11/10/2010

A UE, só pode haver dous sem três

Manoel Santos, artigo tirado de aqui. Manoel Santos é biológo e director de Altermundo.



As medidas restritivas, criminalizadoras e xenófobas emprendidas por diversos gobernos europeos -e defendidas por todos- contra as persoas migrantes constitúen, ao meu entender, a máis perigosa deriva totalitaria de todas cantas acontecen no planeta.
E son, asemade, ilegais. A chamada Europa Fortaleza pouco ten que ver cos principios que defende o Tratado da UE. Artigo 2: "A Unión fundaméntase nos valores de respecto da dignidade humana, liberdade, democracia, igualdade, Estado de Dereito e respecto dos dereitos humanos, incluídos os dereitos das persoas pertencentes a minorías. Estes valores son comúns aos Estados membros nunha sociedade caracterizada polo pluralismo, a non discriminación, a tolerancia, a xustiza, a solidariedade e a igualdade entre mulleres e homes". Nin a deportación masiva, nin os centros de detención nin as fronteiras militarizadas respectan dignidade ningunha.
En realidade, estamos ante un conflito sobre o modelo de UE que queren os estados membros. Ou ben se cimenta no artigo 2, ou ben no 3, que fala dun desenvolvemento "baseado nun crecemento económico equilibrado e na estabilidade dos prezos, nunha economía social de mercado altamente competitiva". Mais nos dous á vez é imposíbel. Por desgraza o 3 (Europa do capital) está a gañarlle a partida ao 2 (Europa dos pobos).
Non é difícil comprobar como as migracións masivas de seres humanos medraron enormemente por causa do crecemento económico planificado das sociedades centrais, que teñen nos millóns de migrantes do planeta unha forza de traballo barata, dominábel... e imprescindíbel. O fomento controlado das migracións foi e é fundamental para a instauración do nocivo sistema que defende o dito artigo 3. De feito, as sociedades baseadas no crecemento económico conducen necesariamente a un aumento das migracións. O neoliberalismo, lonxe de mellorar o nivel de vida dos habitantes do mundo subdesenvolvido estaos expulsando das súas terras, pois a expansión capitalista provocou saldos desastrosos en moitos países en termos de xustiza social e de condicións de vida e futuro. Así, á periferia correspondeulle desempeñar un decisivo papel como provedora de forza de traballo barata e de recursos naturais para o centro do sistema.
Para aumentar o control sobre estas forzas de traballo, por unha banda criminalízanas e limitan con leis de estranxeiría que conculcan os dereitos humanos, e pola outra fomentan a súa arribada porque as necesitan, xa sexa como man de obra cualificada -hipotecando o futuro das sociedades periféricas- como dos sen papeis que fan os traballos máis lixosos, duros e perigosos. Nin a Italia neofascista de Berlusconi, na que os inmigrantes supoñen o 10% do seu PIB, nin a España dos centros de internamento, que debe aos inmigrantes o 90% do seu crecemento de PIB nos últimos 5 anos, nin a Francia neonazi de Sarkozy poden prescindir de tan barata e dominábel -especialmente pola utilización do medo á expulsión- forza de traballo. Esa é a realidade. Unha outra Europa é posíbel.

Nenhum comentário: