A confusa destitución dun alto dirixente na Chinesa profunda, os novos sobresaltos da eurocrisis e o poema dun escritor alemán, son as últimas pezas dun crebacabezas: incerteza, crise e belicismo. Pezas que non encaixan do todo, de aí a confusión, mais que sabemos interrelacionadas. O aparente vigor alemán na crise depende de China. Os dirixentes chineses están nerviosos porque senten tremer o chan baixo os seus pés. En Siria asoma o que podería ser o principio dun "big bang" bélico. O escritor Günter Grass que en Alemaña advirte do perigo dunha grande guerra, é apupado con argumentos cuxa necedade é multiplicada pola disciplinada unanimidade con que se formulan.
China
China
Que pasou en Chongqing, cidade pobre e traballadora, con 30 millóns de habitantes no seu municipio, o máis poboado do mundo? O seu líder que mantiña unha nova liña "social", invocando unha escenografía maoísta, niveladora e anticorrupción, foi fulminado. Era Bo Xilai, fillo dun pai fundador da Revolución Chinesa, ex garda vermello, ex ministro de comercio e neno bonito das multinacionais, antes de acceder á xefatura do partido en Chongqing, unha especie de Boris Yeltsin á chinesa?
Lembremos que Yeltsin arrincou como "loitador contra os privilexios da nomenklatura", reclamándose da pureza leninista. Apoiouse na rúa, non foi fulminado a tempo e acabou conquistando o poder e disolvendo o Estado. China non é Rusia e ademais os dirixentes chineses teñen moi na mente o que pasou na URSS. Porén é un feito que, en vésperas do XVIII Congreso do próximo outono en que o partido chinés pasará a testemuña a unha nova xeración, os dirixentes mostráronse moi nerviosos ante Bo Xilai. Vincularon á súa muller, Gu Kailai, coa escura morte dun empresario británico e destituírono entre advertencias contra unha nova "Revolución Cultural". Que pasa en China?
Ocorre que os dirixentes senten que camiñan sobre cascas de ovo. Aquilo que permitiu o prodixioso ascenso do país, a integración na economía global, é visto como posíbel causa do seu afundimento. Saben que se se afunde a economía global da que tanto dependen, deberán quitarse a gravata e pórse o uniforme. En Pequín esa percepción data de varios anos, de bastante antes de que a quebra de Lehman Brothers institucionalizase en 2008 a "crise financeira".
Os cambios de liña de China son soados. Sucedeu co Grande Salto Adiante e coa Revolución Cultural, inesperados, incomprensíbeis. O mesmo coa reforma de mercado que sucedeu a Mao. Agora a discusión non é se China vai dar un novo bandazo, xa está niso, senón con que profundidade o fará.
Desde hai unha década o sector público da súa burocracia, empresas estatais, o partido, o exército, a policía e os sindicatos, está a gañar peso a expensas do sector privado que, a pesar das aparencias nunca deixou de ser criatura do Estado. A reflexión de fondo parece ser a de que se se afunde o sector exportador e o belicismo asoma como solución global a unha crise xeral do capitalismo, haberá que ter ben amarrado o poder para non perder o control da situación. Ben amarrado para afirmar un desenvolvemento máis endóxeno .máis baseado no consumo interno- para ocupar á inxente poboación e impedir a súa revolta, á vez que se organiza a suficiente disuasión militar para evitar o cinto de ferro que Estados Unidos leva anos estabelecendo con bases, alianzas e despregamento de novas armas ao redor de China.
Impedir que a maior clase obreira do mundo se rebele ao quedar sen traballo, por afundimento do sector exportador e explosión da burbulla inmobiliaria, por citar dous escenarios extremos, obriga á burocracia a sintonizar co movemento telúrico das forzas sociais. Ese xiro precisaría un novo discurso, actuar contra a desigualdade, a mafia e a corrupción rampante do últimos vinte anos, desempoar parte do ideario maoísta evitando caer no seu compoñente máis inhumano e autodestructivo do que China garda unha viva memoria. Precisamente algo así apuntaba Bo Xilai en Chongqing. Entón, por que o botaron?
Seguramente por medo ás excesivas famas que poden degenerar en caudillismos imprevisíbeis. Non hai que destapar a botella que contén o xenio yeltsinista. Hai que conxurar a aparición de líderes carismáticos capaces de apelar á rúa contra o réxime. De aí a reveladora advertencia do primeiro ministro Wen Jiabao sobre a Revolución Cultural pronunciada a véspera da defenestración de Bo Xilai.
O xiro que vén hai que facelo de forma ordenada, tentando que o cambio sexa o máis armónico posíbel, en primeiro lugar para a propia burocracia, para os equilibrios entre os seus diversos grupos e intereses. Sen revolución. Bo Xilai podería ser visto como un perigoso exceso nese contexto, non polo contido senón pola forma, non polo que facía senón por como o facía...
Naturalmente, isto é só unha hipótese de lectura dun episodio, o de Chongqing, aínda demasiado confuso, mais o dato do nerviosismo duns dirixentes que senten un chan fráxil baixo os seus pés, é claro como a luz do día: China ten moitas cartas investidas nese incerto casino mundial, está máis exposta a un grande afundimento que ninguén, e treme.
Europa
A angustia de Pequín contrasta coa necedade curtoplacista de Berlín. Os alemáns almorzan cada mañá con novas optimistas sobre o "milagre alemán", particularmente real comparado coa miseria dos seus veciños do sur de Europa. Un día é o crecemento das súas exportacións, outro a marca de emprego, outro o magnífico índice de "confianza empresarial" e outro o aumento de vendas de Volkswagen ou BMW.
Varrendo debaixo da alfombra os datos negativos do parcial desmonte do "Modell Deutschland" do últimos vinte anos (o aumento da precariedade laboral, o crecemento da desigualdade social, o incremento do cinismo cara á política e a deterioración da proverbial moral do traballo), o establishment mantén a súa optimista campaña coa vista posta nas eleccións xerais do 2013. Mentres tanto, a Europa do sur vaise ao garete como consecuencia dunha política alemá de austeridade asfixiante e dun Banco Central Europeo de deseño alemán e ao servizo do sector financeiro.
O aparente e fráxil "milagre" sostense coas vendas en países como China, cuxos aumentos compensan o que deixan de comprar os arruinados europeos meridionais. É dicir sostense, en boa medida, sobre cascas de ovo, porque China está a arrefriarse e lanza sinais de nerviosismo. A diferenza entre China e Alemaña é que mentres a primeira pensa en previr posíbeis escenarios de desastre, a segunda como máximo pensa nas eleccións de 2013 e en escapar ilesa ao afundimento do Titanic grazas ao seu billete de primeira clase. Todos os partidos alemáns que optan a posicións de goberno comparten a grandes liñas o mesmo programa ao servizo da mesma oligarquía corporativa-empresarial. No Politburó do Directorio Berlín-Bruxelas nin sequera hai necesidade de purgas, porque non hai rastro de inquietantes disidentes nas institucións.
A expectativa que hai en Europa non é alemá, senón unha combinación do crecente malestar social, en Grecia, Portugal, España e Italia, cunhas eleccións en Francia. Eses dous vectores poderían pór en cuestión a política anticrise de factura alemá. Haberá que ver o que iso dará de si, mais, como no caso de Chongqing, o que aquí importa é o contexto: China depende de Europa, Europa depende de China. Todos están a camiñar sobre cascas de ovo. Uns o saben, outros, ao parecer, ignórano ou confían no seu billete de primeira.
Oriente Medio
E niso o ancián escritor espértalles do seu doce soño. O seu poema preséntalles unha lista de banais evidencias sobre o perigo bélico: critica o "suposto dereito a un ataque preventivo" de Israel, que "dispón dun crecente potencial nuclear fose de control e inaccesíbel a toda inspección", contra un país, Irán, do que se sospeita a fabricación dunha bomba. Menciona a "hipocrisía occidental" ante ese feito que, "pon en perigo unha paz mundial xa de seu quebradiza". Denuncia ao seu país, Alemaña, por entregar a Israel un novo submarino, o sexto, capaz de portar "oxivas aniquiladoras". Romper o "silencio sobre ese feito", un silencio que di sentir como "unha gravosa mentira", supón ser riscado de "antisemita", di.
Günter Grass pediu, "un control internacional permanente e sen trabas do potencial nuclear israelí" en ben de "todos os seres humanos desa rexión dominada pola demencia". Puro sentido común. Que ten que ver este poema con todo o anterior, cos medos de China e a errática deriva europea cara á recesión?
Esa "rexión dominada pola demencia" citada por Grass é o Oriente Medio, a principal zona enerxética do planeta, onde, á calor dos problemas internos do réxime sirio, un adversario, Occidente alenta unha guerra civil financiada por outras ditaduras árabes amigas, con obxectivo de cambio de réxime. Siria podería ser o aperitivo da grande guerra contra Irán evocada por Grass. Irán é, á súa vez, principal subministrador enerxético de China e grande parte de Asia Oriental, unha rexión cuxo ascenso no mundo, impensábel sen queimar grandes cantidades de petroleo e carbón, preocupa ao hegemonismo occidental.
Unha vez máis, as pezas deste crebacabezas son confusas na súa ensamblaxe concreta, non así o sentido xeral da situación: unha saída bélica é o escenario clásico dunha crise xeral do capitalismo. Só que neste caso a guerra sería detonante dunha verdadeira catástrofe xeral. Como di James Petras, só un necio pode pensar que o "ataque preventivo" de Israel a Irán, cara ao que Estados Unidos e Europa mostran tanta indulxencia e complicidade, non dexeneraría nunha grande guerra na rexión con moitos mortos en Irán, mísiles chovendo en resposta sobre Israel, as terminais petroleiras do Golfo en chamas e drástico corte da subministración petroleira, é dicir, "colapso da economía mundial e brutal empobrecimiento de centenares de millóns de persoas en todas partes".
Todo isto subscríbeo, con distintas palabras e discursos, o sentido común da grande maioría dos israelís e dos alemáns que se declaran en contra de tal ataque nas enquisas. O diario Haaretz de Israel alerta sobre a insensatez do seu goberno en termos non moi diferentes aos de Grass, lembra o veterano Alfred Grosser, un xudeu nado en Francfort en 1925, o máis coñecido experto francés en temas alemáns. Até Shaul Mofaz, un ex xeneral nado en Teherán que preside o maior partido israelí, Kadima, considera un desastre o plano guerreiro de Netanyahu, sobre o que se fala con preocupación nas rúas de Tel Aviv e Haifa, e na rede israelí.
Que o establishment alemán, coa súa lexión de xornalistas e políticos conformistas, proisraelíes por unha mestura de covardía (o medo a ser tachados de "antisemitas") e de responsabilidade mal entendida, ridiculizara a Grass coa unanimidade e virulencia con que o fixo, non fai senón evidenciar a profunda ambigüidade do cheque en branco alemán a Israel.
Alemaña apoia o goberno de Israel, cruel e criminal cos palestinos, para redimir a memoria dos horrendos crimes da Alemaña nazi contra os xudeus. Porén os cidadáns alemáns deben ter en conta unha cousa, di o escritor Tariq Alí; "non foron os palestinos os responsábeis do asasinato de millóns de xudeus durante a Segunda Guerra Mundial, con todo convertéronse en vítimas indirectas do xenocidio cometido contra os xudeus porque aqueles que sufriron o mal, practícano á súa vez contra outros. Por que entón ningunha simpatía cara aos palestinos?". A condena dos crimes nazis obriga a condenar tamén os crimes de Israel, non a fechar os ollos ante eles. Só alguén que perdeu por completo o sentido da xustiza, alguén moralmente ambiguo, inmaturo e profundamente perdido nos seus complexos históricos, pode convivir con este absurdo.
En 2008 o continuado crecemento de China foi clave para impedir un afundimento global moito máis drástico. Agora os dirixentes de China móstranse nerviosos. En Europa a situación española engádese á grega na demostración da completa ausencia de perspectiva da actual euroreceta ultraliberal: só con austeridade, as cousas empeoran. E en Alemaña apúpase ao ancián escritor que, como Casandra, advirte dun perigo de guerra completamente real. Compoñan como queiran ese tres pezas, mais falan con toda claridade da fraxilidade, a inconsciencia e o belicismo do noso mundo.
Nenhum comentário:
Postar um comentário