26/04/2012

Brevísima historia das privatizacións no Reino Unido

Richard Seymour. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por Revolta IrmandiñaRichard Seymour é autor de The Liberal Defence of Murder (Verso, Londres, 2008) e The Meaning of David Cameron (Verso, Londres, 2010), e rexenta unha bitácora co título de Lenin´s Tomb (leninology.blogspot.com).




Royal Mail, o servizo de Correos, saíu a poxa, e non necesariamente ao mellor ofertante (mentres, os prezos dos selos seguen subindo). O corpo de bombeiros londiniense externalizou as chamadas de emerxencia ao 999 a unha empresa chamada Capita a instancias do untuoso presidente da autoridade de bombeiros da capital, Brian Coleman. E as multinacionais merodean con ganas ao redor dos hospitais do NHS [National Health Service, o Servizo Nacional de Saúde, a sanidade pública británica]. Os colexios están a empezar a buscar rendibilidade. Na nomenclatura tecnocrática do FMI, a isto chamaríaselle "programa de axuste estrutural", pero con iso non se capta realmente a escala radical da transformación. Podemos velo a través dunha historia abreviada da privatización no Reino Unido.

1979-81: Experimentación

Os tories levaban moito tempo comprometidos con certa política de desnacionalización. Como resposta á prolongada crise da década de 1970, na que os conservadores se debateron para manter o seu dominio parlamentario, o Informe Ridley, elaborado polo gabinete na sombra de Thatcher, recomendou unha política de despedazamento do sector público e desmembramento dos sindicatos. A privatización estaba en principio subordinada a outros temas políticos, sobre todo á supresión salarial para controlar a inflación. Pero a primeira administración Thatcher introduciu con éxito certo grao de privatización nalgunhas grandes compañías do sector público, especialmente British Aerospace e Cable & Wireless. Nesta etapa, no entanto, o enfoque consistía en centrarse en privatizar entidades aínda rendíbeis a fin de conseguir ingresos e reducir así os préstamos que necesitaba o sector público.

1982-86: Despegamento

No medio da recesión dos primeiros 80, os conservadores comezaran a propor a privatización como panacea potencial. O deputado conservador Geoffrey Howe encomiaba a "disciplina" do mercado. A doutrina emerxente consistía en que a privatización faría máis eficiente e produtivas as grandes empresas de servizos públicos e, por tanto, faría máis competitivo ao capitalismo británico en relación aos seus rivais continentais. Neste período, o goberno vendeu Jaguar, British Telecom, o que restaba de Cable & Wireless e British Aerospace, Britoil e British Gas. O centro desprazouse cara á privatización de empresas clave de servizos públicos.

Esta política non xurdiu da nada: estaba plenamente integrada nas ideas de Hayek que guiaran a Thatcher e a súa cohorte na oposición. Pero desenvolveuse en relación a obxectivos políticos concretos. Non era cuestión unicamente de estimular o investimento no sector privado senón tamén de librar unha guerra cultural destinada a redeseñar ao electorado seguindo as liñas do "capitalismo popular" pregoado por Thatcher, e anunciado na tristemente soada campaña publicitaria de "Tell Sid" ["Cóntallo a Sid"].[1]

1987-91: Saltos e brincos

Tras a terceira vitoria electoral dos conservadores, estes gozaban de confianza suficiente para lanzarse ao seu programa máis agresivo de privatización. British Steel, British Petroleum, Rolls Royce, British Airways, a auga e a electricidade atopábanse entre os servizos públicos á venda. Estas privatizacións provocaron unha forte oposición, seica suficiente para frenar calquera tendencia encamiñada á privatización respecto ao NHS. No entanto, continuaron impóndose medidas de orientación mercantil no sector público, do "mercado interno" no servizo sanitario á malhadada "carta cidadá" de John Major. [Citizen´s Charter, iniciativa do primeiro ministro en 1991 destinada a mellorar os servizos públicos].

1992-96: Fraqueza e retirada

A cuarta administración consecutiva dos conservadores era débil e dividiuse rapidamente respecto dunha serie de medidas políticas, sobre todo ao redor da unión monetaria europea. Porén as premisas neoliberais da política ancorada por Thatcher seguían intactas, e o goberno seguiu impulsando privatizacións naqueles campos nos que sentía capaz de levalas a cabo. Ao inflixir unha segunda derrota aos mineiros, o goberno procedeu á venda final de British Coal, [carbón] así como das empresas xeradoras de electricidade Powergen e National Power, e de British Rail [os ferrocarrís británicos]. Abandonouse, con todo, o intento de Michael Heseltine de privatizar Correos, debido á oposición pública e á resistencia dos deputados, medorentos de ser aniquilados electoralmente.

1997-2001: Compromiso do Novo Laborismo

O Novo Laborismo lograra sacar capital electoral da impopularidade dos tories por mor das privatizacións,  mais só se comprometeu a parar a venda do control do tráfico aéreo. E traizoou mesmo esta promesa de menor entidade. Pois, aínda que o thatcherismo non lograra impor a súa argumentación sobre os servizos públicos, demolera de forma tan totalizadora a esquerda militante e os sindicatos que non había nada que puidese impedir ao laborismo adaptarse ao neoliberalismo. A política de privatizacións de envergadura introducida neste período foi por tanto un torpe compromiso entre unha dirección xerencial e a base electoral laborista, coñecéndose como IPF (Iniciativa Financeira Privada - Private Finance Initiative), un apaño do que foi pioneiro en orixe Norman Lamont [ministro de Economía dos conservadores entre 1990 e 1993]. Introducidas no Metro de Londres, o NHS e as escolas, estas medidas políticas recadaron diñeiro a curto prazo sen necesidade de subir os impostos. Pero houbo tamén con iso un refacho de evangelización en favor do mercado. Tanto Peter Mandelson como o seu sucesor no Departamento de Comercio e Industria crían papel do goberno o promover a cultura empresarial.

2002-8: IFP agresiva

A segunda e terceira administracións do Novo Laborismo presionaron de forma agresiva en favor dunha maior privatización e redución do tamaño do Estado. Blair asentara a súa campaña de reelección de 2001 na IFP, extremadamente impopular. O cálculo baseábase en que aínda que a medida non fose popular, a súa vitoria demostraría que non había unha alternativa realista. Aínda que houbo poucas vendas de fuste, as medidas políticas do goberno respecto de Royal Mail e o NHS levaban, como conclusión lóxica, á privatización destes servizos. Até que non chegou o derrube crediticio e a consecuente crise non empezou a moverse o péndulo, só fóra temporalmente, en dirección contraria, cando Brown se viu obrigado a nacionalizar tardiamente unha ristra de bancos desfalecentes. Porén mesmo entón quedou claro que a intención consistía en devolver esas empresas á propiedade privada canto antes.

2009-: Thatcherismo, segunda parte?

Os conservadores chegaron ao poder sen mandato, mais non sen que lles faltase confianza. A súa axenda, que fora saíndo á luz desde 2008, consistía en representar a crise do sector público como unha crise do gasto do sector público. Tras privatizar xa o servizo de apostas deportivas e anunciar a venda de Northern Rock, [banco privado "nacionalizado" polos neo-laboristas en 2007 para evitar a súa completa desaparición ao comezo da crise] que iría seguida da doutros bancos nacionalizados, indicaron que venderán Royal Mail, xunto aos servizos de liberdade condicional, estradas, grandes sectores da educación e o NHS. Privatizaranse mesmo partes da policía, tradicional aliada da dereita. A externalización estenderase a todos os campos posíbeis.

Porén, do mesmo xeito que na década de 1980, o obxectivo non consiste primordialmente en reducir os préstamos do sector público. Os tories saben que a crise económica en curso non é só un problema fiscal ou financeiro. O sector privado atópase absolutamente estancado. Globalmente, hai billóns de libras en mans de corporacións que non ven condutos viábeis para un investimento rendíbel. As empresas norteamericanas contan con 1'7 billóns de dólares, as da eurozona, con 2 billóns de euros, e as empresas británicas dispoñen de 750.000 millóns de libras inmobilizadas. A acumulación-mediante-desposesión é unha forma de pór ese diñeiro en circulación como capital. E aínda que os conservadores non teñen ideológicamente tanta confianza como nos anos 80, a escala das privatizacións que propoñen suxire que esperan pasar calquera oposición.

Nun contexto histórico, a privatización parece responder a unha serie de dilemas no caso dos tories. Ao difundir os incentivos de mercado, erosiona a base do sector público para a política laborista. Ao abrir o sector público aos beneficios, pon unha grande cantidade de capital en circulación. E ao reducir o poder dos traballadores do sector público, suprime as presións salariais, facendo así en teoría o investimento máis atractivo. Sobre todo, seica, ao desprazar os principios democráticos de asignación a aqueles que se basean no mercado, favorece aos que son máis fortes no seu control do mercado, e a quen representan tamén a base social do conservadurismo.


Nota do t.: [1] Unha campaña publicitaria de 1986 animaba á xente a comprar accións de British Gas, privatizada hai 25 anos. 'Se ves a Sid, dillo' era a súa lema, atendido por preto de millón e medio de persoas, que compraron accións a un prezo de 135 libras cada unha, nunha oferta de 9.000 millóns de libras, a maior rexistrada até entón.



.

Nenhum comentário: