07/01/2012

AUDITORÍA DA DÍVIDA

Manuel Miragaia Doldán. Artigo tirado de El Ideal Gallego (aquí).

En palabras da vicepresidenta do goberno español Soraya Sáenz de Santamaría, os duros recortes que se acaban de executar son apenas o “inicio do inicio” dos que se aveciñan. Hai motivos para temermos o pior durante este ano, cun grande  empobrecemento da poboación, unha pronunciada caída do consumo e unha recesión económica xeral. O mesmo banco estadounidense J.P. Morgan anuncia que o desemprego chegará no Estado español á porcentaxe demencial do 27%. Todo ese conxunto de medidas, alén de producir unha lamentábel catástrofe social, pode chegar a constituír unha verdadeira bomba reloxio que faga rebentar en calquera momento o descontento popular. O goberno de Rajoy debe ser moi prudente, se quere evitar levar aos cidadáns a unha situación límite.

Aínda que se quixo ocultar a orixe financeira ou bancaria da crise co suposto déficit público, pouco a pouco vai chegando a información que permite que se vaia correndo o veo. Deséxase inxusta e despoticamente facer pagar a crise da banca aos que non a causaron, ás maioritarias clase media e baixa, através das reducións de salarios e da morte do Estado de benestar, e o aumento da presión fiscal vía IRPF. Porén, apesar da grave situación non se tocan os desavergoñados privilexios económicos da clase política sistémica nin se corrixe a fiscalidade mínima das grandes empresas, que incrementan coa crise os seus beneficios. Quizá ao longo da historia nunca se quixo cometer un abuso de tales dimensións, como con esta contrarrevolución neoliberal, que obrigará a millóns de persoas dos estados periféricos de Europa a vivir con niveis próximos aos do Terceiro Mundo.

Urxe que economistas e técnicos expertos e independentes realicen unha auditoría cidadá e pública da dívida española e tamén da galega, determinando as súas cuantías, as súas orixes e os seus causantes, e se é necesario pedir que se depuren penalmente as responsabilidades desa desfeita nos tribunais de xustiza. Cumpriría diferenciar e separar o típo de dívida: cal é a bancaria e cal a soberana. A dívida soberana ou lexítima sería lóxico que se pague. Mais non debe ser o caso da ilexítima, produto dos favores políticos a unha minoría, das contrarreformas fiscais que reduciron os impostos ás grandes empresas multinacionais, aos bancos e ás familias mais ricas, e dos rescates da banca que se pasou de cobizosa e aventureira. Non sería sensato resarcir aos grandes accionistas con perdas.

Despois da auditoría clarificadora, con toda a forza da razón, habería que esixir ao goberno español, baseándose na súa soberanía, que rompa coa troika -BCE, UE e FMI- e non pague a dívida, obrigando aos credores a negociala, como xa fixeron no pasado outros países do mundo, e con bons resultados. Tamén sería normal que os bancos que xa son de propiedade estatal fiquen así, e comecen a dar créditos.

O máis curioso de todo é a actitude dos sindicatos e dos partidos da esquerda tradicional, que se calan aínda que apliquen terapia de shock co pobo que aseguran defender, e que permiten que o totalitarismo neoliberal máis inmoral o arrastre até a e escravitude moderna. Normal que nacera o movemento dos indignados do 15-M. Moi cómodas e contentas teñen que estar as cúpulas e burocracias coas migallas coas que o sistema as mantén e paraliza.

Nenhum comentário: