22/05/2012

Crear unha, dúas, tres, moitas Grecias!

Sonia Mitralias. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por Revolta Irmandiña para o galego.  Sonia Mitralias, feminista, é unha das fundadoras da Marcha Mundial das Mulleres e da Iniciativa das Mulleres Gregas contra as políticas de axuste e austeridade.

Léonidas aux Thermopyles de Jacques-Louis_David


(Discurso pronunciado na grande manifestación Ocupemos o BCE! en Frankfurt, 19 de maio 2012)

Compañeiras e compañeiros,

Eu veño de Grecia, un país destruído e sen esperanza, un país en ruínas, mais que aínda segue en pé. Esa Grecia que resiste e que dixo un NON magnífico aos seus verdugos: a troika (o FMI, a Comisión de Bruxelas, o BCE), Merkel e Schäuble, Barroso, Sarkozy e os banqueiros. En resumo, os que nos gobernan e imponnos as políticas inhumanas e bárbaras que sufrimos. Estas políticas que xa están a causar a desnutrición infantil e mesmo a fame nas principais cidades gregas. E todo isto onde? Non nalgún lugar afastado no Terceiro Mundo, senón aquí no corazón da Europa rica. E cando? No momento da historia en que a humanidade produciu máis riquezas que nunca xamais! ...

Compañeiras e compañeiros,

Os resultados das eleccións do 6 de maio, non deixan ningunha dúbida: a inmensa maioría dos gregos rexeitaron as políticas de austeridade. É un auténtico terremoto político! Grecia foi elixida para ser o laboratorio das políticas de austeridade, mais rebelouse con todas as súas forzas contra aqueles que a humillan e a famentan, que fechan os seus hospitais e escolas, que destrúen o noso fermoso país para vendelo por solto. Grecia levantouse contra os seus torturadores gregos e estranxeiros.

Porén atención: non se pode abandonar aos gregos cando están a transformar a súa ira nun movemento consciente e liberador, agora que comeza a amencer no horizonte a perspectiva, posíbel e realista, dun goberno grego de esquerda. Se Merkel e Sarkozy, o FMI e a Comisión Europea en Bruxelas fixeron dos gregos os seus coellos de indias e de Grecia un laboratorio das súas políticas bárbaras, correspóndenos a nós, os pobos de Europa, estar á altura e facer de Grecia a vangarda da nosa loita común contra os que destrúen a vida e a natureza. A resistencia dos gregos é a nosa resistencia!, as súas loitas son as nosas loitas! ...

Compañeiras e compañeiros,

Veño dun país que hoxe volve a súa mirada cara ao resto de Europa, que espera actos concretos de solidariedade. Agora e non mañá. Porque é agora máis que nunca cando aqueles que temen que o seu exemplo se estenda como unha mancha de aceite por toda Europa queren acabar coa rebelión grega. E garántolles que os gregos que se rebelaron están convencidos que a mellor solidariedade é que os imiten. Que sigan o seu exemplo na súa casa, no seu país. Que se estendan e coordínense as resistencias contra as políticas inhumanas de austeridade e destrución. Ademais, iso é exactamente o que os nosos comúns inimigos máis temen: o contaxio! O contaxio das loitas a toda Europa.

Así que, fagámolo, cremos unha, dous, tres, moitas Grecias! Coordinemonos en rede, coordinemos as nosas loitas, organicemos metodicamente un movemento unido e radical, de masas e democrático, en todo o noso vello continente, en toda Europa, desde Rumania a Irlanda, de Italia a Islandia. Un movemento a longo prazo e con grandes ambicións emancipadoras, que combine a unidade máis ampla coa radicalidade mais liberadora. Agora é o momento. Porque ... a unión fai a forza - divididos caemos! Ou co refrán das manis: Todos xuntos, todos xuntos, oe, oe, oe ...

Nenhum comentário: