30/03/2012

A manipulación dos datos sobre a folga xeral

Vicenç Navarro. Tirado de Público (aquí) e traducido por nós.



Como era de esperar, a maioría dos medios de información de maior difusión de España (que son de persuasión conservadora e ultraliberal) tentaron minimizar o éxito do paro como parte da folga xeral convocada polos sindicatos, subliñando que a diminución da actividade económica fora menor, mostrando a limitada caída do consumo da electricidade como indicador diso. Segundo estes rotativos, a cantidade desta redución variaba dentro dun abanico que ía do 17% ao 22% sobre o consumo normal. Dábase así unha imaxe encamiñada a sinalar que houbera unha participación moi reducida na folga xeral, transmitindo que a maioría da poboación desatendeu a chamada a deixar de traballar.

A iso sumouse unha grande visibilidade dos actos violentos nos que participantes da folga xeral aparecían queimando propiedades privadas ou públicas, e golpeando a persoas, xa fosen civís que querían traballar, xa fosen os axentes da orde. No programa do Sr. Cuní en 8TV, propiedade do Grupo Godó (tamén propietario de La Vanguardia), dedicou especial atención a tales actos violentos. En realidade, en moitos de tales medios aparecía a imaxe da folga a través de actos de violencia, nos que o lume e as chamas sempre aparecían nas fotos. Nin que dicir ten que todas estas informacións correspondían a unha campaña de desprestixio das mobilizacións do movemento traballador, liderado polos sindicatos.

Os datos, con todo, mostran a manipulación (e non hai outra maneira de definilo) destas reportaxes. En primeiro lugar, sinalar o descenso de consumo eléctrico na súa totalidade non ten moito significado, pois a poboación que non traballa tamén consome electricidade, pois está en casa ou nalgún lugar onde se consome electricidade. A maneira máis rigorosa é calcular o consumo de electricidade do día de folga respecto ao dun día festivo, digamos domingo, cando a maioría da xente non traballa. Isto é o que debe facerse para comparar mazás con mazás e non con peras. É dicir, hai que comparar o consumo de electricidade entre dous días comparábeis, é dicir, un día sen traballo (o domingo) e un día de folga xeral que tenta que, como ocorre cos domingos, a xente non traballe. Pois ben, tomando este indicador, pódese ver que, como ben documentaron un grupo de economistas (Economistas Fronte á Crise) a folga xeral foi un grande éxito, pois o consumo da electricidade foi case o mesmo dun día festivo cando a xente non traballa (El País foi o único rotativo que fixo esa distinción, ningún outro rotativo a fíxo).

En realidade, a caída do consumo foi un 87%. Se fose un 100%, iso indicaría que o consumo de electricidade fora o mesmo que o dun domingo. Un 87% é bastante próximo a un domingo. Iso é unha mostra clara de que a gran maioría da xente non traballou o día da folga xeral. En realidade, comparando tal indicador cos anteriores doutras folgas xerais, vese que a folga xeral en contra das medidas altamente impopulares do goberno Rajoy, foi unha das máis exitosas das que existiron durante a democracia, dato que o goberno PP e os seus avaladores, as elites gobernantes da Unión Europea, incluíndo a Comisión Europea, tentan ocultar. As declaracións de portavoces de tal comisión centráronse en indicar que o "fracaso" da folga xeral era un sinal máis do apoio popular cara ás medidas que estaba a tomar o goberno Rajoy. Porén o que alcanzou uns niveis de cinismo (e non hai outra maneira de definilo) inadmisíbeis é cando o goberno PP, a través da Ministra de Traballo, indicou que o goberno estaba a levar a cabo as medidas que o pobo español, a través das últimas eleccións, instruíra ao goberno a realizar. En realidade, ningunha das reformas impostas polo goberno Rajoy estaba no seu programa electoral. A folga xeral, por tanto, era tamén unha protesta en defensa da democracia española, protestando polo incumprimento das promesas electorais do PP.

En canto aos actos violentos -que, sen dúbida, deben denunciarse con toda contundencia- estes representaron unha proporción minúscula dos participantes na folga. Centrarse neles é un insulto á obxectividade e equilibrio mediático que debería esixirse de tales medios. As trinta persoas violentas que fixeron canalladas na estación de Sants, en Barcelona, non se merecían a promoción gratuíta que o Sr. Cuní lles proporcionou, consumindo unha sección moi prominente no seu programa. O 99,8% de todos os participantes foron non violentos. Por que entón se deu tanta cobertura aos violentos? A imaxe desexada era relacionar unha folga xeral cun acto violento. É así como a imaxe dun dos eventos políticos, económicos e sociais do ano, a folga xeral, téntase desacreditar polos medios do establishment mediático do país ao servizo das forzas conservadoras responsábeis do subdesenvolvemento social do Reino de España.

Nenhum comentário: