15/05/2012

15-m, un ano despois

Daniel Raventós e G. Búster. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por Revolta Irmandiña.



Tres anos longos despois de desatarse a grande crise económica en que estamos inmersos, producíase un acontecemento grandioso. O 15 de maio de 2011, agora hai un ano, irrompeu un movemento social que sorprendeu a case todos. Grande parte da poboación recibiu a sorpresa con moita simpatía. Os inquéritos realizados poucas semanas despois de iniciadas as grandes ocupacións das rúas e prazas de moitas cidades do Reino de España non ofrecían dúbidas do amplo apoio de grande parte da poboación cara ao novo movemento. Porén se os inquéritos eran esperanzadoras, as mobilizacións na rúa érano máis aínda.

En maio do 2011 cumpríase un ano tamén do grande xiro á dereita do goberno entón do PSOE. Aquel xiro comportou o alleamento de grande parte da base social que aínda lle quedaba e acabou co desastre electoral do PSOE o 20 de novembro do ano anterior. Diciamos inmediatamente despois das eleccións: "Os resultados (...) viñeron a confirmalo, e polo magnífico: o PSOE sufriu unha desfeita electoral sen precedentes -moi superior ao prognosticado polos inquéritos-, perdendo preto de 4 millóns trescentos mil votos, mentres ao PP do señor Rajoy bastoulle gañar algo máis de medio millón de sufraxios para conseguir unha maioría parlamentaria." Co novo goberno do PP continuáronse e profundáronse radicalmente as contrareformas que o PSOE iniciara uns meses antes.

Despois dos primeiros momentos de sorpresa, o movemento que xa se coñecía por 15-M foi visto moi hostilmente por parte dos poderes públicos. Non podía ser doutra maneira. E optouse pola vía represiva. Foi en Catalunya onde a represión ideada polo Conseller Felip Puig, adquiriu toda a súa magnitude. As imaxes da actuación policial do 27 de maio de 2011 deron a volta ao mundo. Aquela actuación represiva saldouse cunha vitoria do movemento, porque a grande presenza cidadá no lugar da acampada (a praza de Catalunya), que estaba a ser desaloxada pola policía autonómica, impediu o seu desmantelamento. A acampada da praza Catalunya aumentou aínda máis a simpatía popular. Logo viñeron as grandísimas manifestacións do 19 de xuño. O 15-M non era flor de verán, xa se conformou como elemento de primeira importancia na dinámica social e política do Reino de España. As descalificacións do movemento realizadas por algúns xornalistas, políticos e académicos foron ridiculizadas polos feitos. Con ignara prepotencia atribuíase ao 15-M: inmadurez, falta de organización, inoperancia, maximalismo, sectarismo... Que rapidamente foron varridas algunhas destas consideracións polas grandes manifestacións e polas iniciativas do propio movemento!

Pasou un ano desde o inicio das acampadas e desde o nacemento do 15-M. Estes días apareceron en todos os medios de comunicación reflexións sobre que queda daquel movemento. Realmente desapareceu como defenderon, metade por animadversión e metade por ignorancia, algúns escribidores nos medios de comunicación? O 15-M repregouse ao longo deste ano nos barrios. Foi madurando, baixou moitísimo a súa presenza pública, recargou motores.

Unha das grandes diferenzas con respecto aos "programas" saídos das distintas asembleas de hai un ano é a súa concreción nuns poucos puntos. Cinco para ser precisos: 1) nin un euro máis para rescatar aos bancos, 2) educación e sanidade públicas de calidade, 3) non á precariedade laboral, non á reforma, 4) por unha vivenda digna e garantida e 5) renda básica universal. Ninguén poderá alegar que estamos ante un "programa" radical. É un "programa" que tenta expresar en poucos puntos as medidas que servirían para contrarestar a ofensiva que, desde a Unión Europea, o goberno do Reino de España e os distintos gobernos autonómicos, completamente sumisos aos "mercados", están a lanzar contra a inmensa maioría non rica da poboación. Trátase de cinco puntos defensivos, até hixiénicos, que se poden parecer "radicais" é polo opostos que son á barbarie económica e social desencadeada contra a grande maioría da poboación desde maio de 2010, agora hai dous anos.

Outra das grandes diferenzas con respecto á situación dos inicios do movemento é o seu maior achegamento a organizacións non directamente implicadas no interior do mesmo. Cabe referirse aquí especialmente aos sindicatos CCOO e UXT. A participación do 15 M na greve xeral do pasado 29 de marzo, convocada por estes e outros sindicatos (especialmente e con anterioridade na comunidade autónoma vasca e en Galiza) foi moi evidente en determinadas cidades. Existen moitas desconfianzas, e algunhas actitudes demasiado cautas de CCOO e UXT non axudan precisamente a rompelas, mais reduciuse en grande parte aquel gran afastamento. O terceiro punto do "programa" antes mencionado, o punto contrario á reforma do mercado laboral e á precariedade, enlaza cos obxectivos da greve xeral do pasado 29 de marzo. Algúns activistas do 15 M son da opinión que, por moitas que sexan as diferenzas cos sindicatos maioritarios, é necesario golpear xuntos aínda que se camiñe por separado. Como así tamén pensan moitos sindicalistas, sexan moitas ou poucas as diferenzas que poidan ter co 15 M. E ocasións para golpear xuntos hai e seguirá habendo no futuro máis inmediato.

O 15-M voltou á escena. Os números das manifestacións do sábado 12 de maio en todo o mundo, especialmente en Barcelona e Madrid, foron espectaculares. A Praza Catalunya en Barcelona e a Porta do Sol en Madrid foron centros de actos multitudinarios. Porén tamén noutras moitas cidades do Reino de España e de Europa. Asembleas nas que se fala de distintos aspectos do cinco puntos programáticos antes apuntados.

Sería pretencioso apuntar algunha predición sobre como evolucionarán os acontecementos e xa haberá tempo para facer balance e axustar o rumbo. Mentres tanto, gozar do ar fresco que representou e está a representar este gran movemento social que ocupa algunhas prazas de moitas cidades. Algo é seguro: o 15-M veu para ficar e estao conseguindo.

Nenhum comentário: