03/04/2010

Reganosa: perigosa e innecesaria

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol editou este mes de Marzo o seu boletín número 16 onde se informa da presentación no Tribunal Superior de Xustiza de novas probas que acreditan o incumprimento de Reganosa dos requisitos mínimos esixidos para a súa instalación: o non cumprimento da planta de gas coas condicións técnicas e de seguridade esixidas maniféstase no feito de que o 21% dos gaseiros que descargaron en Reganosa tiveron dificultades polas condicións meteorolóxicas.
Tamén se sinala a inviabilidade económica da planta de gas, que funciona na actualidade ao 30% da súa capacidade, mais cobra pola producción de gas que pode producir, e non polo que produce realmente, ingresando do Estado 3.778 € por xigavatio/hora.
Infórmase no boletín sobre os riscos do funcionamento de Reganosa ao límite da seguridade (debe ter almacenados como mínimo 27.000 m3 de gas talón para poder relicuar o gas que se xera de xeito natural nos tanques) cando o volume de gas almacenado está baixa obriga a descargar buques sen as revisións previas e obrigatorias, como sucedeu en febreiro deste ano.
O CCE tamén chama a atención sobre a intención de Reganosa, o concello de Mugardos e a Xunta de Galiza para trasladar o xacemento romano de Caldoval ao museo da vila, coa pretensión de recalificar unha zona de Solo Rústico de Protección de Patrimonio, que inclúe un castro e dous xacementos romanos, para ampliar a planta de gas.
Son moitos máis os contidos do boletín, que se pode ler aquí, no que tamén se inclúe un número de conta para contribuír nos gastos do proceso aberto contra a autorización da construcción de Reganosa no Tribunar Superior de Xustiza de Madrid.

Nenhum comentário: