Do 25 de xullo segue a gustarme máis a festa, pois o lecer en común sempre é necesario polo grao de optimismo que achega, malia que este sexa efémero, que as descafeinadas consecuencias políticas que xera.
Que xeramos. Rara vez a resaca do 26 deixa pousos de esperanza para unha opción política, a nacionalista, que nunca parece avanzar de xeito claro nos camiños que hai que seguir para emprender a transformación da sociedade que abandeira, máis no discurso que nos feitos ou nos programas políticos. Como cantaba Carlos Puebla, para nós sempre é 26.
O BNG, ou máis ben a dirección do BNG, desembarca este día co lema Fracasado o seu modelo ao servizo da banca... Agora unha economía ao servizo do pobo, ao servizo de Galiza, que tanto se pode debullar dende unha óptica anticapitalista como reformista, malia que os feitos -e non falo só da lea das caixas- abarculen máis a balanza cara á segunda das opcións. Gustaría de que alguén aclarase na dirección frontista como é que se pode transformar a nosa sociedade dentro do capitalismo.
Pola súa banda, Causa Galiza parece ser máis nidia no seu obxectivo transformador -xa teredes dilucidado que equiparo transformador a anticapitalista- ao encabezar a súa convocatoria cun Para enfrontarmos o capital, aquí e agora... Soberanía Nacional. No entanto, parece tan inxenuo asegurar que só con lograr a soberanía nacional imos derrubar a ditadura -física e mental- do capital, como a tentativa de emprender un proxecto de transformación da sociedade coa autodeterminación como premisa, o que, sendo realistas, impide o achegamento (discursivo e electoral) ao groso das masas populares que, ao cabo, son quen teñen que avalar e defender un proxecto semellante. Se lemos o Manifesto de apoio á Iniciativa Popular Causa Galiza e aos actos do día da Patria Galega deste ano comprobaremos que fala do "compromiso coa superación do marco xurídico-político español", cousa que moitos compartimos, mais nada di de como acadalo e menos aínda de que tipo de sociedade desexariamos en tal situación.
Con todo, confeso que nos últimos tres anos, e sei que non estou só neste sentir, vivín os 25 de xullo coa cabeza en San Lourenzo e o corazón en Belvís, sacando a pasear a moderación política ás doce e o desexo transformador á unha, ou camiñando pola estéril e inefectiva realidade primeiro e pola inxenua e afastada utopía despois.
Se cadra o camiño fica no medio, aí pola Porta Faxeira, onde uns abandonaron o obxectivo da autodeterminación e outros o asumiron como único obxectivo aparente. Se cadra aí no medio están, amais da soberanía nacional, a redución da nosa produción e do noso consumo, os cambios radicais no xeito de organizarnos política, social e economicamente, a autoxestión, a autoprodución, o aforro e a autosuficiencia, a relocalización da economía, da produción e da política, a primacía do local fronte o global, a repartición do traballo, a produción de bens relacionais, a redistribución equitativa dos recursos ou o desenvolvemento dunha vida máis frugal.
Nenhum comentário:
Postar um comentário