14/05/2012

Grecia: as perspectivas dun goberno de Syriza

Christos Kefalis. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por Revolta Irmandiña Christos Kefalis é editor da revista grega Marxistikiskepsi (Pensamento Marxista).



As eleccións lexislativas do 6 de maio produciron un resultado sensacional, abrindo un novo capítulo na historia política de Grecia. Así mesmo, repercutirán significativamente na situación política europea.

O resultado mostra unha clara polarización entre dereita e esquerda e unha ruptura das forzas políticas dominantes até o momento, o Movemento Socialista Panhelénico (PASOK) e Nova Democracia, o chamado "sistema bipartidista", que dominou a vida política grega desde 1974.

Os dous partidos tradicionais, os alicerces das políticas ultraliberais, perderon máis da metade dos seus votos. Xuntos, só lograron o apoio do 32% do electorado, fronte ao 77% nas eleccións de 2009. Nova Democracia caeu do 33% en 2009 ao 19%, mentres que o PASOK afundiuse aínda máis espectacularmente, do 44% ao 13%, perdendo máis de 2 millóns de votos.

Foi o castigo polas súas reaccionarias políticas de austeridade, o "Memorándum", que aplicaron en cooperación coa Unión Europea e o Fondo Monetario Internacional. O resultado destas políticas foron o empobrecimiento da inmensa maioría da poboación e o desemprego masivo, oficialmente xa no 23%, provocando unha grande cantidade de suicidios de homes e mulleres desesperados.

O voto para a esquerda no seu conxunto subiu dun modesto 12% en 2009 a un impresionante 35,5% - 17% para SYRIZA (Coalición da Esquerda Radical), 8,5% para o Partido Comunista (KKE), 1,2% para a esquerda anti-capitalista Antarsya, un 6,1% para a moderada Esquerda Democrática e un 2,9% para os Verdes. Con todo, a perspectiva dun goberno de esquerda é dubidosa xa que o KKE, un partido ultra-estalinista, descartou de antemán calquera cooperación cos "oportunistas", cualificativo que aplica a todos os partidos de esquerda, excepto a si mesmos. Por outra banda, a Esquerda Democrática e os Verdes son partidos moderados de centro esquerda que non se diferencian substancialmente do PASOK. Aínda así, o resultado colectivo do tres partidos radicais de esquerda, SYRIZA, o KKE e Antarsya, foi un impresionante 26,5%.

A extrema dereita

A outra característica importante das eleccións do 6 de maio é o aumento brusco da extrema dereita, saltando a un sorprendente 20,5% dos votos. Anteriormente representada por un só partido, Laos, que obtivo un modesto 6% fai tres anos, a extrema dereita esta representada esencialmente por tres partidos - os Gregos Independentes, Laos e a neo-nazi Aurora Dourada -que gañaron, respectivamente, 10,6%, 2,9% e 7% dos votos. LAOS pagou o seu apoio ao goberno, situándose por baixo do 3% requirido para entrar no parlamento.

Con todo, o 7% conseguido por Aurora Dourada, un partido abertamente neo-nazi e racista anti-inmigrante, é impactante. É a primeira vez que un partido así entrou no parlamento en Graza co apoio popular, que foi famosa polo seu movemento de resistencia contra os nazis en 1941-45.

Este resultado fora anticipado por militantes e publicacións de esquerda, incluíndo Pensamento Marxista, que dedicou o seu último número monográficamente ao problema do fascismo, o neofascismo e a nova extrema dereita. Houbo unha mobilización masiva das organizacións de esquerda durante o últimas tres semanas das eleccións para chamar a atención sobre o perigo das bandas neo-nazis. Con todo, foi en grande medida ineficaz, xa que a extrema dereita gañou terreo durante os últimos anos nos barrios degradados e entre os mozos desempregados. O KKE non só non está a facer absolutamente nada para loitar contra a extrema dereita, senón que dá refuxio aos nacionalistas, como a famosa xornalista Liana Kanelli, e chegou mesmo a dar a benvida os representantes de Aurora Dourada na greve de Halyvourgiki que controla través da unión dos traballadores locais.

É certo que a extrema dereita obtivo "só" un 20,5%, en comparación co 26,5% da esquerda radical. Con todo,  máis que triplicou as súas forzas, mentres que a esquerda radical "só" os dobra.

Extremistas

A correlación de forzas xurdida das eleccións foi interpretada polos comentaristas dos medios conservadores como unha expresión ilóxica da ira, que empuxa a xente aos "extremos". De acordo con esta lectura, a xente deixouse levar polas falsas promesas dos demagogos, que son imposíbeis de cumprir. A vía correcta, segundo eles, sería continuar aplicando as "reformas" reaccionarias que co tempo superarían a crise relanzando o crecemento, alentando unha maior produtividade e unha mellora da democracia. Doura Bakogianni, líder da ultra-neoliberal (e mal chamada) Alianza Democrática, que non puido entrar no Parlamento por unha estreita marxe, defendeu este argumento moitas veces.

Este tipo de razoamento ten un duplo propósito. Por unha banda, trátase de equiparar a ameaza da extrema dereita e a perspectiva dun cambio de esquerdas como dous aspectos complementarios do problema que enfronta Grecia, á vez que se presenta á esquerda radical como un perigo, negado de antemán que poida haber ningunha solución de esquerda radical á crise de Grecia. Doutra banda, trátase de embelecer o corrupto sistema parlamentario grego e presentar aos partidos do sistema como garantes da estabilidade e o benestar, cando en realidade son a causa do problema.

En Grecia a corrupción dos dirixentes políticos e funcionarios públicos está moi estendida e é de enormes proporcións, mais practicamente nunca se castiga. A ira que produce esta decadencia política é unha das principais razóns para o auxe da extrema dereita e o neo-nazismo. Con todo, ínstasenos a crer que as mesmas forzas que produciron esta situación poden sacar por encantamento ao país da crise, aplicando as mesmas receitas que profundaron a crise. De feito, cando os políticos reaccionarios como a Bakogianni falan de "mellorar a produtividade" queren dicir máis despedimentos e novas roldas de recortes salariais nos sectores público e privado, co que a mala situación existente faise máis desesperada para a maioría da xente.

SYRIZA

SYRIZA tivo éxito ao facer fronte a esta situación, ao propor a formación dun goberno de esquerda, que obtivo un grande apoio popular. A carismática personalidade do seu presidente, Alexis Tsipras, xogou un papel importante. O KKE e Antarsya non foron capaces de ter un impacto semellante.

O KKE insistiu nunha política ultra-sectaria, chamando á formación dunha fronte para o derrocamento directo do sistema a través do "poder popular", estabelecendo unha conexión entre cada loita por mellorar a triste sorte da xente con esta perspectiva de toma do poder e negando con firmeza que poida lograrse ningunha mellora antes de estabelecer o "poder popular". Na práctica significa condenarse á pasividade e a unha ruptura burocrática coa realidade baixo a aparencia enganosa de loitar pola revolución.

Antarsya ten un enfoque moito mellor e xogou un papel vital na loita contra os neo-nazis de Aurora Dourada. Con todo, pagou pola súa falta de vínculos populares sólidos e a súa incapacidade para cooperar con outras forzas de esquerda. Ocórrelle non só con SYRIZA, coa que ten unha serie de diferenzas programáticas, senón mesmo coa Fronte pola Solidariedade e o Derrocamento, unha pequena formación de esquerda radical liderada por Alekos Alavanos, un importante ex dirixente de SYRIZA que non participou en realidade nestas eleccións.

O KKE acusou a SYRIZA de oportunista e de crear ilusións na xente, propondo un goberno de esquerda, que non podería ser mellor que os existentes. Aleka Papariga, a dogmática secretaria xeral do KKE, chegou mesmo a suxerir que a participación nun goberno de esquerda significaría traizoar ao pobo a cambio dalgunhas carteiras ministeriais e declarou que o KKE daríalle un voto de confianza, no caso de que chegase a exporse no Parlamento. A análise política do KKE despois das eleccións foi que o aumento do apoio a SYRIZA non significa máis que un intento do sistema para impedir a radicalización popular e canalizar esta de forma aceptábel para a clase dominante. Por outra banda, Papariga negouse frontalmente a reunirse con Tsipras despois das eleccións para discutir a formación dun goberno de esquerda.

O dogmatismo do KKE

Todo isto e a convicción da dirección do KKE de que non se pode lograr cambio algún pola vía parlamentaria é puro dogmatismo sectario. Certo que, en última instancia, non é a través do parlamento como se pode estabelecer o socialismo e facer a revolución que o pobo necesita. Con todo, a experiencia de Hugo Chávez en Venezuela demostra que co apoio dun movemento de masas pódense iniciar grandes cambios radicais utilizando o parlamento a modo de panca. E non hai ningunha razón real pola que, en principio, non sería tamén posíbel en Grecia.

Os problemas reais, con todo, empezan a partir dese momento. Para facer efectivo un cambio tan radical coa axuda dun goberno de esquerda sobre a base dunha maioría parlamentaria, necesítase unha fronte de masas que apoie este proxecto. Isto é aínda máis importante en Grecia, para ser capaces de soportar a forte presión dos prestamistas estranxeiros, os gobernos europeos e as institucións imperialistas. Con todo, nin tal maioría nin tal fronte existen actualmente. E aínda que os números poderían facer posíbel un goberno de esquerda nunha etapa posterior, non é en absoluto seguro de que se materialice.

A posición do KKE é o principal motivo para iso. O KKE ten o apoio dunha parte significativa da clase obreira industrial, de militantes que serían esenciais para fortalecer e consolidar unha fronte así.

O KKE, cun breve interregno en 1991, seguiu durante dúas décadas un curso cada vez máis estalinista. Non só rehabilitou recentemente a Nikos Zahariadis, o autoritario e cínico secretario xeral estalinista (1931-1956), senón que considera a Stalin uno dos máis grandes marxistas de todos os tempos, acepta a validez dos xuízos de Moscova e segue acusando a Trotsky, Bujarin e aos outros dirixentes da vella garda bolxevique de ser axentes da Gestapo. Unha serie de pseudo-teóricos estalinistas da liña dura, como os membros do Buró Político Mailis Makis e Loukas Stefanos, formaron un círculo na dirección do partido que controla a vida interna política e ideolóxica, a expensas do nivel político dos seus membros e facéndoo vulnerábel a todo tipo de arribistas e oportunistas. Alekos Halvatzis, fillo de Spyros Halvatzis, portavoz do KKE no Parlamento, abandonou o KKE fai un par de anos acusando á dirección de Papariga de encher o partido de "polisóns".

O KKE repudiou as revolucións da primavera árabe e os grandes movementos de "indignados" en Grecia e en Europa como sospeitoso, mesmo de estar guiados talvez polos órganos dos servizos secretos imperialistas. En lugar de tomar parte nestes movementos, pide á xente que se una ás "frontes" que crea artificialmente o KKE e que dirixe desde arriba, faltos de raíces populares.

Recentemente foi tan lonxe como ignorar o espectacular suicidio dun ancián de 77 anos de idade, Dimitris Christoulas, que se pegou un tiro en Syntagma e deixou unha emotiva mensaxe ás xeracións máis novas, instándoos a loitar contra os gobernantes corruptos. Christoulas era un membro do movemento dos "indignados", polo que Rizospastis, o órgano oficial do KKE, nas poucas liñas que dedicou ao incidente, nin sequera mencionou o seu nome (chamábao "o home de 77 anos de idade") e descaradamente censurou a súa mensaxe. Rizospastis mesmo lanzou a acusación de que a súa acción favorecía os intereses da clase dominante, que quere que a xente se suicide.

Unidade da esquerda

SYRIZA, por outra banda, é unha coalición de varios grupos, marxistas, trotskistas, maoístas, reformistas moderados e de esquerda, verdes e doutras tendencias. A coalición ten un carácter xenuinamente democrático e esta variedade de puntos de vista contribúe á súa vitalidade, facendo del un espazo de discusión e produción de ideas. Con todo, na grave situación que enfronta Grecia, tamén podería ser un problema ao impedir que nun momento crítico poida definir rapidamente unha posición única sobre cuestións cruciais na que os distintos compoñentes da Coalición teñen puntos de vista diferentes. Polo momento, o éxito electoral fortalece a unidade, mais non será así sempre.

O KKE, co seu fanatismo habitual, parece "apostar" por que estale o equilibrio interno en SYRIZA e que, despois dun probábel fracaso á hora de formar un goberno de esquerda ou do exercicio da súa xestión, o pobo grego recorra a eles. Esta esperanza apóiase no feito de que SYRIZA non ten fortes lazos coas masas que apoiaron á Coalición nas eleccións do 6 de maio, e que a súa base social non é tanto a clase obreira industrial como os funcionarios públicos e a mocidade. Trátase dunha va esperanza, con todo, porque se SYRIZA non é capaz de superar estas dificultades, o caos será universal, e en tal situación será a extrema dereita e non o KKE quen teña máis probabilidades de sacar proveito.

Desafiando a austeridade

A vitoria SYRIZA coincidiu coa vitoria do candidato do PS, François Hollande, nas leccións presidenciais en Francia. É evidente que se trata de dous acontecementos de carácter completamente diferente. O éxito de Hollande, aínda cando gañou o respaldo de moitos votantes de esquerda, significa só un cambio na política da clase dominante e os seus partidos. Pode implicar algúns cambios e axustes parciais, un ton e orientación algo diferentes, mais non cambiará as bases xerais nas que se asintan as políticas europeas. O xiro popular cara a SYRIZA en Grecia, con todo, ten o potencial de desafiar as bases mesmas das políticas de austeridade e a dominación dos mercados. Pode ser un exemplo, especialmente se ten éxito, para outros países que sofren problemas similares, como España, Portugal, Italia e Irlanda, e instigar un movemento europeo á esquerda xeral e auténtico.

As elites gobernantes europeas son plenamente conscientes diso e reaccionaron con nerviosismo, xa sexa intervindo descaradamente antes das eleccións para ditar o resultado, ou para esixir sen máis o cumprimento das obrigacións asinadas polo anterior goberno. Os seus temores están sen dúbida xustificados, especialmente ten lugar un xiro xeneralizado á esquerda radical en Europa. Porén a cuestión realmente urxente é: como fará fronte SYRIZA á presión redobrada dos próximos meses? Que obxectivos priorizará e que poderá conseguir nun momento en que, polo xeral, as forzas reaccionarias seguen sendo máis forte en Europa?

SYRIZA quere derrogar o "Memorándum" e renegociar a débeda, incluíndo a anulación dunha parte substancial por ser débeda odiosa. Tamén esixe unha moratoria de tres anos das obrigacións da débeda, que de lograrse suporía un importante alivio na situación de crise. O programa de SYRIZA inclúe a nacionalización dunha serie de bancos, o aumento de impostos aos ricos e a recuperación do nivel de vida da poboación. O dirixente de SYRIZA, Tsipras propuxo un programa de cinco puntos que concretiza todo iso.

Abandonar o euro?

Algunhas forzas de esquerda, incluíndo Antarsya, argumentan que non é suficiente e que será necesario o repudio unilateral da débeda, o que significa que o país terá que abandonar o euro e volver á súa moeda nacional. Esta posición é tamén en grande medida a de Corrente de Esquerda, un compoñente importante de SYRIZA, encabezada pola súa portavoz parlamentaria Panagiotis Lafazanis. Unha serie de influentes economistas gregos, como Kostas Lapavitsas, tamén manteñen esta postura.

Significativamente, o KKE relaciona a cancelación da débeda coa súa proposta "poder popular", porque cre que é imposíbel no marco do réxime parlamentario. Esta posición é absurda, xa que o repudio da débeda é unha reforma que se refire ao sistema de distribución e deixa intacto o sistema capitalista de produción como tal. Por tanto, é perfectamente concebíbel baixo o capitalismo, como pon de manifesto unha serie de exemplos (Ecuador, Rusia).

A dificultade do repudio unilateral da débeda é que, a pesar de ser no longo prazo máis beneficiosa para a poboación, nas súas etapas iniciais crearía problemas e desorganización moi importantes. Para minimizar isto, e evitar unha experiencia como a de Arxentina en 2001, é esencial que a maioría da xente estea convencida da súa necesidade e que se aborde o proceso de maneira ordenada por un goberno de esquerda que á vez este decidido e sexa consciente dos seus obxectivos.

Isto significa que mentres que a esquerda europea sigua á defensiva, non hai máis remedio que tentar pór en práctica o "transixente" programa de SYRIZA e chegar a un acordo coa UE. Se, como é moi posíbel, as ultraliberais elites da UE se negan a facer concesións reais importantes, poderíase convencer entón aos gregos da necesidade de medidas máis radicais. Sería moi conveniente que este escenario coincidise cun renacemento xeral dos movementos de masas en Europa, especialmente no sur de Europa, dando lugar a unha "primavera europea".

Esta perspectiva non é tan remota como poida parecer. As clases dominantes en Grecia e Europa estanllo tomando en serio e prepáranse para afrontar o reto exposto ao seu sistema. O recente crecemento da extrema dereita en Grecia, apoiada abertamente por un sector dos medios de comunicación, algúns círculos capitalistas e parte do aparello de seguridade do Estado, confírmano.

A desintegración do sistema político grego, pódese comparar neste sentido coa caída da República de Weimar en Alemaña e hai unha serie de sorprendentes analoxías. Nunha situación similar de profunda crise económica, desemprego masivo e pobreza, produciuse a quebra non só dos principais partidos políticos, senón do mesmo sistema parlamentario. O goberno Papademos foi importante neste sentido, xa que significou un primeiro paso de ruptura cun goberno democrático normal, para substituílo por unha administración tecno-burocrática en moitos aspectos similar ao Goberno Brüning en Weimar.

O programa do novo partido Gregos Independente, encabezada por Panos Kammenos (un ex ministro de Nova Democracia), contén unha serie de propostas reaccionarias aínda máis perigosas, ao combinar un plano privatización extremo co nomeamento dos xefes da policía e do exército polos ministros de seguridade e defensa nacional, respectivamente. Isto é claramente un plano para configurar un réxime bonapartista, que poría en perigo os cimentos mesmos da democracia burguesa e do movemento obreiro. Polo momento, só defenden estas medidas Kammenos e os outros partidos da extrema dereita como Laos e Aurora Dourada. Pero non se pode descartar que, na medida en que a crise se intensifica, os partidos capitalistas tradicionais, o PASOK e Nova Democracia, ou certas correntes no seu seo, podería seguir a mesma dirección.

Punto morto

As eleccións do 6 de maio levaron a un punto morto. PASOK e Nova Democracia suman 149 escanos, mais a maioría parlamentaria require 151. Mesmo se lograsen atraer a unha terceira forza como Esquerda Democrática e sumar 168 deputados, o seu goberno carecería de forza e lexitimidade. Esquerda Democrática, sabiamente, excluíu esta posibilidade, que a identificaría cos dous grandes partidos rexeitados polo pobo.

A esquerda ampla, doutra banda, non pode formar unha maioría mesmo se sumase a todos os seus compoñentes. Hai que descartar tamén a posibilidade dun "goberno de unidade nacional", co apoio dun amplo espectro de forzas, exceptuando á extrema dereita, como propuxeron o PASOK e Nova Democracia, porque implicaría a co-xestión da esquerda da aplicación do Memorandum.

Por tanto, Grecia diríxese, case inevitabelmente á convocatoria de novas eleccións, que probabelmente terán lugar nalgún momento a mediados de xuño de 2012. As novas eleccións poden provocar unha reestruturación máis importante do escenario político.

A táctica de SYRIZA tácticas será a de agrupar en torno seu ás outras forzas de esquerda, incluídas as extraparlamentarias. O KKE, por suposto, declarou que está en contra da unidade nestas condicións. Iso inclúe non só aos Verdes e Antarsya, senón posibelmente tamén a algúns outros grupos que se escindan do PASOK, como xa ocorreu co pequeno (e bastante conservador) partido Pacto Social. SYRIZA quizais atraia máis votos do KKE e mellore a súa implantación nas zonas rurais, que votaron de maneira máis conservadora que as grandes cidades (SYRIZA ten máis do 20% dos votos en Atenas, pero moito menos no campo). Se todo isto se materializase, é moi probábel que SYRIZA sexa o partido máis votado e obteña os 50 escanos adicionais que a lei electoral outorga ao primeiro partido. Con iso aumentaría a súa forza parlamentaria dos 52 escanos actuais a uns 120, o que facilitaría en grande medida a formación dun goberno de esquerda.

Porén os partidos da clase dominante teñen tamén algunhas bazas para evitalo. Nova Democracia pode ser unirse con dous pequenos partidos ultra ultraliberais, a Alianza Democrática de Bakogianni e o Partido de Acción de Stefanos Mans (un grande capitalista), que sumaron un respectable 5% o 6 de maio. Alternativamente, é posíbel que os dous partidos ultra-ultraliberais se unan pola súa conta, para asegurarse representación parlamentar, o que non impediría a SYRIZA ser a primeira forza en número de votos. 

Tamén existe a posibilidade de desercións en masa de Nova Democracia e o PASOK cara ao partido de extrema dereita Gregos Independentes", que se presenta como patriótico e populista, e di defender os intereses populares. Certos sectores da clase dominante e os medios de comunicación capitalistas, que seguen apoiando aos partidos tradicionais, pode decidir apoiar Kammenos como o seu único representante con posibilidades. Con todo, hai unha diferenza do 7% a favor de SYRIZA, polo que esta manobra tería que ser moi profunda para permitir situar a Gregos Independentes por diante. Unha converxencia entre Gregos Independentes e Aurora Dourada non é moi probábel, xa que a dirección de Gregos Independentes esfórzase por desvincularse do nazismo. Será moi interesante ver cales son os resultados de Aurora Dourada nunhas próximas eleccións.

Unha cousa é certa. Despois das próximas eleccións, chegou a hora da verdade para Grecia. Tamén para a esquerda radical grega. Os acontecementos demostrarán se se é capaz de unirse, soportar as enormes presións das autoridades da UE e abrir unha nova vía progresista para Grecia e unha xanela de esperanza para o resto de Europa.

Postdata do 11 de maio 2012. - Os acontecementos evolucionan moi rapidamente en Grecia, cambian abruptamente e as previsións son confirmadas ou refutadas en cuestión de horas.

Despois de que E. Venizelos, o líder do PASOK, asumise o mandato do presidente Papoulias para tentar formar goberno, reuniuse con Fotis Kouvelis, o líder de Esquerda Democrática. Kouvelis propuxo formar un "goberno ecuménico" co propósito limitado dunha suposta renegociación do Memorandum. Un goberno de transición até as eleccións de 2014 ao Parlamento Europeo. Venizelos reaccionou positivamente a esta proposta, dicindo que practicamente coincide coa do PASOK dun goberno de "salvación nacional".

Así que parece que por primeira vez existe unha perspectiva real dun goberno tras o estancamento dos últimos días.

O goberno estaría constituído por Nova Democracia, o PASOK e Esquerda Democrática: unha fórmula que Kouvelis descartara fai tan só uns días. SYRIZA non tomaría parte con toda seguridade, nin os outros partidos de esquerda representados no Parlamento grego. Con todo, por razóns obvias de lexitimidade, o tres partidos comprometidos tratan de facer aparecer esta formula de goberno como algo diferente, talvez mediante o nomeamento de Kouvelis como primeiro ministro, e limitar ou mesmo evitar por completo a participación directa do PASOK e Nova Democracia no mesmo.

Se esta posibilidade se materializase, seria unha violación flagrante da vontade popular, expresada nas eleccións. O seu verdadeiro obxectivo sería continuar coa aplicación do Memorandum, aínda que dunha maneira lixeiramente diferente, mediante algunhas concesións insignificantes da Unión Europea e facer que iso pareza como un grande logro. Apoiaríase esencialmente nos dous partidos que estiveron xa no Goberno ,que representan só o 37% do total de votos e que foron duramente castigados nas urnas.

Alexis Tsipras, o dirixente de SYRIZA, describiu este plan do PASOK e Nova Democracia como a procura dun "Karatzaferis de esquerda", en referencia a Giorgos Karatzaferis, o líder do partido de extrema dereita LAOS, que apoiou ao goberno Papademos e perdeu como consecuencia a súa representación parlamentaria. O plano é a mellor demostración de até que punto aterroriza ás clases dominantes a perspectiva de novas eleccións, que poderían dar unha clara vitoria a SYRIZA e á esquerda (algunhas enquisas dan a SYRIZA xa o 27,8%). Tamén é unha mostra do moito que están preocupados os gobernos e as institucións da Unión Europea coa perspectiva dun goberno de esquerda en Grecia, e como presionan de forma non tan velada. Porén un goberno cociñado con estes ingredientes será incomestíbel e incapaz de satisfacer as necesidades do pobo grego.

SYRIZA propón un programa de 5 puntos para un goberno de esquerda

Axencia Ekathimerini.com

Alexis Tsipras, o dirixente da Coalición da Esquerda Radical (SYRIZA), que quedou en segundo lugar nas eleccións xerais do 6 de maio, presentou os cinco puntos sobre os que propón constituír un goberno de coalición da esquerda, despois de que Nova Democracia fracasará no seu empeño o luns.

Tras unha reunión co Presidente da República, Karolos Papoulias, que encargou a formación de goberno a Tsipras, de 38 anos de idade, este declarou que "é un momento histórico para a esquerda e un grande desafío para min".

Tras unha rolda de prensa no parlamento e antes de iniciar a rolda de reunións cos dirixentes do partido de esquerda e os sindicatos, Tsipras rexeitou a proposta de Nova Democracia e o PASOK de constituír un "goberno de salvación nacional", engadindo que unha coalición de conservadores e forzas de centro sería un goberno "para a salvación do Memorandum de axuste" e violaría o mandato do pobo, que rexeitaron o acordo de rescate co seu voto".

Tsipras desafiou aos dous partidos que gobernaron a Grecia o últimas tres décadas, e sufriron unha esmagadora derrota nas urnas o 6 de maio, a denunciar as garantías xurídicas aos acredores que comprometen a Grecia a cumprir na súa totalidade os termos do acordo de rescate "se é que realmente lamentan o que lle fixeron ao pobo grego".

Na súa rolda de conversacións para formar unha coalición maioritaria cos partidos de esquerda e verdes, o dirixente de SYRIZA, que obtivo o 16,78% dos votos e 52 escanos de 300, desvelou o cinco puntos que serán o centro dos debates:

*A cancelación inmediata de todas as medidas que empobrecen aínda máis aos gregos, como os recortes das pensións e os salarios.

*A cancelación inmediata de todas as medidas que socavan os dereitos fundamentais dos traballadores, como a abolición dos convenios colectivos.

*A abolición inmediata dunha lei de inmunidade para os parlamentarios, a reforma da lei electoral e unha reforma xeral do sistema político.

*A creación dunha comisión de investigación sobre o sector financeiro grego e a publicación inmediata da auditoría realizada ao sector bancario grego por BlackRock.

*A creación dun comité de auditoría internacional para investigar as causas de déficit público en Grecia, cunha moratoria do servizo da débeda á espera da publicación dos resultados da auditoría.

"Non somos indiferentes ao problema da gobernabilidade do país, mais nosa principal preocupación é a orientación do novo goberno e se respecta o mandato do pobo", concluíu Tsipras.

O dirixente de SYRIZA reunirase en primeiro lugar con Fotis Kouvelis, de Esquerda Democrática (6,1% dos votos e 19 escanos) e posteriormente cos Verdes Ecoloxistas (2,93%, sen escanos), representados por Ioanna Kontouli, e o partido Pacto Social (0,96%, sen asentos), cuxo presidente é Louka Katseli.

Con anterioridade, falara por teléfono co dirixente do Partido Comunista (KKE), Aleka Papariga, que rexeitou manter unha reunión cara a cara. Os Verdes Ecoloxistas, tampouco apoiarán a SYRIZA no seu intento de formar goberno e acusaron á coalición de "esconderse detrás dunha pancarta anti-memoranda".

Con todo, Louka Katseli, deputado escindido do PASOK, que encabeza o partido Pacto Social, e que obtivo menos do 1% dos votos, afirmou estar aberto á idea de cooperar con SYRIZA e a Esquerda Democrática.

Tsipras indicou que vai utilizar o tres días á súa disposición para falar cos dirixentes de todos os partidos, incluídos os de Nova Democracia e o PASOK, fóra dos neo-nazis de Amencer Dourado.

Nenhum comentário: