21/05/2012

Alemaña perante o espello da emigración

Àngel Ferrero. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por Revolta IrmandiñaÀngel Ferrero é membro do Comité de Redacción de SinPermiso.



«Veñen quitarnos o traballo», «hai demasiados», «non se integran»... Todo isto ouvinllo dicir aos alemáns dos turcos, rusos e españois, aos españois dos latinoamericanos, romaneses e árabes e aos árabes dos africanos. A inmigración é as máis das veces unha matrioshka onde sempre hai alguén por baixo de ti. Ou por encima. Que llo pregunten aos alemáns, que desde hai unhas semanas levan as mans á cabeza coas declaracións de Natalie Rickli, un destacada político do Partido Popular Suízo (SVP). Nunha cadea de televisión local, Rickli queixouse de que en Suíza hai demasiados alemáns. Xa antes descolgouse no diario Sonntags-Blick afirmando que «cando nas montañas suízas hai soamente Serviertöchter (camareiras) alemás e médicos alemáns que só atenden a pacientes alemáns, entón deixo de sentirme coma se estivese no meu propio país.» Segundo Rickli, os inmigrantes alemáns supoñen unha carga para o estado e a sociedade suíza en todos os seus aspectos -desde o mercado laboral, as escolas e as universidades até o transporte público e os alugueres- e non só desprazan dos seus postos de traballo aos traballadores autóctonos, senón tamén aos en Suíza estimados traballadores croatas ou serbios. «Quen, como alemán, queira saber que sente un traballador emigrante ao non ser ben recibido no estranxeiro, debería mudarse a Suíza», escribe o respectábel semanario Spiegel, e engade: «para ser máis exactos, á zona xermanofalante do país. Alí un nada desdeñábel 36% da poboación opina que na súa fermosa república alpina viven demasiados alemáns.» [1]

Estes traballadores alemáns que fan as súas malas para marcharse a Suíza fano buscando, como todos, mellores salarios e condicións laborais. Son a razón inmediata, probabelmente por diante das tendencias demográficas do país, da cacarexada carencia de man de obra cualificada que atraeu nos últimos dous anos a miles de cidadáns españois, gregos e italianos a Alemaña. O empobrecimiento dos países do sur de Europa e Europa oriental, que tensa as relacións europeas entre centro e periferia, serviu en última instancia para crear un enorme exército industrial de reserva disposto a aceptar os postos de traballo que non queren desempeñar os alemáns e a facelo tanto por peores condicións laborais -salarios máis baixos a cambio de xornadas de traballo máis longas- como pola ausencia, na práctica, de toda protección sindical.[2] Peor aínda: se os alemáns ven forzados algún día a retornar de Austria ou de Suíza non só se atoparán con que as súas anteriores prazas de traballo foron ocupadas por outros, senón cun mercado laboral moito máis deteriorado. E que lección aprenderon os alemáns de todo isto? Pois absolutamente ningunha. Os alemáns do Leste non reciben máis que varazos dos seus compatriotas do Oeste -o último, o feche de varias fábricas produtoras de placas solares en Mecklemburgo-Pomerania Occidental, que devolveu á rexión a unha segunda desindustrialización- e unha vez máis fan as malas para atopar mellor sorte no Oeste, no que supón un fluxo migratorio interno silencioso, mais constante. Suficiente teñen co seu como para protestar polos demais. Se este é o trato entre alemáns, que lles cabe esperar aos estranxeiros? Este é o Modell Deutschland para Europa, versión 2012: a este retorno á extracción de plusvalía absoluta máis crúa, sostido por un exército industrial de reserva constantemente desprazándose por Europa -o que obstaculiza, por suposto, toda unidade dos traballadores-, co que Alemaña tenta manter custe o que custe a súa posición de nación exportadora fronte á crecente competencia dos países emerxentes, interponse con todo a complexidade do idioma e a falta do que os sociólogos alemáns dan en chamar "unha cultura de benvida", produto da irregular historia do país. En Alemaña un emigrante nunca sente como na casa. E quizais o obxectivo sexa precisamente ese: non por casualidade as autoridades de Alemaña occidental acuñaron na década do cincuenta o termo "Gastarbeiter", que significa, literalmente, "traballador invitado". E que convidado queda a vivir para sempre na casa do seu anfitrión? 

Se non se liquidan estes problemas que se arrastran durante lustros, o resultado ameaza con ser explosivo. Por unha banda, a crecente alienación dos países do sur de Europa do proxecto europeo, capitalizado polas elites franco-alemás para o seu propio beneficio. Pola outra, unha crecente división social en Alemaña que vén acompañada doutra segregación, máis perigosa aínda se cabe, de tipo racial, tanto no ámbito educativo e laboral como no urbano, coa aparición de barrios onde a poboación de inmigrantes pobres é xa maioritaria. E xa sabemos polo ocorrido no Reino Unido no oitenta e nas banlieues francesas no noventa onde conducen estas polvoreiras sociais. A cousa sería xa grave se non fose porque algúns partidos políticos comezan a facer cóxegas perigosamente a glándula do nacionalismo alemán buscando votos nun sistema de partidos cada vez máis fraccionado. E non só, como cabería esperar, a extrema dereita e os conservadores.[3] Entrevistado o diario Bild, o socialdemócrata Peer Steinbrück declarouse en contra da expulsión do partido de Thilo Sarrazin polas súas teses racistas baseadas en teorías seudocientíficas («á parte do último capítulo, apenas pode dicirse nada en contra da maior parte da análise de Sarrazin») e engadiu que quen emigre a Alemaña «debe achegar coa súa calificación unha plusvalía e non ser unha carga [para o Estado]» [4] Se dunha virtude non carece Steinbrück esa é a claridade de expresión. Peer Steinbrück, que foi ministro de Finanzas no anterior goberno de Merkel («o multiculturalismo morreu», lembren), será probablemente o próximo candidato á cancillería do SPD, un partido que, se non recordo mal, nunha ocasión estivo por algo así como o socialismo e mesmo moito antes polo socialismo sen máis.

Alemaña, terra de emigrantes?

Por iso seica conveña recuperar un artigo de Michael Bodemann aparecido o outono pasado no Blätter für deutsche und internationale Politik sobre os emigrantes alemáns en Estados Unidos que mereceu maior atención e que é -ou debería de ser- unha chamada á humildade. [5]

Como o seu autor lembra ao comezo do artigo, no século XVIII e XIX os alemáns chegaron a constituír nalgunhas zonas dos EUA a comunidade de inmigrantes máis numerosa, o que xerou o rexeitamento frontal dos colonos anglosaxóns. Así, a mediados da década do cincuenta do século XVIII, a administración e a igrexa de Pensilvania esixiu -mais non conseguiu- o establecemento de matrimonios forzosos entre alemáns e anglosaxóns así como a prohibición de falar o alemán en público. Os mismísimos Founding Fathers Thomas Jefferson e James Madison temían que a relixión e o réxime absolutista do que procedían os alemáns acabase supondo unha ameaza á neonata república estadounidense. Benjamin Franklin foi máis lonxe aínda e afirmou nunha carta que «quen chegan até aquí son polo xeral do tipo máis ignaro e estúpido da súa propia nación... e dado que poucos dos ingleses entenden o idioma alemán, non poden dirixírselles desde a prensa ou o púlpito, facendo practicamente imposíbel eliminar os prexuízos que puidesen ocuparlles... Non estando afeitos á liberdade, non saben facer un uso modesto da mesma... Aínda recordo cando modestamente declinaron toda intromisión nas nosas eleccións, mais agora chegan en masa, e traen a todos consigo, excepto nun ou dous condados... En poucas palabras, o fluxo da súa importación debería dirixirse desta a outras colonias, como vostede xuizosamente propón, pois pola contra pronto nos superarán en número de tal modo que todas as vantaxes que temos non seremos na miña opinión capaces de preservalas, sexa a nosa linguaxe, e mesmo o noso goberno.» E noutro lugar, e en tons abertamente racistas, preguntábase: «Por que Pensilvania, fundada polos ingleses, debería converterse nunha colonia de estranxeiros, que deica pouco serán tan numerosos que nos germanizarán no canto de anglificarlos nós a eles, e que nunca adoptarán o noso idioma e costumes como non poden adquirir a nosa complexión física. O que me leva ao seguinte comentario: que o número de xente puramente branca no mundo é proporcionalmente moi pequeno. Toda África é negra ou morena (tawny). Asia principalmente morena. América (excluíndo aos recentemente chegados) tamén o é por completo. E en Europa, os españois, italianos, franceses, rusos e suecos son polo xeral o que denominados de complexión atezada (swarthy); como tamén o son os alemáns, coa excepción dos sajones, quen, xunto cos ingleses, constitúen o corpo principal de xente branca sobre a face da Terra.» [6] Tal era o medo á presenza dos alemáns que, até o día de hoxe, EUA carece de lingua oficial, pois temíase que calquera votación conducise á vitoria do alemán -un idioma que, polo demais, unía aos inmigrantes alemáns, austriacos e suízos independentemente da súa confesión relixiosa (protestante, católica ou xudía)- por encima do inglés.

O primeiro fluxo migratorio, do século XVII até 1815, compúxose de menonitas, huteritas e outras confesións anabaptistas perseguidas en Europa, e deixou paso segundo Bodemann a un segundo período que se estende desde o Congreso de Viena de 1815 até o comezo da Primeira Guerra Mundial. Durante este período foron os exiliados da fracasada Revolución de marzo de 1848 quen deixaron unha maior pegada nos Estados Unidos. Os alemáns, escribe Bodemann, «concentrábanse en "Little Germanies", como ocorreu en Nova York, Milkwaukee, Baltimore, St. Louis e Filadelfia. En Chicago, entre 1850 e 1914, entre o 25 e o 30% da poboación era de orixe alemá.»

Durante todo este espazo de tempo os alemáns constituíron o que hoxe se coñece como unha "sociedade paralela": «Os inmigrantes, tamén na segunda xeración, seguían falando alemán, lendo periódicos alemáns, levando aos seus fillos a escolas alemás, atendendo misa en lingua alemá, celebrando festividades alemás, acudindo os fins de semana durante o verán aos Biergarten e no inverno consumían o seu tempo, nunha economía comunitaria, nos seus propios clubes de caza, sociedades obreiras ou coros e teatros en lingua alemá.» Os seus costumes seguiron sendo durante moito tempo -por estraño que nos pareza agora, cando os conservadores cren fundir a diversidade cultural europea nas supostas "raíces cristiás" (ou mesmo "xudeocristiás") de Europa- alleas á poboación estadounidense. Así, mentres para os puritanos era «o domingo un día de reflexión, de recollemento na parroquia e no fogar, para os alemáns, independentemente de se eran protestantes, católicos ou socialistas, era un día para pasar coa familia facendo pic-nique ou nos Biergärten, con cervexa e cancións.» Tanto rexeitamento xeraban os alemáns que «a contratación de alemáns foi percibida como un signo de deslealdade na nova nación de orientación anglosaxoa, e nalgúns lugares tentouse por medio da lexislación obstaculizar a apertura e o funcionamento das escolas alemás.» Os alemáns foron, xunto aos irlandeses, o grupo étnico máis discriminado en Estados Unidos. Unha noticia do Christian Examiner de 1851 comezaba coa seguinte advertencia apocalíptica: «dúas razas apareceron para desafiar o predominio dos ingleses [...] falamos por suposto dos irlandeses e dos alemáns.»

A poboación anglosaxona miraba con inquedanza e desconfianza aos recentemente chegados. Era a súa intención como súbditos do káiser fundar un imperium in imperio nos Estados Unidos? Ou traían consigo algo aínda peor? Michael Bodemann lembra que «ao redor de 1850 [os alemáns] constituían máis do 80% da forza de traballo, e aínda en 1900 dous terzos da mesma.» Do oito acusados nos sucesos de Haymarket en Chicago -a orixe da celebración do Primeiro de Maio-, por exemplo, seis eran de orixe alemá e os carteis chamando á manifestación imprimíronse en inglés e en alemán. O Chicago Tribune publicou a seguinte e reveladora crónica: «os máis entusiastas de entre o público eran os alemáns. Entre as súas filas había igualmente un enorme número de polacos e bohemios (Böhmisch), xunto a persoas de aspecto estadounidense que se achegaron a observar que ocorría.» Ao que Bodemann comenta con acerto: «alemáns como participantes entusiastas, americanos como espectadores pasivos. Aquí vemos como se alza o dedo acusador que di: "como inmigrantes non anglosaxóns estades obrigados a atervos ás normas estadounidenses existentes, e o voso socialismo non pertence a elas".»
Os xermano-americanos foron obrigados a asimilarse por completo e renunciar á súa identidade na Primeira Guerra Mundial, aproveitando as hostilidades co Segundo Imperio que desataron unha onda de xermanofobia por todo o país. Do sentimento como tales -a diferenza de afroamericanos, asiático-americanos, etc.- non queda nin rastro. Pero por outra banda, a súa tradición cultural enriqueceu a cultura estadounidense (cuxo melting pot é, sen dúbida, o produto máis valioso): as icónicas hamburguesa e hot dog -ou, se o prefiren, frankfurts ou wieners- son, como non é difícil deducir, de orixe alemá, como o son o abeto do Nadal ou Santa Claus. Os alemáns trouxeron consigo a cervexa, unha bebida que favorece o consumo social fronte ao individualista whisky. «Hoxe -conclúe Bodemann- expómonos a cuestión de se o pasado xermano-americano na época da Primeira Guerra Mundial é un espello do noso propio futuro en Alemaña ou se a sociedade alemá -como ocorreu, polo menos parcialmente, nos Estados Unidos antes da Primeira Guerra Mundial- está disposta a seguir aceptando o multiculturalismo.»

Alemaña mírase ante o espello da emigración e non se recoñece.

Notas:

[1] "Schweiz: SVP-Politikerin Rickli sieht Masse der Deutsche als Problem", Spiegel, 29 de abril de 2012.

[2] Jörn Boewe, "El nuevo ejército industrial de reserva", Sin Permiso, 24 de xullo de 2011. 

[3] A comezos do mes de marzo a ministra Ursula von der Leyen anunciaba a exclusión das axudas Hartz-IV para os cidadáns de 14 países de Europa, Noruega, Islandia e Turquía que non traballasen en Alemaña. Véxase: "Arbeitsmarkt: Regierung will Hartz-IV für EU-Zuwanderer stoppen", Spiegel, 9 de marzo de 2012; Rafael Poch, "Alemania se vacuna contra la emigración oportunista del sur de Europa", La Vanguardia, 10 de marzo de 2012. 

[4] "Steinbrück gegen Auschluss von Sarrazin aus der SPD", Bild, 10 de febreiro de 2011.

[5] Michael Bodemann, "Der deutsch-amerikanische Bindestrich. Eine Lektion in Multikulti aus der Geschichte der USA", Blätter für deutsche und internationale Politik, n. 7/2011, 111-120.

[6] "Ben Franklin on 'Stupid, Swarthy Germans'", Dialog International, 5 de febreiro de 2008.

Nenhum comentário: