11/01/2011

A esquerda política e a súa autonomía

Raul Asegurado Pérez. Artigo tirado de aqui.

http://www.typogabor.com/Media/LOGO-LCR.jpg
O maior repto para qualquer força política da esquerda
nom resignada neste 2011 deve ser
a luita contra o monocultivo, o monoligüismo, a monofauna,
o monopensamento, a luita cotra o ‘mono’ e a aposta polo
‘pluri’ e polo ‘homo’.

Antom Fente.
Non é o mesmo, e perdoade a evidencia, a esquerda política que a política de esquerdas, a primeira sen a segunda non existiría, e a segunda pode ou non pertencer á primeira. A esquerda política está en perigo de extinción e a segunda está nas mans da cidadanía máis consciente da sociedade. Consciente non por ter máis coñecementos, senón porque desde a esquerda é onde a continua preocupación polos demais (persoas e sociedades) e o hábitat (no senso máis extenso posíbel) é onde sitúa a consciencia do individuo, non a sitúa en si mesmo e na defensa do seus estatus (liberalismo, conservadorismo, etc…).

Este punto de partida, que nos axude a diferenciar a esquerda política (organización política) da política de esquerdas (conxunto de accións de todo suxeito político) ten un momento (no senso orteguiano) esclarecedor, que é como todo suxeito colectivo de esquerdas ten que facer política de esquerda na súa propia organización. É dicer, a política de esquerdas non é (non só é) o conxunto de medidas que unha organización toma, sexa un movemento social, un sindicato, unha asociación sen ánimo de lucro progresista, unha organización humanitaria, ou un partido político, senón que comezan polo sistema organizativo propio. O primeiro é ser, máxima cartesiana.

Entón, estou dicindo que toda organización social fai política? Pois iso digo, e se o seu “punto gravitatorio” está na consecución da igualdade social por medio do desenvolvemento dos dereitos civís, entón fai política de esquerdas. Mais non só iso, senón que organizativamente ten que artellarse segundo unha ética de esquerdas: respeito das minorías, non-dominación, xustiza salarial, non-discriminación, etc…

Isto que levo dicindo até aquí, como dixen ao comezo, son evidencias, evidencias que valen para iso, evidenciar se as organizacións políticas de esquerdas son tal facendo políticas de esquerda, porque para facer políticas de esquerda o que semella caer de caixón é estar en contacto e sintonía (non unanimidade) con todos os axentes que impulsan políticas de esquerdas, e, cada vez máis, semella, que a esquerda política está envolta dun material impermeable que tal vez, teña nome de poder ou de vellas fórmulas.

A crise das organizacións políticas

As organizacións políticas clásicas, os partidos políticos están inmersos da lóxica da democracia liberal, de aí, o que o mexicano Ángel Sermeño analizando un escrito de R. Dahl deu por chamar a erosión das prácticas democráticas, ten moito que ver co estado de saúde das propias organizacións políticas. A saúde da democracia representativa non é optima; e non é óptima porque a representatividade converteuse dun mecanismo nun fin de existencia. E isto ten a consecuencia obvia de construír nun fin en sí mesmo o acceso ás institucións e non valerse das institucións para facer políticas de esquerda. E encerellando este encerello, diremos, por tanto, as organizacións políticas que para existir queren permanecer nas institucións poñen os seus obxectivos a disposición dos grupos de presión máis grandes que existan nas sociedades, nos grupos financeiros, que son os que controlan os grupos de opinión, e crean discurso hexemónico, que nos leva á conclusión de que son as mesmas organizacións políticas as que poñen as barreiras da participación política da cidadanía nos asuntos públicos.

As organizacións políticas e a masa crítica. É por todo isto, que a primeira misión dunha organización da esquerda política ten que ser crear un discurso propio, discurso apoiado nas políticas de esquerda que interactúan nas diferentes esferas do poder social, na sociedade civil. Por iso, o traballo por rexenerar as virtudes da participación democrática, é dicer, que non sexa clientelar, non corporativa e non manipulada, no marco republicano da non-dominación, é o que determinará a posibilidade dunha relación (en termos políticos) de boa saúde entre as organizacións políticas e a sociedade civil, organizada ou non, e levará ao que en termos sociolóxicos coñécese como masa crítica. E a masa crítica, nos parámetros da esquerda e do nacionalismo actual é unha necesidade continuamente afogada polas forzas hexemónicas do escenario político, por que? Porque non aceitan nin as virtudes da participación democrática nin o marco republicano nas que estas deben entablarse. Falo do bng? Cada quen que xulgue por si mesmo.

A autonomía das organizacións políticas, o seu motor e o seu “combustible”. É neste marco de relación onde hai que debater e aprofundar na autonomía das organizacións da esquerda políticas, porque o que é evidente é que respeitando estas normas de xogo, a masa crítica non está suxeita a ningunha relación de “minoría de idade”, mais tampouco pode ser a abandeirada da organización política sen facer parte dela, é por isto que falo do “motor” e do “combustíbel”. O motor, é un conxunto de pezas que forman parte dunha máquina que é capaz de transformar calquera tipo de enerxía (combustíbel) en enerxía mecánica capaz de realizar un traballo. O motor é a militancia da organización política, o combustíbel é a masa crítica, e o traballo é a construción do socialismo, mais a encrucillada da esquerda política no seu camiño da construción do socialismo será unha futura reflexión.

Um comentário:

Anônimo disse...

moi bom artigo! nom pensara na controversia da autonomía política dumha organizaçom ao serviço da massa crítica! parabems

dalhe nom só ao bng, senom a caquer organizaçom política de esquerdas nos fouçinhos!!