31/03/2012

De como subsanamos a "cultura da probreza" mais non a pobreza

Barbara Ehrenreich. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por nós.  Barbara Ehrenreich é autora de varios libros, recentemente publicou Bright-Sided: How the Relentless Promotion of Positive Thinking Has Undermined America. Acaba de publicarse a edición do décimo aniversario do seu éxito de vendas Nickel and Dimed: On (Not) Getting By in America por Picador Books.



Fai exactamente cincuenta anos que os estadounidenses, ou polo menos aqueles que non eran pobres, "descubriron" a pobreza grazas ao apaixonante libro de Michael Harrington The Other America (A outra América). Se tal descubrimento parécenos agora un pouco esaxerado, como o "descubrimento" de América de Cristóbal Colón, foi porque os pobres, segundo Harrington, estaban tan "ocultos" e eran tan "invisíbeis" que fixo falta a cruzada dun xornalista de esquerdas para sacalos á luz.

O libro de Harrington conmoveu a unha nación que naquel entón se enorgullecía de non ostentar clases diferenciadas e mesmo se preocupaba dos efectos de degradación espiritual que levaba "un exceso de prosperidade". Harrington estimou que un cuarto da poboación vivía na pobreza (entre eles contaban negros residentes en cidades, brancos apaches, granxeiros, agricultores e algúns anciáns). Xa non podiamos entón seguir fachendeando, como fixera o presidente Nixon no seu "debate de cociña" co primeiro ministro soviético Nikitta Khrushchev en Moscova tan só tres anos antes, sobre os esplendores do capitalismo estadounidense.

Ao mesmo tempo que proxectaba unha puñada ao estómago, The Other America ofrecía tamén unha visión da pobreza que parecía deseñada para acomodar aínda máis aos que xa entón se atopaban cómodos. Os pobres eran diferentes do resto de nós, argumentaba, radicalmente diferentes, e non unicamente no sentido de que estaban desposuídos, carentes de privilexios, faltos dunha vivenda digna ou dunha alimentación suficiente. Ademais, eles sentíanse diferentes, pensaban de forma distinta e levaban un estilo de vida caracterizado pola falta de proxección futura e pouca temperanza. Como escribiu Harrington, "Hai unha... linguaxe dos pobres, unha psicoloxía dos pobres, unha visión do mundo dos pobres. Ser pobre implica estar alienado internamente, crecer nunha cultura radicalmente distinta á que domina a nosa sociedade".

Harrington fixo tan bo traballo ao describir aos pobres como "outros", que cando lin o seu libro en 1963, non puiden recoñecer aos meus propios devanceiros ou á miña familia nel. Ben, direi que quizais algúns deles levaron vidas un tanto desordenadas seguindo os estándares da clase media, os cales inclúen a bebida en exceso, pelexas ocasionais ou concepcións extramatrimoniais. Con todo eran traballadores perseverantes e nalgúns casos ferozmente ambiciosos (calidades que Harrington parecía reservar á clase privilexiada).

Segundo el, o que distinguía aos pobres era a súa peculiar "cultura da pobreza", un concepto que tomou prestado do antropólogo Óscar Lewis, quen o desenvolveu a partir do seu estudo dos chabolistas mexicanos. A cultura da pobreza deu a The Other America un xiro académico, mais tamén conferiu ao libro unha dupla mensaxe un tanto conflitiva: "Nós" (o sempre presuntamente concorrido lector) necesitabamos atopar a forma de axudar aos pobres, pero tamén entender que había neles algo que non estaba ben, algo que non podía emendarse cunha redistribución total da riqueza. Pensemos, a modo de ilustración, nun liberal serio que se atopa cun esmoleiro, sente unha inmediata compaixón pola evidente indixencia do home, mais non lle ofrece nin unha soa moeda (xa que seguramente o vagabundo, despois de todo, gastarase o diñeiro en alcol).

Para saír no seu defensa, direi que Harrington non se refería a que a pobreza estivese causada polo que el chamaba as proclividades "retortas" dos pobres. Porén certamente deu vía libre á interpretación. En 1965, Daniel Patrick Moynihan (un liberal ocasional e un dos compañeiros de bebida de Harrington na famosa Taberna do Cabalo Branco en Greenwich Village) culpou á pobreza urbana do que el vía como a estrutura inestábel da "familia negra", achandando o camiño a unha mecánica de culpabilizar ás vítimas que durou décadas. Uns poucos anos despois do Informe Moynihan, o urbanólogo de Harvard Edward C. Banfield, quen serviría de conselleiro a Ronald Reagan, non tivo reparos en afirmar que:
"O individuo de clase baixa vive o momento... o seu comportamento é sempre impulsivo" é por tanto radicalmente impróvido: aquilo que non pode consumir inmediatamente considérao carente de valor... ten unha conciencia de si mesmo atenuada e débil".

Nos "casos máis duros", opina Banfield, algúns pobres poden necesitar ser atendidos en "semi-institucións... e aceptar unha certa supervisión ou vixilancia por parte dun semi-traballador-social-semi-policía".

Na era Reagan, a "cultura da pobreza" converteuse na pedra angular dunha ideoloxía conservadora: a pobreza estaba causada non polos salarios baixos ou a falta de emprego senón por actitudes reprobábeis e estilos de vida irresponsábeis. Os pobres eran xente licenciosa, promiscua, tendentes á adicción e ao crime, incapaces de "demostrar gratitude" ou posibelmente mesmo de utilizar un espertador. De feito, Charles Murray asegurou no seu libro de 1984 Losing Ground (perdendo pé) que calquera intento de axudar aos pobres coas súas circunstancias materiais traería a única consecuencia esperada de agudizar aínda máis o seu desconsolo.

Así que foi baixo o ditado dun espírito magnánimo e mesmo compasivo que demócratas e republicanos uníronse para reconfigurar os programas sociais cos que emendar, non a pobreza, senón a "cultura da pobreza". En 1996 a administración Clinton aprobou a lei "One Strike" (un golpe) a cal prohibía a calquera que cometese un delito de faltas beneficiarse da vivenda pública. Uns meses despois, a asistencia social foi remplazada por unha Asistencia Temporal a Familias Necesitadas (ATFN), a cal na súa forma actual prové asistencia tan só a aqueles que teñen traballo ou poden participar nalgún "traballo social" imposto polo goberno.

Posteriormente volveuse a dar luz verde á teoría da "cultura da pobreza" e o proxecto de lei orixinal da reforma do benestar destinou 250 millóns de dólares en cinco anos a un "adestramento de castidade" para as nais pobres solteiras (Este proxecto de lei, todo hai que dicilo, foi asinado por Hill Clinton).

Mesmo hoxe en día, máis dunha década despois, tras catro anos de crise económica severa e con cada vez máis persoas da clase media que ingresan na pobreza, a teoría segue atraendo ao público. Se un pertence ao grupo dos máis necesitados seguramente necesite algún tipo de corrección, así que aos destinatarios do ATFN instrúeselles rutinariamente para que aprendan a mellorar a súa actitude e todos os solicitantes dos programas de redes sociais, cada vez máis numerosos, deben someterse a inspeccións para ver se consomen drogas. Lexisladores de vinte e tres estados están considerando facer probas ás persoas que solicitan programas de preparación ao traballo, cupóns de alimentos, vivenda de protección oficial, asistencia social ou axudas para obter calefacción no fogar. Ademais, seguindo a teoría de que os pobres teñen máis probabilidades de albergar tendencias criminais, aos solicitantes de programas de redes de seguridade sométeselles á toma das súas impresións dixitais e a procuras computacionais.

O desemprego, que brinda grandes oportunidades para liscar de traballar, é outra das condicións sospeitosas: o ano pasado doce estados consideraron esixir probas de ouriños como prerrequisito para beneficiarse das axudas ao desemprego. Tanto Mitt Romney como Newt Gingrich suxeriron estabelecer probas de detección de consumo de drogas como prerrequisito para beneficiarse de calquera axuda gobernamental, presumibelmente incluíndo a seguridade social. Se a avoíña insiste en paliar a súa artrite con marihuana, terá que resignarse a pasar fame. 

Que pensaría Michael Harrington do uso actual que se fai da súa teoría da "cultura da pobreza", que con tanto esforzo tentou popularizar? Traballei con el nos anos oitenta, entón eramos codirectores de Socialistas Democráticos de América, e agora sospeito que el tería a decencia de sentirse desgustado, se non mortificado. En todas as discusións e debates que mantiven con el xamais emitiu unha soa palabra desdeñosa contorna aos vagabundos ou, o que é máis, nunca pronunciou a frase "cultura da pobreza". Maurice Isserman, o biógrafo de Harrington, díxome que este se aferrou ao termo en primeiro lugar só porque "non quería soar no libro como un axitador marxista estereotípico estancado nos anos trinta".

A argucia (se se lle pode chamar así) funcionou. Michael Harrington non foi acusado de vermello nin relegado por iso. De feito, o seu libro converteuse nun éxito de vendas e serviu de inspiración ao presidente Lyndon Johnson na súa guerra contra a pobreza. Con todo cargouse con iso fatalmente o "descubrimento" da pobreza. O que os estadounidenses adiñeirados atoparon no seu libro, e en todas as diatribas conservadoras que o seguiron, non foi aos pobres, senón unha nova forma bastante filistea de pensar en si mesmos (disciplinados, cumpridores da lei, sobrios e centrados nos seus quefaceres). Noutras palabras: non pobres.

Cincuenta anos despois, faise máis necesario que nunca un redescubrimiento da pobreza. Esta vez teremos que incluír non só aos estereotípicos residentes das barriadas pobres, senón tamén a embargados e desaloxados das zonas suburbanas, a desempregados técnicos e á crecente armada estadounidense de "traballadores pobres". Ademais, se pomos un pouco máis de atención, teremos que concluír que a pobreza non é, despois de todo, unha aberración cultural ou un defecto de carácter. A pobreza é simple e sinxelamente falta de diñeiro.

Nenhum comentário: