11/01/2011

Lingua e territorio

Miguel Anxo Fernán-Vello. Artigo tirado de aqui.

http://comunidad.levante-emv.com/servicios/galeriasMultimedia/media/497/imagenes/1192235964547__mam6279.jpg
Anda sempre insatisfeita a extrema dereita en cuestións lingüísticas, que tanto lle preocupan e enchen todo o seu tempo -o seu odio á lingua propia de Galicia é un raio que non cesa-, e mesmo cando se expresa un sabio como don José Manuel Blecua, novo presidente da Real Academia Española (RAE), a caverna etnocida galega atrévese unha vez máis a utilizar a ignorancia, a terxiversación e a mentira como vía para defender as súas inconfesábeis crenzas e intereses: o idioma galego é un veleno aldeán do que hai que protexerse (os nenos, os primeiros) e convén facer todo o posíbel para que o galego non teña o máis mínimo futuro. Cando as voces cavernícolas etnocidas din, por exemplo, que os territorios "non teñen lingua", habería que lles lembrar a estes temerarios o que di o Artigo primeiro do Título preliminar da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos. E di así: "Esta Declaración entende como comunidade lingüística toda sociedade humana que, asentada historicamente nun espazo territorial determinado, recoñecido ou non, se autoidentifica como pobo e ten desenvolvido unha lingua común como medio de comunicación natural e de cohesión cultural entre os seus membros. A denominación lingua propia dun territorio fai referencia ao idioma da comunidade historicamente establecida neste espazo". ¿Alguén, persoa intelixente, culta e de boa fe, pode negar que o idioma galego é a lingua propia do pobo galego, establecido historicamente, e até hoxe mesmo, no espazo territorial oficialmente denominado Galicia? Se os territorios non teñen lingua, ¿como é posíbel que exista unha lingua creada por falantes en convivencia ao longo dos séculos? Calquera sabe, mesmo por sentido común, que toda convivencia -máis de 10 séculos, no noso caso- precisa dun territorio, dun espazo territorial definido e concreto. Unha cousa é a xeografía lingüística ou cultural e outra a xeografía política, tantas veces imposta, artificial e continxente. Mais de todo isto seguiremos a falar, máis polo miúdo, en próximos artigos.

Nenhum comentário: