17/10/2010

Ten futuro a socialdemocracia?


Immanuel Wallerstein. Artigo tirado de aqui.

O mes pasado, dous importantes sucesos marcaron o mundo dos partidos socialdemócratas. O 19 de setembro, o partido sueco perdeu duramente as eleccións. Recibiu 30.9% do voto, o seu peor resultado desde 1914. Desde 1932, gobernou o país o 80% do tempo, e esta é a primeira vez que un partido de centrodereita gaña a relección. E para complicar o mal resultado, un partido antinmigrante, de extrema dereita, entrou no Parlamento sueco por primeira vez.
Por que é isto tan dramático? En 1936, Marquis Childs escribiu un libro famoso, titulado Sweden: The Middle Way. Childs presentaba Suecia baixo o réxime socialdemócrata como unha virtuosa vía intermedia entre dous extremos representados por Estados Unidos e a Unión Soviética. Suecia era un país que efectivamente combinaba a redistribución igualitaria coa política interna democrática. Suecia foi, polo menos desde os anos 30, o modelo mundial da socialdemocracia, a súa verdadeira historia de éxito. E así parecía manterse até hai pouco. Xa non é o modelo mundial.
Namentres, o 25 de setembro en Gran Bretaña Ed Miliband veu desde atrás para gañar o liderado do Partido Laborista. Con Tony Blair o Partido Laborista involucrouse na remodelación radical do partido coa consigna de “the New Labour” [o novo partido laborista]. Blair argumentara que o partido tamén debía ser unha vía intermedia “non unha entre capitalismo e comunismo”, senón entre o que adoitaba ser o programa socialdemócrata de nacionalización dos sectores chave da economía e a dominación sen renda do mercado. Esta era unha vía intermedia bastante diferente daquela de Suecia nos anos 30 e despois.
Que o Partido Laborista elixise a Ed Miliband por diante do seu irmán máis vello David Miliband, un socio chave de Tony Blair, interpretouse en Gran Bretaña e outras partes como un repudio a Blair e un retorno a un Partido Laborista máis "socialdemócrata" (máis sueco?). Porén, poucos días máis tarde, no seu primeiro discurso na conferencia laborista, Ed Miliban reafirmou unha posición "centrista". E a pesar de que enlazou as súas aseveracións con alusións á importancia do "equitativo" e a "solidariedade", dixo: "Debemos esfollar o noso vello pensamento e reaxir polos quen cren que hai algo máis na vida que o que é rendíbel".
Que nos din estas dúas eleccións do futuro da socialdemocracia? Convencionalmente (e o máis probábel é que correctamente) a socialdemocracia -como movemento e como ideoloxía- vincúlase co "revisionismo" de Eduard Bernstein, na Alemaña de finais do século XIX. Bernstein argumentaba en esencia que, unha vez obtido o sufraxio universal (que para el era o voto masculino), os "obreiros" podían usar as eleccións para gañar cargos para o seu partido, o Socialdemócrata (SPD), deica lograr o goberno. Unha vez que gañasen poder parlamentario, o SPD podería entón "promulgar" o socialismo. E como tal, concluía, falar de insurrección como vía ao poder era innecesario e de feito unha parvada.
O que Bernstein definía como socialismo era pouco claro en moitos aspectos, mais, con todo, no momento parecía incluír a nacionalización dos sectores chave da economía. Desde entón, a historia da socialdemocracia como movemento foi a de afastamentos lentos pero continuos da política radical cara a unha orientación máis centrista.
Durante a Primeira Guerra Mundial, os partidos repudiaron o seu internacionalismo teórico ao aliñarse en respaldo dos seus gobernos en 1914. Tras a Segunda Guerra Mundial, os partidos aliáronse con Estados Unidos na guerra fría contra a Unión Soviética. E en 1959, na súa conferencia en Bad Godesburg, o SPD alemán repudiou o marxismo por completo e oficialmente. E declarou que "tendo comezado como un partido de clase obreira, o Partido Socialdemócrata converteuse nun partido do pobo".
Nesa altura, o que o SPD alemán e outros partidos socialdemócratas chegaron a reivindicar foi o compromiso social coñecido como "Estado de benestar". A socialdemocracia tivo bastante éxito neste obxectivo no período da gran expansión da economía-mundo nos anos 50 e 60. E nese tempo mantívose como "movemento" no sentido de que estes partidos impulsaban o respaldo activo e a lealdade de moitas persoas no seu país.
Porén, cando a economía-mundo entrou no seu longo estancamento a partir dos anos 70, os partidos socialdemócratas comezaron a ir máis aló. Deixaron de lado a énfase no Estado de benestar para se volveren simples promotores dunha versión máis suave da primacía do mercado. A ideoloxía do "novo partido", de Blair, non era senón isto. O partido sueco resistiu a viraxe máis tempo que os outros pero finalmente sucumbiu.
A consecuencia disto, porén, foi que a socialdemocracia deixou de ser un "movemento" que podía convocar a lealdade e o respaldo de grandes número de persoas. Tornouse unha maquinaria electoral á que lle faltaba a paixón de outrora.
Aínda que a socialdemocracia non sexa xa un movemento, segue sendo aínda unha preferencia cultural. Os votantes seguen querendo os esvaecentes beneficios do Estado de benestar. Protestan regularmente cando perden outro máis destes beneficios, o cal ocorre con algunha periodicidade agora.
Finalmente, hai que dicir algo da entrada do partido antinmigrante de extrema dereita ao Parlamento sueco. Os socialdemócratas nunca foron moi fortes no relacionado cos dereitos das minorías étnicas ou "outras", moito menos acerca dos dereitos dos inmigrantes. Os partidos socialdemócratas tenderon a ser partidos da maioría étnica de cada país, defendendo o seu territorio contra outros traballadores aos que vían como grupos que provocarían a redución de salarios e empregos. A solidariedade e o internacionalismo eran consignas útiles cando non había competencia á vista. Suecia non enfrontou este asunto seriamente senón até hai pouco. E cando o fixo, un segmento de votantes socialdemócratas simplemente deu en correrse á extrema dereita.
Ten futuro a socialdemocracia? Como preferencia cultural, si; como movemento, non.

Nenhum comentário: