecto máis estritamente formativo, incorporamos as recomendacións de libros e a sección Coñecermos os clásicos, onde iremos disponibilizando textos clásicos da tradición da esquerda e do galeguismo. Desta volta comezamos cun de Antonio Gramsci, mais da súa xuventude. Non podía ser doutro xeito, abrimos cun mozo intelectual porque queremos que a nosa sexa unha revista formativa para a nosa militancia, pois unha das grandes eivas da esquerda europea actual é o seu baixo nivel de formación cotexándoa con xeracións anteriores de militancia. Esa é unha grande e dramática vitoria do sistema, pois descoñecer o capital cultural da esquerda nas súas diversas loitas e etapas é ficar un pouco máis eivados para elaborar estratexias e respostas aos retos aos que nos enfrentamos. Amais, é un texto de grande actualidade pois o movemento dos “indignados” aliméntase cada día máis aínda que superara a etapa da manifestación espontánea das prazas sen dar entrado na fase da “rebelión” e da “organización”, ou sexa trascender a “sociedade civil” para chegar á “sociedade política” e desde aí tomar o instrumento de clase que é o Estado para mudar o actual estado de cousas. “Sociedade civil” e “sociedade política” son precisamente categorías que tamén lle debemos a Gramsci, así como “hexemonía” presente nos textos asembleares da III AN do Encontro Irmandiño.
Serán seccións fixas a Entrevista, desta volta a Raúl Asegurado, que fala sobre banca ética, Coñecermos Galiza, que comeza coa “Compostela agochada”, e a Folla de poesía revolucionaria.
Boa leitura!
As eleccións do 20-N
Lamentamos a maioría absoluta da “caverna española” que representa o Partido Popular polo que supón de perigo para os dereitos democráticos e para o benestar das maiorías sociais que van ser duramente agredidas.
Valoramos positivamente que Galicia conserve representación nas Cortes, polo que supón para o noso País cando menos seguir contando con representantes nas instancias estatais, precisamente nun momento no que se produce unha meirande presenza doutras forzas nacionalistas do resto do estado, especialmente das forzas políticas vascas.
Finalmente, lamentamos que o BNG, cunha baixada de perto de 30.000 votos, fose incapaz de recoller a sangría que o PSOE tivo pola esquerda e que foron a engrosar os números de Izquierda Unida que duplica a súa forza electoral na Galiza, mentres o nacionalismo, en teoría mellor preparado para recollelos, fica cunha perda de votos significativa.
Cara a refundación do BNG
No Encontro vimos defendendo dende 2006 unha necesaria rexeneración ética e política do BNG para que volva ser un referente político da sociedade galega máis consciente, que teña vontade de liderar un proceso emancipador, no plano social e nacional, e que materializamos nas nosas propostas para a Asemblea Nacional do vindeiro xaneiro.
Colabora no noso voceiro
Podes formar parte deste proxecto participando no Consello Editorial, enviando os teus artigos para publicar ou ben Cartas ao Consello Editorial, todo no enderezo electrónico mocidade@encontroirmandinho.org
As fotos deste número son de X. M. Pena [páx. 8-25-30-31], Jorge Pérez Arias (portada) e de Paula Vázquez Verao [páx. 6]. O resto son tiradas da Rede, salvo as da sección Coñecer Galiza, que son de Juan G. Segade.
Nenhum comentário:
Postar um comentário