01/06/2010

Elógio da asneira. Fábula para entender o quê é a crise.

Artigo reproduzido aqui e adatado polos autores do blogue.


Solicitouse no meu lugar a un prestixioso asesor financeiro que explicase esta crise económica dunha forma sinxela, para que os paisanos comprendesen as súas causas. Porén o xenio perdeuse nun farragoso análise sobre bolsa, mercados finacieros, economía sustentábel... De forma que non o entendeu nin Deus. Entón, o tío Santiago —antigo "chalán" ou tratante de gando nas feiras, cando estes e os compradores de mulos, burros e cabalos regateaban e vendían ou compraban en "reás"—, dirixíndose ao selecto auditorio, com a boina calada e o caxato termado com firmeza faloulles tal que así:


Un señor (por así dicilo), dirixiuse a unha aldea onde nunca estivera antes e ofreceu aos seus habitantes 100 reais por cada burro que lle vendesen. Boa parte da aldea vendeulle os animais. Ao día seguinte volveu e ofereceu mellor prezo, 150 reais por cada burriño, e outro tanto da poboación vendeu os seus. E a continuación ofereceu 300 reais, e o resto da xente vendeu os últimos burricáns. Ao ver que non había máis animais, ofereceu 500 reais por cada burriño, dando a entender que mercaría na semana seguinte todos os que puidesen reunir, e marchouse.


Ao día seguinte mandou a un tratante (que era empregado seu) cos burros que mercou á mesma aldea para que os oferecese a 400 reais cada un. Perante o posíbel gaño na semana seguinte, todos os aldeáns mercaron aqueles burros a 400 reais; e quen non tiña os cartos, pediunos emprestados. Como era de agardar, tanto o tratante, como o señor que prometeu mercar burros a 500 reais, nunca máis apareceron polo lugar. Que, como resultado, ficou chea de burros e de endebedados.De igual xeito, esta grande aldea que chamamos Hispanistán quedouse chea de ladrillos e de hipotecas. E tamén de burros. ¡Que nin sequera saben ornear!"


Até aquí o que contou o tío Santiago. Vexamos o que pasou despois: os que pediran fiaado, ao non vender os burros, non puideron pagar o empréstimo.Os que emprestaran diñeiro queixáronse ao pédaneo dicindo que se non cobraban, arruinaríanse eles; entón non poderían seguir emprestando e arruinaríase toda a parroquia.Para que os prestamistas non se arruinasen, o alcalde, no canto de lles dar diñeiro á xente da aldea para pagar as débedas, déullelo aos propios prestamistas a ainda ao comprador dos asnos.


Porén estes, xa cobrado grande parte do diñeiro non perdoaron os trabucos aos paisanos do lugar, que seguiron igual de endebedados. O pedáneo dilapidou o orzamento da parroquia, ficando este por enteiro endebedado. Entón pide diñeiro a outras parroquias; mas estes dinlle que non o poden axudar porque, como está na ruína, non poderán cobrar despois o que lle presten. Así que houbo que recorrer ao señor que mercaba os burros (o capital financeiro) que multiplicou ainda máis o seu capital, mais como condición exixiu que para saldar a débeda da parroquia era necesario baixarlle o soldo aos funcionarios, as rendas aos pensionistas, os gastos na festa da parroquia, etc.


Moralexa: Os paisanos seguirán pagando o que lles emprestaron máis os intereses, mesmo apoderándose dos xa desvalorizados burros cos que nunca chegarán a cubrir toda a débeda. Moita xente arruinada e sen burro para toda a vida. A parroquia igualmente arruinada. Os de sempre, o mercader de burros e os prestamistas, nadando em "reás". Todos asociados no Fondo Monetario Interparroquial. A próxima vez que veñan polo lugar a asemblea parroquial xa sabe que dicerlles: "o que non vos coñeza que vos compre".

4 comentários:

AFP disse...

"Non entendes algo realmente se non llo das explicado á túa avoa", Albert Einstein (1879-1955).

xOsedorrio disse...

Si entender enténdese o que non se albisca é a solución ao problema

AFP disse...

Dar-lhe umha patada no cú ao pedáneo, nom pagar-lhes um peso mais aos especuladores e mudar o sistema que funciona com burros por cabalos ;-)

Temos posteado vários artigos no sentido de ajudar de elaborar umha diagnose da crise sistémica atual [tag ultraliberalismo]e nalguns deles os diferentes autores achegam várias medidas diferentes:

A) A recuperaçom do controlo democrático sobre o capital (por exemplo a Taxa Tobin). O Estado tem que voltar a arbitrar com o seu Imperim as relaçons assimétricas de dominium que se dam na sociedade. Supresom, portanto, as instituiçons de governança blobal (FMI, BM...).

b) Revolta e rebeliom cívica, fortalecimento da sociedade civil, horizontalidade (democracia participativa, etc.).

c) Todas estas direçons reformistas tenhem que ter umha dimensom local que se ligue com umha outra mundial.

d) Por último, o sistema é de por si insustentável e que hai que criar umha alternativa anticapitalista que se assente em primeiro termo nas reformas que permitam ir acumulando forças :

"Despois de cinco séculos de existencia isto é o que o capitalismo ten para ofrecer. Que esperamos para cambiar ao sistema? Se a humanidade ten futuro, será claramente socialista. Co capitalismo, en troca, non haberá futuro para ninguén. Nin para os ricos nin para os pobres. A sentenza de Friedrich Engels, e tamén de Rosa Luxemburgo: "socialismo ou barbarie", é hoxe máis actual e vixente que nunca. Ningunha sociedade sobrevive cando o seu impulso vital reside na procura incesante do lucro, e o seu motor é a ganancia. Máis cedo que tarde provoca a desintegración da vida social, a destrución do medio ambiente, a decadencia política e unha crise moral. Aínda estamos a tempo, pero xa non queda demasiado".

Umha aperta irmandinha e perdoa que nom desenvolva por falha de tempo mais as alternativas. Nos vídeos da palestra que Beiras dá em Bueu tamém enumera algumhas alternativas a este sistema social, economica, ética e ecologicamente insustentável.

Paula Verao disse...

"Non entendes algo realmente se non llo das explicado á túa avoa"
Gran verdade!!!