17/02/2012

O divorcio necesario

Diego Taboada Varela. Artigo tirado de aquí.

Hai algo que unha persoa cun mínimo de hixiene, moral e intelectual, non pode permitir nunca, e é o seguinte : deixar que outros falen por un e, ao mesmo tempo, deixar que outros lle enchan de contido as palabras. O respeto á palabra do outro, esencial para unha convivencia sana e plural, mesmo na primeira instancia de socialización do ser humano, a familia –sexa ou non copia do modelo canónico que a nosa vaticanísima conferencia episcopal pretende impor na península ibérica e o cosmos todo-, é a partícula elemental para que un proxecto social e político di sinistra serio adquira credibilidade ética e estética, non só cara adentro, por aqueles que partillan e asumen o proxecto, senon tamén cara afora, demostrando con feitos o respetable escepticismo que os demais poidan ter no mesmo.

Todo o contrario a isto foi o que atopei na 13 asamblea do BNG. De falta de respeto, sen dúbida, pode tildarse o feito de considerar que 1 min é suficiente para expor con solvencia e profesionalidade os motivos e os argumentos da aceptación e/ou refutación dun texto político. De falta de respeto, abofé, pode tildarse a violencia verbal coa que alguns representantes se expresaron en referencia, explícita ou implícita, ás diferentes sensibilidades existentes no BNG. Violencia verbal que, asemade, desvelaba unha total ausencia de coherencia argumental e/ou fundamento claro na súa expresión, e que moitas veces non pasaba dun mero primitivismo emocional inzado de resentimento cuxa única intención era darlle certa válvula de escape a tanta agresividade contida.

De falta de respeto pode tildarse, tamén, a total ausencia de debate e ideas nun pleno que se pretende asambleario e que, como tal, debería alongarse o tempo suficiente como para non deixar cabos soltos e auto-enganarse con falsas unanimidades ficticias que non fan senon esconder pluralidades reais, consecuencia da anacrónica aplicación, en pleno século 21, dunha metodoloxía organizativa do século 19, o devandito centralismo democrático leninista, coa súa estricta disciplina de partido e a súa vontade de subordinación da minoría á maioría. Todo, por suposto, en aras da eficacia institucional .

O máis cómico da persistencia desta metodoloxía organizativa é que non avala a eficacia que tanto busca, tendo en conta o descenso progresivo na intención de voto, e tendo en conta, agora, a desbandada xeral de militantes que se está a producir na procura de osíxeno ideolóxico, organizativo e cultural fora do BNG realmente existente. Os tempos porán a cada un no seu sitio, sen dúbida, e a persistencia dun sistema de validación-refutación de teses basado no principio das maiorías simples seguirá ensinando, como xa agora o ensina, que só pode devir nunha caste de frente-populismo de partido único no que o partido máis votado compórtase, intramuros, de xeito radicalmente diferente ao que crítica extramuros, a saber :

1-Criticando que os artigos constitucionais dun país de máis de 45 millons de habitantes coma España precisen 2/3 de maioría parlamentar para ser reformados… e impoñendo, pola súa banda, maiorías simples nos plenos asamblearios para poder reformar as súas teses.

2-Criticando a táctica do rodillo parlamentar que os partidos estatais levan a cabo cando adquiren as súas maiorías absolutas e imitando o mesmo xeito de proceder, cara adentro, cando as súas maiorías simples se aceptan por unha porcentaxe de un 50% + 1.


3-Facendo declaracions en pro da colaboración cos movimentos sociais e criticar, increíbelmente, a súa deslealdade e falta de respeto ao BNG cando se convirten en masa crítica e/ou axentes autónomos de producción de pensamento e praxe, tanto cultural coma política, autónoma. Colaboración non implica tutelaxe nin control, do mesmo xeito que a crítica ás inercias e anquilosamentos institucionais internos do BNG, non implica deslealdade, senon desexo de mellora e búsqueda de novos mecanismos de relación coa sociedade civil e os movimentos sociais.

