Saco toda a información do Espazo Aberto Antimilitarista de Vigo para exemplificar en que consiste e como se fai a obxección fiscal ao gasto militar.
Que é a Obxección Fiscal?
A Obxección Fiscal (OF) é un acto de Desobediencia Civil que consiste en, á hora de facer a Declaración da Renda, non pagar ao Estado os cartos que este dedica á guerra e á sua preparación. A OF non supón evadir impostos, senón desviar cara proxectos sociais a cantidade que sería destinada a fins militares.
Aínda que non teñamos a obriga de pagar o IRPF, tod@s pagamos impostos cos que, queramos ou non, se financia o militarismo. Do mesmo modo, a Obxección Fiscal a podemos facer tod@s. E, se non queremos recorrer á OF, aínda podemos reclamar do goberno que o direito a non colaborar cos gastos militares sexa recoñecido e respeitado.
:: POR QUE OBXECTAR? ::
Consideramos que o mellor xeito de resolución dos conflictos entre os pobos é o diálogo, a cooperación e a solidariedade.
Cremos que o principal camiño para conquerir un mundo en paz é favorecer a xustiza. E non estamos de acordo co destino militarista nen coa forma en que son utilizados os nosos impostos (directos e indirectos)
:: QUE PROPOÑEMOS? ::
Ao Estado: a progresiva diminución do gasto militar até a súa eliminación e, por conseguinte, a desaparición dos exércitos.
A todas as persoas e movementos sociais: a desobediencia civil, por medio da O.F., frente á imposición de colaborar co militarismo.
Como facer Obxección Fiscal
:: DECLARACIÓNS EN BRANCO ::
Todas poden participar independentemente da súa situación laboral (en paro, cobrando pensión, estudante,…), a súa situación social ou a súa situación ante Facenda.
Estes obxectores/as deben adquirir os impresos para a Declaración. No sobre introduces unha carta co teu nome e DNI dirixida ao Delegado de Facenda da túa provincia, expresando a protesta contra o gasto militar. A carta debe entregarse xunto cos impresos sen encher, en branco.
Esta campaña é facil de asumir por calquer persoa sen que teña que afrontar sancións administrativas.
:: POSITIVAS OU NEGATIVAS ::
De dúas maneiras:
- Cota porcentual: Consiste en desviar, non evadir, da cota líquida da túa Declaración da Renda o 4.5% (orzamento oficial do Ministerio de Defensa) ou o 11.65%, gasto militar total que inclúe outras partidas.
- Cota fixa: Desvías 84 euros (en protesta polos 84 países empobrecidos pola débeda externa) ou a cantidade que ti decidas, da cota líquida da túa Declaración da Renda. Esta cantidade ingresarase nun proxecto alternativo ao Gasto Militar.
:: OUTRA POSIBILIDADE ::
Hai obxectores partidarios/as da legalización e regulación da O.F., como un dereito máis a ser recoñecido polo Estado. Para isto podes enviar a petición polo recoñecimento da Obxección Fiscal aos Gastos Militares.
Modo de encher a Declaración da Renda:
- Ingresar a cantidade da túa obxección fiscal no proxecto elexido (pide dous recibos, un para ti e outro para incluír na túa declaración).
- Achega tamén unha instancia dirixida ao Delegado/a de Facenda alegando os motivos da túa Obxección ós gastos militares. Nela comunícalle o total dos cartos desviados e o proxecto social escollido como alternativo ao Gasto Militar.
- Enche os impresos da declaración e, chegado ás deduccións xerais, risca o enunciado dunha das casas e engade “por obxección fiscal aos gastos militares” e a cantidade elexida. Se utilizas medios informáticos, podes incluíla nalgún dos apartados nos que a deducción da cantidade global se fixa en tanto por cento, ou tamén incluíla directamente a man.
Lembra, que se a declaración che sae a pagar, a devolver ou de cota líquida cero, sempre podes declararte persoa obxectora fiscal, reclamar os cartos que dos teus impostos se dedican ao Gasto Militar, e desvialos ao proxecto alternativo.
Feita a O.F. é moi importante cubrir a enquisa adxunta e enviala aos grupos locais.
:: CONSECUENCIAS DA OF ::
O.F. é un acto de desobediencia civil ao Estado. Facenda non aceita normalmente estas razóns de conciencia polo que, non recoñece a deducción da porcentaxe que efectuamos. Por iso cando se decata do que fixemos na nosa declaración non o dá por válido, ou ben non nos devolven os cartos que desviamos, ou ben reclamánolos.
Cando facenda nos comunique que non acepta a nosa obxección fiscal, a resposta pode ser aceptar (pagar o que nos pide e non reclamar) ou recorrer diante da delegación de facenda primeiro e despois se denegan o recurso diante do Tribunal Económico Administrativo Provincial.
De tódos modos por non ser a O.F. un dereito recoñecido legalmente temos tóda as de perder, polo que o máis normal no caso de que reclamémo os cartos é que non nolos devolvan ou que embarguen a nosa conta pola cantidade obxectada.
Pensamos, de todos modos, que esta situación non debe ser un atranco para reclamar o que cremos xusto, o dereito a non contribuír cos nosos cartos á guerra.
Nenhum comentário:
Postar um comentário