Alfonso Piñeiro é Tenente de Alcalde de Chantada polo BNG e militante do Encontro Irmandiño.
Esta foi a súa intervención no pleno no que se debateu a moción do BNG contra os recortes sociais aprobados polo goberno do Estado.
A presentación desta moción ten como finalidade atallar a potentísima onda de propaganda na que estamos inmersos.
Máis alá da pertinencia ou non de medidas concretas de aforro hai unha grande mentira instigada dende os centros do poder bancario e especulativo e orquestrada e alentada polo silencio cómplice de opinadores dóciles aos ditados dos poderosos.
Parece, se lle facemos caso aos grandes medios de comunicación, que os pensionistas, os dependentes e os funcionarios públicos que sobreviven con salarios que na inmensa maioría son inferiores a 1000 € mensuais son os culpábeis da débeda do Estado.
Cando esta mentira non cola, que non cola, recórrese ao suposto despilfarro das administracións como motivo. Pois tampouco.
Nin os Audis de Touriño, que por certo foran adquiridos por Fraga todos menos un, nin os dez millóns de € gastados por Feijóo no último ano para a compra de coches novos para os altos cargos explican nada. Nen sequera o custe do coche oficial que Susana López Abella usa para fins particulares é o motivo do déficit, por moito que escandalice.
A realidade é outra e é coñecida por calquera que non teña memoria de peixe.
Como se pode esquecer que hai un ano, co sistema bancario en quebra, se deron 50.000 millóns de € aos bancos dunha atacada e máis de 100.000 millóns en avais que rematará por pagar o Estado? Como se pode esquecer que os que hoxe se empeñan en convencernos de que temos unha débeda insostíbel, BCE, FMI, Banco de España e demais tropa, alentaron hai pouco que salvásemos ao prezo que fose o poder dos banqueiros? Porque iso precisamente foi o que se fixo.
Non foi para salvar o sistema bancario, que para iso non había que darlles cartos, o sistema financeiro salvábase como no Reino Unido garantindo os depósitos e collendo o estado os bancos en quebra. Dese xeito, polo menos, os bancos serían agora públicos, servirían para dirixir os cretos ás empresas e non a especular contra os estados que os salvaron.
Pero o fin, PP e PSOE de acordo, era salvar aos banqueiros que levaran á ruína os bancos que dirixían, non os aforros nin o funcionamento da economía real como se dicía. Salvar aos mesmos banqueiros que reclaman recortar o sistema de pensións e para si se autootorgan xubilacións de 79.000.000 € e, o que é moito peor, utilizan os cartos que lles demos para especular contra a débeda que causaron e impoñernos unha autentica ditadura do poder financeiro, deixando o poder democrático limitado a administrar a miseria que eles crean.
E non se sacian os ditadores con que os salvaran os estados para poder seguir na súa carreira especulativa. Arremeten agora contra o estado de benestar en toda Europa, mesmo aquí, no Estado Español onde nunca pasou de ser moi limitado ou mesmo incipiente como é o caso da atención aos dependentes.
Agora arremeten contra os políticos que, lembremos, representan o único poder democrático, sometido ao menos a un control popular cada certo tempo, fronte ao poder oligárquico do capital especulador que non dá contas a ninguén pero esíxeas aos demais e só se mostra razoábel cando precisa do auxilio público para sobrevivir e lograr así a complicidade do PSOE e do PP, como ocorreu hai un ano.
Pois non. Eu digo que é pura demagoxia culpar aos salarios dos políticos e á administración do déficit e non reparar nos soldos e ganancias millonarias en € dos banqueiros, se uns e outros soldos os pagamos todos. É demagóxico e propio do neofascismo ao que nos encamiñan.
E dígoo eu, que goberno neste Concello como Tenente de Alcalde despois de cumprir diariamente coa miña xornada laboral como traballador do Sergas, de 8 da mañá a 3 da tarde ou máis en ocasións. Dígoo eu, que o tempo que adico ao Concello é unicamente a costa do meu sono, do meu descanso e da miña familia.
Porque xa está ben de denigrar a milleiros de cidadáns que adican o mellor de si a traballar polo público e que forman parte do máis digno dunha sociedade. Dignidade, iso si, que se perde cando se someten como Rajoy e agora Zapatero aos ditados neoliberais do poder bancario ou “gürtelean” os fondos públicos no seu beneficio como fan os centos de amigos e membros do PP que hoxe están procesados.
Perdoen o meu ton pero é que estou indignado por tanta mentira e aterrado pola posibilidade de que nola fagan crer.
Insisto. O que xa foi xa foi, pero reclamemos políticas xustas e esixamos a PSOE e PP que atendan aos seus concidadáns e non se sometan aos poderosos. Que non consintan que o Estado se converta nun protectorado Alemán nin Yankee.
Antes de recortar, esixir ao Goberno do Estado e ao PP, que, for polo vía de impostos como están a facer nos propios USA, ou mediante a conversión das axudas en accións (nacionalización) como fixeron no Reino Unido, se resarza á facenda pública das multimillonarias apartacións aos bancos.
E se hai que falar de recortes na administración, falemos da supresión de administracións sen sentido como as deputacións, que dito en linguaxe popular, a este País, quédanlle como unha canga ao porco.
E si hai que recortar comécese por os miles de millóns de € que gastamos en guerras imperialistas como a de Afganistán onde nada se nos perdeu; por certo co recorte social preténdese aforrar 15.000 millóns de € en dous anos e o orzamento militar directo en defensa para 2010 é de 17.000 millóns de €.
Pero sobre todo que se impoña un imposto non simbólico ás grandes fortunas e aos beneficios bancarios e bursátiles e se ramate co escándalo da SICAV que só tributan o 1% e son o balneario fiscal onde as grandes fortunas que descansan a salvo da facenda pública.
Temos que esixir que se planten ante os poderosos e deixen de mallar nos de sempre.
3 comentários:
Enorme Pinheiro, enorme!
Claro e directo!
E o toque a Susana Abella: xenial!
Postar um comentário