Jorge Pérez Árias.
Como dixo a nai dun amigo meu fai pouco non serán tempos para a lírica, pero son tempos para a épica. A realidade demóstranos a cada paso que esa afirmación é certa senón queremos pasar a historia como a xeración que entregou as conquistas sociais e políticas gañadas tan duramente nos últimos dous séculos. Seremos nós cidadáns do século XXI e das sociedades do coñecemento capaces de non loitar para evitar que dereitos tan importantes como as oito horas de xornada laboral, a indemnizacións por despido, as xubilacións e demais prestacións sociais, o dereito á folga, ao segredo das comunicacións ou a inviolabilidade de domicilio sexan abolidos? Seremos quen simplemente aínda así de resistir e entrar na dinámica do capital en vez de reclamar non que eses dereitos se manteñan, senón que se melloren? Acaso non deberiamos dicir que non só debe non rebaixarse a contía das indemnizacións por despido, senón que debería prohibirse o despido mesmo tal como fixo o presidente Hugo Chávez na Venezuela? Acaso o traballador non é a parte fundamental do proceso produtivo de calquera empresa ou organización e polo tanto debe ter dereito a participar na súa xestión e nos seus beneficios tal se fora súa? Acaso non deberiamos criticar algo que ata fai pouco nunca foi cuestionado como o é que as sociedades e empresas teñan separada a propiedade da dirección? Este último é ao meu parecer un dos eixos que libera o gran capitalista da súa responsabilidade cara a sociedade na que opera e produce, os socios de calquera empresa só poñen en risco o capital invertido na mesma que multiplican cando as cousas van ben, pero que non perden case nunca cando as cousas van mal logo de untar ben os petos antes. Separar propiedade de dirección supuxo abrir a veda para que o capital opere sen trabas e sen asumir as responsabilidades propias de quen xoga no casino non con cartos, sí con vidas. Esta é unha situación que se ven permitindo desde fai moitos anos e que a esquerda consciente se quere aspirar a transformar a realidade social, á xustiza social, debe combater. Ata o de agora os movementos sociais limitáronse moitas veces a resistir ou a mellorar o dereito e as condicións existentes dos traballadores, pero poucas veces a cuestionar ese sistema tan propicio as reformas como a actual.
A reforma laboral actual non só reduce as indemnizacións dos traballadores senón que entrega ao empresario e aos dirixentes patronais o poder absoluto sobre a vida de miles de persoas ao darlle a potestade de baixar o soldo dos traballadores unilateralmente , de despedir masivamente sen autorización administrativa, necesaria até o de agora (e xa sabemos as artimañas da patronal á hora de xustificar perdas), de despedir validamente ao traballador se este falta un 20% das xornadas nun período de dous meses sen atender as circunstancias persoais ou a conciliación da vida laboral e familiar. Aínda así a reforma laboral dun Partido Popular tan crecido introduce algo moito peor que o que vimos de nomear e que suporá a posibilidade de saltarse as negociacións colectivas ou calquera acordo entre traballadores e empresarios. É a tantas veces nomeada e desexada flexibilidade laboral a que os empresarios lle tiñan tantas ganas pois supón a posibilidade de introducir o acoso ao traballador para que este decida deixar a empresa de xeito voluntario e sen custe algún para a organización. Poderán mudarse as condicións de traballo do asalariado de xeito unilateral o que afectará en gran medida as categorías profesionais e mesmo tamén a seguridade e saúde dos traballadores que verán modificadas as condicións de traballo e da súa vida persoal e familiar por medo a perder o traballo. Isto traerá un deterioro psicolóxico, físico e social irreparábel e unhos custos sociais irrecuperábeis, pois os traballadores moi ao contrario do que moitos indesexábeis cren non son simple mercadoría. Toda estas mudanzas das condicións de traballo veñen a favorecer aos mesmos aos que favorecen os axustes fiscais do goberno español que gravan o soldo dos traballadores aumentando o IRPF e a presión sobre as rendas e polo tanto a calidade de vida dos traballadores, que veñen a sumarse a medidas xa aplicadas polo goberno español en tempos do PSOE como a subida do IVE e que veñen a demostrarnos que hoxe por hoxe a alternativa non estará nas tradicionais estruturas do partido-guía ou o sindicalismo revisionista que levan entregando durante anos dereitos dos traballadores a cambio de subvencións millonarias que en ningún momento son xustificadas ante a sociedade que comeza a ver a precariedade como un luxo ante a escaseza de oportunidades de progreso actuais.
Hoxe por hoxe a única vía real para combater os ataques do capitalista non é o revisionismo resistente, é tomar a batuta construíndo espazos de cultura e poder alternativos, participando en asociacións de veciños, culturais, ONGDs, sindicatos auto-xestionados, etc. Que leven a cabo proxectos onde se promova a xustiza social, a autoxestión, a solidariedade, o respecto a diversidade, anti-clasismo... A reforma laboral como as outras non é tal a non ser que comecemos a mudar o que se entende por reformar, a reforma laboral é o retroceso laboral, como os axustes fiscais non axustan nada senón que recadan máis indiscriminadamente a unha poboación sen recursos e avogada a entregar aos seus fillos unhas condicións de vida inferiores e oportunidades de progreso nulas. Ante iso non podemos ficar quedos, debemos comezar a construír a alternativa posíbel, a nosa a alternativa a este sistema que quere converternos, de novo, en escravos.
Nenhum comentário:
Postar um comentário