24/11/2010

Os irmandiños crean un partido e avalían seguir no BNG

Notícia tirada de aqui.

A corrente que lidera Beiras, a máis crítica coa liña actual da fronte, organiza a súa 3ª Asemblea Nacional a comezos de xaneiro de 2011.

Despois de valorar como "moi positivo" o dialogo aberto coa cidadanía nas asembleas comarcas e nas "concurridísimas" conferencias coloquio de X.M. Beiras por todo o País, o Encontro Irmandiño (EI) acordou fixar o día 15 de Xaneiro para a primeira xornada da súa terceira Asemblea Nacional.

Os irmandiños son o sector do BNG máis abertamente crítico coa liña da fronte nestes anos. Critican o seu suposto xiro á dereita e reclaman, entre outras cousas, o retorno ao asemblearismo e unha maior conexión cos movementos sociais como os ecoloxistas e os altermundistas.

"Definición da súa relación co BNG"

Polas súa constante crítica, o EI ten sido protagonista de numerosos rumores dunha posíbel escisión do Bloque pola esquerda.

Lonxe de acalar estes rumores, os irmandiños falan abertamente que na súa vindeira asemblea tratarase a "constitución legal do Encontro Irmandiño como organización política plena coa conseguinte posta ao día dos Principios Organizativos e Estatutos". Ademais de deixar de ser unha simple corrente para constituírse como partido político, os irmandiños tamén abordaran a "definición da súa relación co BNG".

O Encontro tamén debaterá a alternativa política para "defender ao País do PP e á oposición ao ultraliberalismo na España, en Europa e no mundo".


Na súa opinión, lograrmos un sistema económico medioambientalmente sostíbel que faga realidade o dereito a vivir e producir na nosa terra, unhas institucións galegas dignas de tal nome, unha sociedade solidaria interna e externamente e unha cultura republicana e laica serán sen dúbida o guieiro da IIIª Asemblea Nacional do Encontro Irmandiño.

Na última asemblea da fronte, os comunistas da UPG lograron 23 membros para o Consello Nacional, 18 foron para os ex-quintanistas de +BNG mentres que a candidatura de Encontro sumou 7 representantes.

Nenhum comentário: