21/05/2012

Comeza a vinganza dos oligarcas contra os electores

Carlos Enrique Bayo. Artigo tirado de Público (aquí) e traducido por Revolta Irmandiña.



A rabia coa que os mercados financeiros acolleron os resultados electorais en Francia e Grecia fíxose patente nada máis abrir as bolsas, na mañá seguinte a eses dous veredictos das urnas contra a mortífera austeridade sen concesións imposta por Merkozy para salvar á banca á conta dos contribuíntes. O inmediato esborralle nun 8% dos valores gregos era previsíbel, tras o caos parlamentario provocado pola reacción dos votantes ás implacábeis imposicións da UE, o FMI e o Banco Mundial, que paralizaron a economía do país e sumido á poboación nunha penuria terceiromundista. Porén o castigo contra os franceses por votar socialista -ampliado a todos os europeos coa caída do valor do euro ao seu nivel máis baixo en tres meses e a brusca subida das primas de risco dos países mediterráneos- non ten lóxica algunha, cando a vitoria de Hollande estaba prevista por todas as sondaxes desde hai meses e debería ser descontada de antemán polos investidores.

O que se está agora producindo é unha auténtica vinganza da oligarquía financeira (esa que aumentou o seu capital en Europa noutros dous billóns de euros, segundo cálculos de Eurostat, durante esta crise de recortes sociais e laborais) contra os que se atreveron a votar a favor de alternativas políticas ao ultraliberalismo imperante. Porque ningunha das medidas económicas anunciadas por Hollande na súa campaña é autenticamente radical, por moito que chamen a atención as subidas de impostos aos millonarios e as entidades bancarias; nin van afectar seriamente ao sector financeiro, pois estímase que só lle suporá a perda dunha décima parte dos seus beneficios.

O que de verdade ten airados aos magnates da banca é a suxestión, lanzada polo xa presidente electo de Francia nas postrimerías da súa campaña electoral, de que o Banco Central Europeo (BCE) debe conceder préstamos directamente aos gobernos, no canto de entregar centos de milleiros de millóns de euros aos bancos a 1% de interese para que a continuación estes préstenllos a cada Estado con intereses de 5%, 6% ou máis (no caso de Grecia, o seu bono a dez anos alcanzou onte a descomunal taxa do 23,25%), para obter moreas de beneficios (en ocasións, raian coa usura) á conta dos erarios públicos. Hai pouco, un alto directivo bancario da City londiniense  xustificoume esa práctica ruinosa para as arcas do Estado alegando que esa foi a maneira de camuflar un resgate masivo da banca europea (arruinada polos seus propios excesos no casino bolsista), subterfuxio que permitiu inxectar nas entidades financeiras máis dun billón de euros (case o equivalente ao PIB de España) procedentes dos impostos dos contribuíntes.

Esa astronómica cantidade de diñeiro público facilitado, vía BCE, aos bancos europeos nunca é recoñecida polos nosos gobernantes, cando alegan que o resgate bancario (en España, 115.000 millóns de euros do Estado) limítase a avais, créditos e compra de activos. É sanguento que o mesmo día en que comeza a traballar o novo presidente socialista francés, Rajoy admita por fin que está disposto a inxectar na banca os milleiros de millóns que aduce que non existen para Sanidade, Educación, Seguridade Social, investigación -e que sexa o grupo Bankia dirixido polo gurú económico do PP, Rodrigo Rato, o que primeiro vaia a beneficiarse dese colosal transvasamento dos fondos que se negan a xubilados, enfermos, mestres, funcionarios, científicos-.

No terreo político, o peor do resultado electoral francés para a dereita é que se vai a pór de manifesto a profunda falsidade, o tremendo engano, do seu discurso a favor da austeridade como única saída da crise; da mentira mil veces repetida, até lograr que moitos traballadores lla crean, de que a esquerda é responsábel da crise e do desemprego por malgastar os fondos públicos; de que "vivimos por encima das nosas posibilidades". Quen? Os mileuristas, os parados, os pensionistas?... É insultante para todos eles, porque os que sustentan esa tese saben perfectamente que é falsa, que a crise foi a que disparou a débeda pública e o déficit orzamentario, non ao revés, e que esta Graden Recesión que padecemos foi provocada polos excesos dos potentados aos que agora se segue enriquecendo quitándolles aos traballadores os seus escasos ingresos e os seus duramente conquistados dereitos sociais.

E o máis inadmisíbel de todo isto é que, ademais, esa imposición de austeridade maiúscula non fai máis que agravar esa mesma crise, precipitando á economía nun abismo de parálise que xera aínda maiores perdas nun círculo vicioso que ameaza con arruinar ás sociedades máis prósperas do planeta. Como sostén o premio Nobel de Economía Paul Krugman no seu último libro (Acabade xa con esta crise!) "...políticos e funcionarios públicos de primeira orde (...) elixiron esquecer as leccións da historia e as conclusións de varias xeracións de grandes analistas económicos; e en lugar deste coñecemento, obtido con tanto empeño, optaron por prexuízos ideolóxicos e politicamente convenientes?.

Krugman subliña que os nosos gobernantes "fixeron caso omiso por completo da máxima esencial de Keynes: 'o auxe, e non a depresión, é a hora da austeridade'. É hora de que o Goberno gaste máis, e non menos". Non só iso, digo eu, senón que os mesmos que hoxe recortan os gastos sociais e os investimentos estatais, cando son máis necesarias que nunca, foron os que impulsaron proxectos públicos faraónicos e permitiron o enriquecemento ilícito dos seus amigos durante os anos de bonanza, como se comproba con só dirixir a vista cara a Valencia. Ou cara a Grecia, onde hoxe pretende volver gobernar a mesma dereita de Nova Democracia que causou a catástrofe económica do país ao falsificar as contas do Estado e malgastar os recursos públicos.

E, para maior escarnio, ese partido proclámase gañador, tras perder un 15% dos votos e quedar con menos do 19% dos sufraxios emitidos, porque o sistema electoral grego (deseñado para dar o poder absoluto aos xa poderosos) regálalle 50 escanos (case un 17% do total de deputados) para que poida ter máis do dobre de parlamentarios que o esquerdista Syriza, ao que só superou en dous puntos porcentuais. Con semellantes perversións da democracia, no seu propio berce, a ninguén pode estrañar que a cidadanía se rebele contra os políticos, como se porá de manifesto este próximo fin de semana 12M-15M nun milleiro de cidades do planeta, onde a cidadanía reclamará non ser gobernada por malfeitores.

Aí radica o verdadeiro temor dos mercados: que o pobo se subleve contra a súa tiranía. E é por iso que a súa vinganza vai ser, sen dúbida, terríbel.

Nenhum comentário: