22/04/2012

Un soldo de 2000€ para toda a cidadanía suíza

Redacción.
 
 

Unha renda básica de 2.500 francos (por volta de 2.000€) é a proposta que se debateestes días en Suíza e que temos a certeza que sería aprobada en caso de someterse a un referendo democrático. A proposta deuse a coñecer esta semana nun boletín federal: "Por un susidio de base incondicional", onde se propón un ordenado fixo para a cidadanía de entre 2.000 e 2.500 francos (1.500-2.000€) que debería ser lexislada desenvolvendo o principio, fixando o financiamento e a cantidade do subsidio.

Naturalmente, para a súa efectivización é necesaria unha reforma fiscal progresiva e a suba, xa que logo, de impostos para  cubrir o custe do programa, um terzo do PIB suízo (200.000 millóns de euros), e a reorganización do estado social. A suba de impostos ás grandes fortunas e rendas do país cando menos en 50%, a suba do IVA calculada noutro 50%, etc.

Para os seus defensores a incitación ao traballo sería aínda meiranda baixo esta fórmula, aumentando as opcións para que as persoas desenvolvan os traballos dos que gostan, permitindo unha maior formación dos cidadáns, unha caixa de resistencia dos traballadores para limitar as horas de traballo semanal (xerando máis empregos - a taxa de desemprego está en 3'2% na actualidade) e impedindo os ataques contra os dereitos laborais. Definitivamente, sentaríanse as bases para mudar o modelo de produción e económico ultraliberal.

A proposta de Renda Básica Universal xa fora suxerida en 1985 polos profesores Philippe Van Parijs e Robert Van Der Veen na universidade de Lovaina no Estado belga. No Estado español. ERC ou Esquerda Unida presentaron sendas propostas no Parlamento a través de iniciativas lexislativas en 2006 e Bildu levouna no seu programa electoral.

Moito máis reducida e ambiciosa do que a Renda Básica é o programa Bolsa Familia de Brasil ou os programas na onda da Renda Básica instaurados no Canadá e en Alaska, se bem moito máis modestos que o da proposta helvética.
 
No Brasil, o Goberno do PT, aprobou en 2001 unha renda básica circunscrita para as familias desfavorecidas, polo que non é universal e só un subsidio para os máis desfavorecidos, negándolle moitos defensores da Renda Básica o carácter como tal, aínda que recoñecendo que pode ser unha primeira etapa na súa implantación total. 
 
No Canadá existe un salario mínimo universal restrinxidoás persoas maiores de 65 anos que reciben ese diñeiro á marxe da súa aposentadoría. 

En Alaska, co obxectivo de fixar poboación nun territorio inóspito, os seus 700.000 cidadáns contan cun salario mínimo a final de cada mes que erradicou a exclusión social, mais que desde os círculos ultraliberais se explica só polos dividendos do petróleo (existe entón no Iraque ou Libia esa renda e porque non é así?).




Nenhum comentário: