17/06/2013

Verdade, justiza e reparación para Andreu Nin

Pepe Gutiérrez-Álvarez. Vice-presidente da Fundació Andreu Nin. Artigo tirado de Público (aquí) e traducido por À revolta entre a mocidade.

nin-detalle

Un acto excepcional de recoñecemento da figura de Andreu Nin terá lugar este luns no Parlament de Catalunya. Moitos fregarémonos os ollos ou peliscarémonos para ter a certeza de que non é un soño. Tamén haberá quen tragará saliva ao lembrar unha vez máis o asasinato deste dirixente histórico do movemento obreiro internacional e as calumnias que se lanzaron contra el e os seus compañeiros de partido, o POUM.

Unha muller tenaz, Maria Teresa Carbonell, tomará a palabra tras a presidenta da cámara para sinalar  a necesidade de reparar unha tremenda inxustiza histórica. Farao, seguramente, con referencias á experiencia, ás grandes esperanzas revolucionarias e ás derrotas, á barbarie burocrática estalinista e á represión que padeceron os seus, mais tamén á necesidade de tomar conciencia sobre quen son hoxe en día as principais vítimas da crise dun sistema en descomposición.

O acto do Parlament, para ela, é importante na medida en que serve para "reflexionar sobre o que significaron o POUM e outras organizacións revolucionarias, que foron capaces de resistir ás presións do aparello estalinista".

Ten 87 anos. Ninguén pode representar mellor que ela a quen batallou durante décadas para manter vivo o legado de Andreu Nin e asumiron a responsabilidade de recuperar para a sociedade  a memoria dun revolucionario catalán, intelectual e activista, comunista, profundamente demócrata e inequívoco defensor do dereito dos pobos a decidir o seu futuro.

Maria Teresa Carbonell di del que foi "un revolucionario marxista de verdade, unha persoa creativa, entusiasta e honesta". Lembra que viviu durante 10 anos na URSS e que "soubo comprender, á vista do que sucedía, a dexeneración daquel réxime político".

Ela preside a Fundació Andreu Nin, unha entidade cultural singularmente activa e pluralista, un punto de encontro e reflexión para xentes de esquerdas de sensibilidade política diversa, mais que comparten a necesidade de acabar co capitalismo e construír unha sociedade máis xusta sobre as súas ruínas.

É unha entidade modesta, mais a súa influencia crece. Mantén unha actividade constante,  organiza regularmente conferencias e coloquios, presentacións de libros, proxeccións, xornadas de debate ao redor de personalidades da cultura, a arte e o pensamento revolucionario.  "Eu sirvo como punto de equilibrio", di.

Sinala que "é unha fundación, non un partido", que trata de conservar e difundir a memoria do POUM como referente e que "reúne a xentes de diferentes organizacións coas mesmas ideas". Insiste en que "deberían estar xuntas e facer un traballo en común".

nin-detalle2

Maria Teresa Carbonell forma parte do grupo de mulleres duplamente esquecidas, tal como foron recoñecidas as mulleres do POUM nun documental de Jordi Gordon, difundido nunha exposición itinerante sobre este partido e proxectado en diferentes cidades e pobos. Mulleres que, salvo excepcións como a capitá do exército republicano, Mika Etchebéhère, ou Teresa Rebull, que nos 60 foi pioneira da "Nova cançó", traballaron a miúdo nun segundo plano, mais que estiveron presentes en todas as batallas e foron vítimas dunha dupla ou tripla represión, pola súa condición de militantes feministas, antifascistas e antistalinistas.

Lembra a mulleres como a súa nai, Lluisa Carbonell, ou a Maria Teresa García Banús, Pilar Santiago, Olivia Castellví, Olga Tareeva, Lluisa Ariño, Katia Landau... que deron vida ao secretariado feminino do POUM, unha organización pensada para "chegar ás mulleres da clase obreira, case sempre desentendidas da política, porque pensaban que era cousa de homes". Editaron a revista Emancipación, dirixíanse por igual a "amas de casa, empregadas ou agricultoras", para quen organizaban cursos de lectura, idiomas, enfermaría, sexualidade...  

Foi a compañeira de Wilebaldo Solano, histórico dirixente do POUM, falecido fai tres anos. Explica que o coñeceu de nena na súa casa de Barcelona, cando a súa familia deulle refuxio para pólo a salvo de lle persecución estalinista. Foi en 1937, despois dos feitos de maio. O 16 de xuño daquel ano, precisamente, foi o día en que Wilebaldo viu a Andreu Nin por última vez, pouco antes de ser secuestrado por policías españois ao servizo da KGB, nas Ramblas de Barcelona, fronte ao Palau da Virreina.

A vida do POUM complicouse moito máis a partir de entón. Primeiro a ilegalización, a persecución, as detencións... daquela a derrota, os fusilamentos, o exilio, os campos de concentración... Antes de que acabase a guerra a maior parte dos seus dirixentes estaban encarcerados. Os que lograran escapar á represión estalinista pasaron á loita clandestina baixo o franquismo sen saír da clandestinidade republicana.

O POUM desapareceu como partido nos anos 70. Wilebaldo Solano, Maria Teresa Carbonell e outros moitos compañeiros da Fundació Andreu Nin traballaron e traballan incansabelmente con medios escasos para manter vivo o seu legado. A eles débese sobre todo que este luns o Parlament de Catalunya dea acollida a un acto sobre a traxectoria política de Andreu Nin e sobre a súa vida, dedicada ao servizo da emancipación social e nacional. Porén este evento ten ademais unha connotación esperanzadora. Algo cambiou e cambia na situación política que fai posíbel que partidos con representación parlamentaria, como ERC, ICV-EUiA, PSC i a CUP, con traxectorias e historia moi diversa, decidisen facer posíbel e participar nun  acto de homenaxe a quen foi secretario xeral da CNT, dirixente da Internacional Comunista e secretario do POUM.
Postar um comentário