22/05/2012

Despois do primeiro aniversario do 15-m: un mundo por diante

Daniel Raventós. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por Revolta Irmandiña para o galego.

Cadro de Van Gogh: "Exterior de café"


Europa está a vivir unha situación que soamente algún descoidado pode chegar a pensar que non chegará a polarizarse social e politicamente cada vez máis. Cando se lembra a situación que se vivía fai menos dun lustro, aqueles anos anteriores a 2008 parecen doutro mundo, doutra época. Neste período curto de tempo a situación da grande maioría da poboación europea deteriorouse dunha forma tan acelerada e as perspectivas son tan desastrosas, que non se necesita ter unha imaxinación demasiado refinada para enxergar grandes convulsións sociais.

Os resultados das recentes eleccións gregas, que deberán repetirse o próximo 17 de xuño; as eleccións francesas que cambiaron a un presidente moi dereitista por outro que lanzou unha mensaxe (debilísimo, sen dúbida) contra as consecuencias das medidas postas en pé para combater (sic) a crise; e a irrupción nas rúas en distintas cidades do Reino de España por parte do movemento xa universalmente coñecido por 15-M, son tres acontecementos moi diferentes e de lugares ben distintos politicamente, mais que son expresión do descontento heteroxéneo das poboacións que están a sufrir as consecuencias máis descarnadas dunhas políticas económicas e sociais depredadoras da maioría non opulenta.

A situación económica no Reino de España é a máis inestábel que se viviu nos últimos anos. A semana termina coa prima de risco a 490 puntos, o máximo desde o ano 1995, aínda que por uns instantes o martes superouse o fatídico nivel dos 500; o IBEX 35, o principal índice de referencia da bolsa española, fechou a semana a niveis de hai 9 anos; o Instituto Nacional de Estatística confirmou o pasado 17 de maio que o PIB caeu un 0,3% no primeiro trimestre respecto ao mesmo período do ano anterior; o paro está próximo aos 6 millóns de desempregados oficiais, perdéndose 655.200 postos de traballo a tempo completo nun ano; o paro xuvenil supera o 50%; a porcentaxe de persoas por baixo do limiar da pobreza achégase ao 25% da poboación. O goberno español, ante esta catastrófica situación, anuncia e aplica maiores medidas de austeridade. Un dos últimos anuncios do goberno español do PP foi cuantificar no 35% o peso que os servizos públicos deberán ter no PIB, agora é do 45%. Con esta linguaxe falsaria e clerical segundo o cal esta nova (contra)reforma será "complicada e dolorosa" (para a maioría si, non para todos), anuncian un novo ataque contra a poboación non rica. Sexa dito de pasada: o venres 19 de maio tamén anunciou o goberno do PP que daba vía libre ao anteproxecto da lei de transparencia, mais a casa dos Borbóns queda exenta unha vez máis do resto da cidadanía.

É neste escenario que tan só fai uns poucos anos houbese parecido imposíbel que puidese ocorrer (lémbrese que hai momentos históricos en que os acontecementos se aceleran, algo que custa moito de entender porque afai encaixar dificilmente con todas as inercias e tranquilidades intelectuais de tantos escribidores xornalísticos, verbosos tertulianos e académicos torpes), reaparece o 15-M nas rúas.

Cos acontecementos aínda moi recentes, varios son os aspectos a destacar.

1. Non sentou ben. Se xa no nacemento do 15-M, como escribía Antoni Domènech, "moitos analistas e comentaristas que buscaron denodadamente ao comezo ningunear con estudada displicencia ao movemento, cando non -como os recrecidos medios de comunicación da extrema dereita neofranquista madrileña- difamalo groseiramente", agora estes analistas volveron con redobrada violencia porque xa non puideron ser desconcertados polo factor sorpresa. E por encima de todo, estes medios alardeaban da "falta de alternativa" (sic) do 15-M á situación actual. Son moitos os artigos que antes, durante e despois das mobilizacións protagonizadas desde o 12 de maio até ben avanzada a semana, e algunhas aínda non terminaron, miraron por encima do ombreiro a este novo movemento e lanzaron gorentosos (ou esa era a pretensión dos seus autores) artigos acerca da inoperancia, falta de eficacia, aletargamento, populismo (si, iso nunca pode faltar), perda de apoio popular, utopismo (claro), irrealismo (como non), lentitude na toma de decisións... Estes artigos non soamente poden achacarse ao descoñecemento do que estaba a proclamar o 15-M, tamén se trata de animadversión. Nalgúns casos declarada, noutros larvada.

2. A represión a este movemento é cada vez maior. Se o ano anterior, co nacemento do 15-M, o Conseller Puig erixiuse en campión da represión contra os acampados na praza Catalunya de Barcelona, este ano foron os concentrados na Porta do Sol madrileña os que se levaron a maior parte da represión. O Ministro do Interior Fernández e a Delegada do Goberno Cifuentes vocearan repetida e machaconamente desde calquera medio posíbel que non consentirían unha repetición da ocupación democrática da Porta do Sol do 12 ao 15 de maio. Unha constante verifícase: a medida que se ataca e se vai desposuíndo ao Estado das conquistas sociais duramente gañadas ao longo de moitos anos polas clases traballadoras, este mesmo Estado necesita aumentar a represión legal e policial ante as protestas que estes ataques motivan. A detención de varios sindicalistas e estudantes, durante e despois da folga xeral do 29 de marzo, foi un serio aviso. A privación de liberdade máis longa correspondeu a tres estudantes detidos o mesmo día da folga xeral e até o 4 de maio; a dirixente do sindicato CXT, Laura Gómez, estivo detida desde o 25 de abril até o 17 de maio, día en que o xulgado de instrución número 28 de Barcelona puxo en liberdade a esta sindicalista cunha fianza de 6.000 euros. Ante as crecentes protestas sociais polas agresións ás condicións de vida e de traballo da grande maioría da poboación, a represión tenderá a aumentar. Trátase dun maior desprezo polas liberdades de manifestación e expresión, mais tamén expresan un medo á crecente protesta popular. Despois da folga xeral do 29 de marzo e con anterioridade ás ocupacións rueiras recentes do 15-M, Jaume Asens e Gerardo Pisarello escribían: "Os exasperados ataques gobernamentais, mediáticos e xudiciais contra os grevistas do pasado 29-M e o anuncio de medidas criminalizadoras da protesta reflicten unha indubitábel deriva autoritaria destes sectores. Porén tamén evidencian a súa inquedanza perante a crecente resistencia social e popular á eliminación duns dereitos e liberdades gañados a legón á cultura política e xurídica franquista." A nova irrupción do 15-M agudizou esta dupla tendencia.

3. O 15-M volveu a refrescar de forma ben práctica esta sinxela, mais moi frecuentemente esquecida verdade: se as ideas non se enraízan en poderosos movementos que chegan a amplas capas da cidadanía, as ideas por boas (supostamente) que sexan, non teñen moito futuro. Tomemos o caso dunha do cinco grandes proclamas defendidas estes días polo 15-M, a renda básica de cidadanía. Estende máis esta proposta un movemento como o 15-M, que 1.000 seminarios, conferencias, libros e artigos. Interprétese na súa xusta medida: artigos, libros, conferencias, seminarios... son necesarios, moi necesarios. Defender ben, argumentar con boas análises, fundamentar empíricamente na medida do posíbel, debater con posicións contrarias, organizar congresos son actividades necesarias e moi importantes. Pero unha idea por excelsa (supostamente) que poida chegar a ser, se non toma contacto e apoio con amplísimos sectores sociais, pode correr a mesma sorte que moitas boas (supostamente) ideas: a esterilidade máis absoluta. Grazas ao 15-M, a proposta da renda básica universal é máis coñecida hoxe no Reino de España que antes do primeiro aniversario deste movemento. Non hai dúbida que o traballo previo, moito antes da existencia deste movemento, en favor da renda básica foi decisivo para que puidese callar no 15-M. Pero na actual situación, cando desde o inicio da crise económica a renda básica ha ir afastándose dos parlamentos, foi grazas ao 15-M (e no caso da Comunidade Autónoma Vasca, grazas a Bildu) que volveu a ter unha revitalización indiscutíbel.

4. Unha mensaxe deste movemento destaca por encima de calquera outra consideración. O 15-M quere que se faga xustiza, quere oporse ás barbaridades que en nome da crise e da austeridade están a imporse á poboación: desafiuzamentos, paro, recortes dos salarios, ataques á sanidade e educación públicas, peores condicións laborais... Víctor Sampedro expresábao con estas palabras: "O 15-M non quere axustizar a ninguén, senón que se faga xustiza, de aí os tribunais cidadáns sobre a crise que lanzou. Todo un exemplo de dignidade fronte ao boicot do PP a unha comisión de investigación parlamentar sobre os responsábeis deste desastre." Dentro do movemento hai diferentes opinións, diferentes formas de entender como enfrontarse á barbarie, pero non hai dúbida sobre quen é o inimigo a resistir. Non fai moito, o economista Michael Hudson escribía algo que algúns a recado deberon considerar panfletario, alarmista ou, no mellor dos casos, esaxerado. E cuán premonitorio foi! Escribiuno hai exactamente dous anos: "para que poida gobernar o capital financeiro primeiro deben saquearse a fondo as economías." E de maneira moi racional avanzaba: "Pero non cabe dúbida de que a batalla non terminou. Esta situación persistirá durante toda a presente década, posto que o actual proceso consiste basicamente nunha involución das loitas dos séculos XIX e XX por substituir o poder omnímodo da propiedade privada oligopólica e os intereses financeiros por principios de fiscalidade progresiva e empresa pública." A batalla non terminou, nin moito menos. O 15-M sabe que loita contra a barbarie imposta polo capital financeiro, as grandes multinacionais da propiedade privada oligopólica e os gobernos e institucións ao seu servizo que maquinan, de tomar por certas as súas intencións, para "dar confianza aos mercados".

5. Unha das virtudes comunicativas do 15-M foi a súa grande capacidade para crear consignas, lemas ou simples frases moi ocurrentes e algunhas dun humor cru para expresar partes das súas denuncias. Lembremos algunhas delas. Directamente políticas: "Gústasme, democracia, pero estás como ausente" ou "Apolíticos? Superpolíticos!", "Democracia real, xa!", "O teu voto vale moito, non o regales". A maioría contra as medidas de austeridade e de recortes: "Non podemos apertarnos o cinto e baixarnos os pantalóns ao mesmo tempo"; "Non é unha crise: é que xa non nos queremos", "O teu Botín, a miña crise". Outras de denuncia aos beneficiarios da crise: "Non somos mercadoría en mans de políticos e banqueiros!", "Non hai pan para tantos chourizos". De rebeldía: "Se non nos deixan soñar, non imos deixarlles durmir", "Erro do sistema. Reiniciar!", "Non somos antisistema; o sistema é antinosotros". Non fai falta lembrar que todo gran movemento de resistencia popular sempre saíu moi beneficiado se foi capaz de transmitir de forma clara e desenfadada parte das súas aspiracións e denuncias. E o 15-M foi especialmente imaxinativo neste punto. Como tamén o foi na utilización das redes sociais e das distintas posibilidades ofrecidas por Internet para estender as súas informacións.

6. As realidades social e electoral discorren a miúdo con tempos moi diferentes. Se deixamos de lado as nacións históricas ou parte delas, é dicir, Catalunya, a Comunidade Autónoma Vasca e Galicia, non hai alternativa electoral a curto prazo no Reino de España ao PP e ao PSOE. A diverxencia entre estas dúas realidades, a social e a electoral, ponse en evidencia en momentos de conflito como na folga xeral do 29 de marzo pasado ou nas mobilizacións do 15-M. E máis que porase en evidencia nos meses que temos por diante. Esta realidade fixo que algúns activistas se expuxesen a conveniencia de ir estudando a posibilidade de dar unha expresión electoral ao 15-M. Trátase dun dos problemas máis difíciles e, por suposto, que levantan máis desconfianzas. Se se parte da convicción de que a mobilización social a miúdo non ten unha expresión electoral inmediata, a idea de tentar forzar os debates no 15-M sobre unha posibilidade de presentarse ás urnas directa ou indirectamente, é unha idea... mala. A forza do 15-M está na capacidade que teña para mobilizar, organizar ao maior número de persoas, estender a súa influencia a organizacións e movementos que non participan directamente nas súas actividades habituais- non en ningunha perspectiva electoral. Neste momento pouca dúbida pode caber respecto diso, o que poida ofrecer o mañá máis inmediato é algo que deberá analizarse con sumo coidado.

7. De forma máis xeral, moitos son xa os escritos que circulan por Internet acerca do que o movemento debe facer a partir de agora. Os temas son: a representación, a axilidade na toma de decisións, a diversificación de actividades, a utilización dos medios de comunicación, a planificación das mobilizacións, as coordinacións internacionais... E é bo que se discutan estas e máis tarefas que o 15-M ten por diante. Benvidos sexan as dificultades, os problemas e os erros que se poidan cometer. Sinal inequívoco de todo movemento que está vivo. Diciamos recentemente que "gocemos do ar fresco que representou e está a representar este grande movemento social que ocupa algunhas prazas de moitas cidades. Algo é seguro: o 15-M veu para ficar e estao conseguindo." Os motivos de loita e protesta que inspiraron ao 15-M non soamente continuarán senón que se incrementarán aceleradamente. A situación social e política está a extremarse, e máis que extremarase no interesante e polarizado momento histórico que nos tocou vivir. E o reto quizá maior do movemento será estender lazos con toda resistencia que se levante ante as renovadas agresións. Porque, sexan pequenas ou sexan grandes as diferenzas que poida haber con outros movementos, organizacións políticas, sindicatos... ocasións para golpear xuntos, aínda que se camiñe por separado, hainas e seguiraas habendo no futuro máis inmediato. O 15-M está fac ut vivas. Quen está feito para perdurar debe ter moita responsabilidade, intelixencia, imaxinación e, sobre todo, capacidade de traballo. E a tarefa é moi atractiva porque hai un mundo por diante.

Nenhum comentário: