21/02/2012

A crise de fe dos socialdemócratas

Olivier Truc. Artigo tirado de aquí e traducido por nós.
 
Teatro municipal de Estocolmo, a finais de xaneiro. Por primeira vez desde o asasinato de Olof Palme, o lendario primeiro ministro socialdemócrata abatido a tiros en 1986, represéntase unha obra de teatro na que sae a escena. Olof Palme, unha obra de Suecia, non entrará nos anais da historia do teatro.

Pero nela traslóce unha certa verdade impregnada de nostalxia, que se pode constatar nas réplicas. "A parte socialdemócrata do paraíso socialista atópase aquí, en Suecia". "Suecia é socialdemócrata, é así, sen máis".

Entre o público atópanse moitos socialdemócratas anónimos que coñeceron a grandiosa época de Palme dos anos setenta. "Os que dirixen agora o partido están perdidos", sinala Lasse Hornberg, un exsindicalista. "Dan a impresión de que se pode seguir como antes. E xa non é posíbel coa globalización. Porén si é necesario poder aplicar aínda os fundamentos da socialdemocracia".

O azar quixo que a estrea se programase no medio dunha das peores crises da historia do partido: tras dúas eleccións perdidas en 2006 e 2010, caeu aínda máis baixo, con menos do 23 % de votos, segundo unha sondaxe de finais de xaneiro, despois do desastre provocado polo seu presidente, Håkan Juholt, obrigado a dimitir o 21 de xaneiro tras unicamente dez meses na presidencia.

Algo xamais visto neste partido que tende a considerar que a xestión do país lle pertence. A Håkan Juholt reprocháronlle a súa lixeireza en varios asuntos, ao acusar erroneamente ao Goberno de estabelecer unha nova doutrina de defensa co apoio da extrema dereita. E en outubro, a prensa revelou que obtivera de forma abusiva subsidios de aloxamento.

Os socialdemócratas, golpeados polas sondaxes, nomearon en menos dunha semana como novo xefe a Stefan Löfven, un antigo obreiro e presidente do sindicato IF Metall. Neste laboratorio da socialdemocracia que espera ser Suecia, todas as esperanzas depositáronse nel.

Västerås, a 100 quilómetros ao oeste de Estocolmo. Esta antiga cidade industrial é a capital da provincia de Västmanland, a que fóra a rexión máis socialdemócrata de Suecia. Hoxe, a esquerda e a dereita están moi igualadas e adoita ser a extrema dereita a que fai que se incline a balanza. A antiga fábrica de cobre reconverteuse en instituto cultural e en local para asociacións.

"O ser humano debe volver ser o principal"

Os membros de Gamla Gardet, a Vella Garda, a asociación dos socialdemócratas de máis experiencia en Västerås, reúnese neste lugar todos os venres. Son unha vintena de persoas. Ese día discuten o programa do partido. O cinco puntos que van debater veñen desde arriba, de Estocolmo. Globalización, clima... Varios veteranos indígnanse. "Só son palabras grandiosas", lamenta un militante. "A min gustaríame que se falase dos seguros sociais, das condicións laborais, mais o programa non trata nada diso. O ser humano debe volver ser o principal!".

Brage Lundström, un antigo pintor de edificios e secretario de sección expón a súa idea: "Hai que acabar con estas historias de dereita e de esquerda do partido. E volver á cooperación entre o Estado e a industria. Co seu perfil, Löfven pode ser a resposta ante esta situación".

Do mesmo xeito que outros en Västerås, recorre á sacra referencia dos acordos de Saltsjöbaden en 1938, que consolidaron o pacto fundador da Suecia moderna cun Goberno que deixaba á patronal e aos sindicatos negociar sós os acordos colectivos e na que cada un respectaba a parcela privada do outro en beneficio do interese xeral.

A uns pasos de alí, Olle Winkler, delegado local do sindicato IF Metall, do que saíu o novo xefe do partido, defende unha liña similar, agora que o paro chegou ao 7,1 % en decembro de 2011, unha porcentaxe elevada para este país.

No pasado, os Gobernos socialdemócratas sempre foron coñecidos por favorecer ás grandes empresas, o que permitiu, por exemplo, a expansión de grupos como Ericsson, ou mesmo ABB, a principal empresa de Västerås, que se beneficiou desta cooperación co Estado desde a Segunda Guerra Mundial. "O que se espera é ese capitalismo de Estado", insiste Olle Winkler. "Se non se volve aos fundamentos, non chegaremos a ningunha parte".

Na antiga fábrica de cobre, Roland Sundgren, que animaba a sesión da Vella Garda, viviu o apoxeo da socialdemocracia e o inicio da súa caída, xa que foi deputado de 1970 a 1994. "No momento no que se concedeu o premio Nobel de economía a Milton Friedman en 1976, foi o inicio do fin. Reagan e Thatcher aplicaron as súas fórmulas, pero Suecia tamén. Empezouse a desregular, a privatizar. En 1985, ao ministro socialdemócrata de Finanzas e ao seu equipo alcumáronlles "a dereita financeira" do partido. Palme era o primeiro ministro, pero non controlaba nada. E son eles os que desregularon os mercados e liberalizaron os bancos".

Un  partido que non tería sentido

En Västerås son moitos os que fan referencia á fractura de 1985, esa aceptación das teses neoliberais pola socialdemocracia. Do mesmo xeito que ese chamamento a un novo capitalismo de Estado. Un discurso moi distinto ao que se escoita en Estocolmo.

Na capital, a prioridade é reconquistar á clase media das grandes cidades, que sería a única maneira de volver recuperar o poder. De aí os debates sobre o que se denomina en Västerås "os detalles", e sobre todo o privado dentro dos servizos públicos e a gran cuestión da realización de beneficios.

"Dentro do partido existen forzas que cren que non temos que interferir nestas historias de beneficios nos servizos do Estado do benestar, como a educación, a sanidade ou a axuda ás persoas maiores", lamenta Roland Sundgren. "Sería terríbel que os socialdemócratas seguisen inclinándose cara á dereita. Nese caso, o partido non tería sentido", advertiu estes últimos días un editorialista de Aftonbladet, diario próximo aos socialdemócratas.

Ao final da obra que se representa neste momento en Estocolmo, Olof Palme sae do escenario respondendo a unha antiga militante, que lle pregunta onde vai. "Non sei onde vou", responde Olof Palme.

Nenhum comentário: