27/04/2012

25.200 desempregados máis en Galiza, 5.639.500 no Estado

Redacción.



O paro subiu en 25.200 persoas no primeiro trimestre do ano en Galiza, en canto a economía entreba en recesión, en relación aos tres meses anteriores, un 10,48% máis, co que o total de desempregados se sitúa en 265.600 e a taxa alcanza o 20,18%, de acordo cos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) difundidos este venres polo Instituto Nacional de Estadística (INE).

  En todo o Estado, o paro subiu en 365.900 persoas no primeiro trimestre do ano respecto ao trimestre anterior, 6,9% máis, situándose o número total de desempregados en 5.639.500 persoas, cifra inédita até agora para a economía estatal.

  En Galiza, xa que logo,  manténse unha taxa de desemprego máis de catro puntos por debaixo da estatal (esta última é do 24,44%), a comparación co mesmo trimestre do ano anterior mostra que o paro subiu en 39.000 persoas, o que representa un 17,23% máis.

  Galiza sitúase como a sétima comunidade en que máis creceu o desemprego en termos relativos no primeiro trimestre, en relación ao anterior, aínda que é a quinta en termos absolutos. En canto á taxa de paro, hai nove comunidades cunha porcentaxe máis avultada que o galega e están por debaixo Asturias, Cantabria, Castilla e León, Madrid, Navarra, País Vasco e La Rioja.

Entre xaneiro e marzo destruíronse na Comunidade galega 22.400 empregos, de modo que os traballadores ocupados descenderon un 2,09% respecto ao último trimestre de 2011 e se situaron nun total de 1.050.500. Se se compara co primeiro trimestre do ano pasado, o número de postos destruídos é de 30.200 e a caída na ocupación do 2,79%. A taxa de actividade galega sitúase, deste modo, no 55,51%.

Por sexos, hai máis homes desempregados (138.700) que mulleres (126.900), pero elas teñen unha taxa de paro superior, do 20,55%, fronte ao 19,85% no caso deles.

Os datos da EPA mostran que no primeiro trimestre estaban ocupadas 490.300 mulleres, cunha taxa de actividade do 49,83%, por 560.100 homes, cunha taxa de actividade do 61,73%.

  Ademais, a publicación do instituto estatístico recolle que entre xaneiro e marzo había en Galiza 2.370.700 persoas maiores de 16 anos, o que representa un 2.600 menos que no trimestre anterior, unha caída do 0,11%. Estaban activos 1.316.000, o que representa un incremento de 2.800 persoas no mesmo período, un 0,21% máis.

  No Estado español, a taxa de paro escalou ao peche de marzo ata o 24,44%, porcentaxe case 1,6 puntos superior ao do trimestre anterior. A taxa de paro alcanza así o seu nivel máis alto da serie histórica comparábel, que arranca en 2001. Se empregamos series non comparábeis, non se alcanzaba unha porcentaxe desta natureza dende o primeiro trimestre de 1994, cando a taxa de paro se situou no 24,55% (o seu valor máis alto dende 1976).

Así o reflicten os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) correspondente ao primeiro trimestre do exercicio, no que entrou en vigor a reforma laboral do Goberno do PP (o 12 de febreiro entreou en vigor). O número de ocupados alcanzou a cifra de 17.433.200 persoas, o seu nivel máis baixo dende o terceiro trimestre de 2003.

Nenhum comentário: