Tirado de Praza Pública (aquí).
A piques de cumprir os 76 anos, Xosé Manuel Beiras, (Compostela, 1936) vén de iniciar unha singradura que supón calquera cousa menos unha xubilación. Dende A Reboraina de Aguiar, a súa casa, e rodeado de libros, cadros e fotografías que percorren boa parte da súa traxectoria política, o histórico líder nacionalista reflexiona sobre o paso que vén de dar, abandonar un BNG que, lamenta, non foi quen de contribuír a "rexenerar" e co que "non quere guerrear". Aínda cunha certa "dor" derivada da ruptura e coa voz tomada por un incipiente catarro, dise con gañas de deixar atrás a voráxine da primeira semana tras a creba, e de contribuír a "catapultar" un "novo proxecto común" que recolla "o mellor da tradición" do Bloque.
Ante a Asemblea de 2003 advertiu de que vostede non era “o pai do BNG”. Atendendo a parte de moito do que se vén dicindo nas últimas semanas, especialmente no ámbito mediático, hai quen lle atribúe un rol semellante a ese. A que o atribúe?
En rigor, eu fun un dos moitos pais e nais do BNG en 1982. En 2003, cando dei o paso cara a atrás de deixar de ser candidato á presidencia da Xunta e portavoz, o que quería dicir é que eu non era o pai, senón un dos pais e nais. Fanse moitas referencias, eu coido que porque dos cadros dirixentes do BNG que estivemos na fundación e cunha traxectoria anterior son o primeiro que dá o paso de dicir que xa non é a miña casa, xa non podo estar aquí.
En rigor, eu fun un dos moitos pais e nais do BNG en 1982. En 2003, cando dei o paso cara a atrás de deixar de ser candidato á presidencia da Xunta e portavoz, o que quería dicir é que eu non era o pai, senón un dos pais e nais. Fanse moitas referencias, eu coido que porque dos cadros dirixentes do BNG que estivemos na fundación e cunha traxectoria anterior son o primeiro que dá o paso de dicir que xa non é a miña casa, xa non podo estar aquí.
En todo caso, entendo que os sentimentos que lle suscitou todo este proceso van alén do político e chegan ao persoal e ao emotivo...
Todo este proceso, non só estes días aínda que estes días dun xeito máis acusado. E non só no meu caso. Hai moitos militantes veteranos que deron este paso e é moi doloroso. O que non se ten moi en conta na outra banda é a reflexión de preguntárense por que xente tan veterana, con tanta traxectoria de traballo dentro da organización, aínda que empezásemos a exercer a crítica e se opinase que nos pasábamos, damos este paso e que custe ten para nós no plano emotivo. Hai tamén unha sensación de alivio, porque era bastante tortura nos últimos tempos, unha situación bastante dramática, estar tentando persuadir sobre que había que abordar certas cuestións, que se aceptase que tiñamos parte de razón.
Tense situado como a primeira crise significativa do BNG no entorno dos anos 2001 e 2002, na asemblea da Coruña. Que diferenzas hai entre o sucedido daquela e as solucións que se atoparon e o acontecido dende 2009 ata a actualidade?
A diferenza sobre todo débese a en que fase dun proceso se sitúa un e outro caso. O 2009 foi a última oportunidade que houbo no BNG de tirar leccións dos resultados das eleccións nas que foi derrotada a coalición do Goberno bipartito pola perda dun escano do Bloque. Sempre hai causas externas, por suposto, pero o que non se pode facer é sempre facer a diagnose dun retroceso ou dun fracaso en clave de causas externas. A min chegaba un momento en que me lembraba aquilo que nos contaban no Bacharelato, nos tempos do franquismo, da Armada Invencible. “Yo no mandé a mi armada a luchar contra los elementos”. Moi ben, pero os elementos tamén os padecía a flota inglesa e non lle pasou o que á Armada Invencible. Na nosa Asemblea de hai un ano xa chegamos á conclusión de que había que tentalo por última vez e, se non se entendía, non tiñamos sitio. Cando iso foi presentado formalmente ao Consello Nacional houbo inicialmente un certo proceso de comprensión coa comisión paritaria dos textos, a apertura dun proceso de asembleas deliberativas, aceptouse que volvese a asemblea de militantes... Pero a partir de que se convocan as eleccións ás Cortes, e unha vez que afortunadamente, os resultados din que o BNG e polo tanto Galiza mantén a presenza con dous escanos, a conclusión á que chegou a ApU, a UPG, foi que non había nada que modificar e quen teimase en modificar algo convertíase nun rebelde e nun inimigo interior.
Naquela altura, hai unha década, atribuíaselle a certas partes da militancia un proceso de moderación, na cuestión nacional e no eixo esquerda-dereita. É posible equiparalo ao acontecido nese paso polo Goberno galego?
Iso é consecuencia do proceso de modificación e deturpación do deseño e do funcionamento inicial do BNG, que entre 1985 e 1993 cobra realidade plena coa integración de sectores do nacionalismo que estaban fóra. Aí hai un abano moi amplo que vai dende o marxismo leninismo ata un centro progresista. A cuestión non é se se modera o BNG ou non, é que sexa quen de actuar na resultante dese conxunto diverso de lecturas dun proxecto común. Cando empeza a deturparse iso e empeza a haber un foco que se erixe en posuidor da verdade e tende a bipolarizarse e aí empeza o xogo. Éntrase no Goberno, empezan as acusacións e despois dáselles a volta, ata o punto de que a Asemblea Nacional ao final parecía unha asemblea da ApU máis que unha asemblea do BNG.
Di que o EI se deu unha última oportunidade na Asemblea de hai un ano. Que reflexión fixeron para decidir concretar esa última oportunidade concorrendo á Asemblea e facéndoo con Máis Galiza, malia á distancia ideolóxica que existe?
Nós comezamos como Encontro Irmandiño, porque Máis Galiza, dende a Asemblea de 2009 en realidade convivía, compartían a Executiva. Nós estábamos tendo moita paciencia para tentalo dentro, pero parte dos continxentes do Encontro e dos nosos arredores dicían que non había nada que facer. Nós, queríamos incardinar nunha alternativa, xuntar forzar variadas, para persuadilos de que o tema central era a renovación e a rexeneración. Iso foi o que deu lugar a un proceso de diálogo na procura de demostrarmos que dentro do BNG había sectores que eramos quen de poñernos de acordo dentro da nosa diversidade, das nosas diferenzas ideolóxicas. Fomos quen de ceder, facer algo así como unha demostración de que sectores moi amplos do BNG eramos quen de facer o que nós reclamábamos que se fixese no conxunto do BNG. Creo que iso foi o que puxo en marcha o efecto de bóla de neve de asistencia á Asemblea de xente desencantada que acabou apoiando a nosa alternativa e que deu lugar ao empate técnico coa ApU.
A decisión de rachar co BNG recibiu críticas en tons diversos nestes días. Acúsaselles de falta de lealdade e de non aceptar a democracia interna...
En canto ás acusacións de falta de lealdade, levámolas padecido tanto tempo que xa non nos sorprende. Pero nós agora estamos noutra fase. Rematou. As diatribas co BNG remataron, porque o resultado e a decisión están á vista, é saírmonos do BNG e non ten ningún sentido continuar en regueifas e leas. Agora, iso si, a lectura de que marchamos porque perdemos, pois si, porque perdemos, marchamos. Porque nós non fomos na procura de cotas de poder. Tampouco era unha discusión sobre as liñas de política táctica que ten que trazar a Asemblea. Había un asunto previo, este BNG así non serve, nós non podemos estar dentro. Unha vez que iso non sae, non se trata de que perdamos a votación. É que nesas condicións, coas teses aprobadas que exclúen a quen discrepe, coas regras de xogo que se manteñen nós chegamos á conclusión de que non se dan as condicións para continuar tentando a rexeneración do BNG. Pero non é por un resultado. Desde un punto de vista estrito dos resultados hai un empate técnico, é todo un éxito. Pero non era iso o que estaba en xogo. Por iso decidimos marchar, aparte de que a democracia é unha cousa e a aritmética, outra.
Sinala que no EI se deu un debate no que parte da base apostou por marchar antes. Cre que Máis Galiza vive agora un proceso semellante?
Máis Galiza é un espazo máis grande e heteroxéneo que o EI. Polo tanto, precisa máis tempo para resolver a cuestión. Saben perfectamente, porque o dixemos durante o proceso que nos conduciu á alternativa interna e na Asemblea, que para nós aquilo non era conxuntural, tiñamos vocación de que consolidase. Pero non queremos interferir nas dinámicas nin facer cábalas sobre que decisión toman. Hai que deixar que as cousas vaian polo seus pasos.
Nenhum comentário:
Postar um comentário