A día de hoxe, considero á UPG, ideolóxica, organizativa e culturalmente, un partido sen capacidade intelectual nin moral para ir alén da retórica opositiva e resistencialista. Un partido de eterna oposición que pon os QUÉ sobre a mesa mais que debate insuficientemente, moi insuficientemente, sobre o CÓMO. Un partido que se obsesiona sobre cómo conquistar o poder e a hexemonía ideolóxica, sen reflexionar sobre as formas e os modos –ética e método- cos que facer ámbalas dúas cousas, un partido no que non existe pensamento nin debate vivo, e que segue a utilizar códigos e linguaxes do século 19 nunha realidade do século 21. Un partido incapaz, mesmo, de facer autocrítica interna sobre os propios alicerces teóricos que lle dan fundamento, así como incapaz, tamén, de tirar conclusions de tódalas investigacions que xa hai moito tempo que desvelaron as múltiples estructuras de dominación/exclusión do socialismo realmente existente na URSS. Un partido que non cae na conta de que o suxeito revolucionario do século 21 ten unha conciencia-discurso máis complexo e unha composición de clase, tamén, máis complexa, diferente ao suxeito revolucionario de finais do 19 e principios do século 20. É un suxeito plural que debe comezar a reconstruirse superando a retórica da “desfragmentación” postmoderna. Un suxeito que debe integrar os temas de debate e as propostas prácticas dos movimentos ecoloxista, pacifista e feminista nunha ideoloxía-praxe sistematizada e emancipadora, si, mais en sentido radical-democrático, no político, e social-comunista, no económico.Un partido, en definitiva, que se desvinculou por completo das inquedanzas, da linguaxe e dos métodos organizativos dos movimentos sociais, con unha concepción moito máis heterodoxa, dinámica e viva da sociedade e que, en certo modo, fan seus os ideais fundacionais do maio do 68 no referente á reivindicación da xente do común na política e á apropiación colectiva do traballo e os seus froitos, así como, tamén, na mudanza da escala de valores persoais, individuais, como requisito indispensable para a mudanza socio-política, comunitaria.


O divorcio que nós, o Encontro Irmandiño, acabamos de materializar hai poucos días, era un divorcio necesario; a incompatibilidade absoluta entre o que debería ser o proxecto común do BNG, tal e como se pensou na Asamblea de Riazor de 1982, e o que debería ser para o BNG de hoxe, é incompatible. Primeiro choque : o choque de espíritus diferentes e/ou visions de cal debería ser o horizonte estratéxico. Por se non fose pouco, ademais desta incompatibilidade no xeito e forma de proxectármonos cara o futuro, existe a radical incompatibilidade dos modelos organizativos propostos para alcanzalo. O divorcio do EI, así pois, está triplemente motivado, por cuestions ideolóxicas, estratéxicas e metodolóxicas.

Foi, quizais, para outros -que non, para min, recén chegado a esta casa particular hai moi pouco- un divorcio traumático. O que aquí escrebe, de feito, a 17 de Febreiro de 2012, considera que foi a crónica dun divorcio anunciado. O lóxico divorcio que xurde entre o tomarse as formas e os principios en serio antes de chegar aos fins desexados... e o tomarse as formas e os principios coma meros instrumentos para perpetuarse no poder institucional.

Non me arrepinto, en absoluto, deste divorcio. Para min, é un novo amencer, o principio de algo novo. Un principio que, espero, non remate coa triste estampa dun partido fechándose en sí mesmo, medoñento do traballo dos xornalistas, partillando información e comunicación de xeito opaco e endogámico, alcumando de deslealdade o racionalismo crítico e de unidade á exclusión das pluralidades.

Esto é, tristemente, a día de hoxe, o BNG, e non nos queda máis remedio que responder, por honestidade ética e estética : NON queremos camiñar contigo.

2 comentários:

Anônimo disse...

Moi bó para alguén que leva mes e medio de militancia e xá lle dá clases e lle "desexa ó BNG un desastre eleitoral".

O rumor do vento disse...

Diego Taboada Varela -sen anónimos- : O "carnet de militancia", ao igual que o "papel" que certifica o amor pola miña parella, impórtame un carallo. As cousas son certas ou falsas con carnet de militancia ou sen el, e o amor é verdadeiro ou unha filfa con certificado civil ou sen él.

Y colorín colorado, esta estruendosa e irrefutable obviedad te ha fulminado.

Amén, hermano!.