O plan de emprego dos Conservadores ataca aos desempregados. O programa de man de obra barata agrídenos a todos.
Os Conservadores lanzaron un ataque brutal ás persoas en paro para desviar as críticas aos verdadeiros parásitos: os ricos. O Libro Branco desta semana obrigará aos desempregados que solicitan subsidios de paro a realizar traballos non remunerados: se se negan a facelo, perderán o subsidio.
Os xefes e a prensa da dereita están encantados. O Daily Mail anunciou con alegría: "Nunha nova ofensiva contra os parásitos sociais, os desempregados irresponsábeis terán que participar nun programa de traballo esixente, estilo EE.UU., que incluirá a obrigación de realizar labores de xardinaría, limpeza de lixo e outras tarefas manuais por só 1 libra a hora".
O programa permitirá eliminar postos de traballo e cancelar custos ao utilizar man de obra practicamente gratuíta. A cambio, os desempregados maiores de 25 anos recibirán un mermado subsidio de 65 libras con 45 centavos, e apenas 51 libras con oitenta e cinco centavos no caso de menores de 25.
Se parte dunha gran mentira: que hai cheas de postos de traballo dispoñíbeis e que se non se traballa é porque un non se esforza en atopalos.
Recortes
En toda Grande Bretaña hai 459 mil postos de traballo e máis ou menos por cada un compiten cinco acodes, dos 2,5 millóns de desempregados, sen incluír os 1,2 millóns de traballadores a tempo parcial que desexan traballar a tempo completo. E sen incluír tampouco aos centos de miles máis que perderán os seus traballos grazas aos recortes dos Conservadores.
Os desempregados non son os culpábeis senón as vítimas deste sistema, cuxos auténticos responsábeis son os máis ricos e mequeiros, así como os millonarios Conservadores. O gabinete gobernamental -onde abundan persoas que nunca traballaron na súa vida- planea castigar a xente como Louise Whiteside, unha escocesa de 23 anos.
Licenciada da Universidade de Dundee cun título de primeira clase, non atopa traballo. Contou ao Socialist Worker: "Onte solicitei un posto de camareira nun hotel, polo que se presentaron outras 250 persoas. En tres meses, levo solicitados 150 traballos e repartín o meu curriculum por todo Edimburgo, Dundee e Dumfries e Galloway. Esforceime moito na Universidade e non esperaba atoparme con isto. Creo que terei que irme a vivir a casa dos meus pais. Son repugnantes as mentiras que contan os Conservadores acerca dos que cobramos o subsidio de paro. Se queren animarnos a traballar, que nos dean postos de traballo en lugar de destruílos".
Pero os plans non se limitan a atacar aos desempregados. Holly Smith, representante sindical de GMB no departamento de residuos dun concello de Brighton, cre que todos os traballadores están no punto de mira. "Se o patrón pode conseguir que alguén traballe sen remuneración, por que pagarían a outra persoa o debido?", pregúntase.
"Deixaranse de ter en conta as normas de saúde e seguridade. Facemos un traballo físico duro, manipulando agullas, vidros rotos, vómitos esperan que o fagan persoas sen formación, mesmo con problemas de saúde? É como a escravitude, unha forma de explotación".
Enfrontados aos recortes de orzamento, os concellos despedirán aos traballadores, que logo terán que facer o mesmo traballo gratuitamente.
Sindicatos
Fai dez anos, cando en Nova York adoptouse un programa similar, milleiros de traballadores sindicados foron substituídos por desempregados.
O novo programa prexudicará sobre todo ás persoas discapacitadas e aos pais e nais sen parella, porque teñen menos flexibilidade e moitas menos posibilidades cando hai tantos competidores.
Afirma Colin Hampton, coordinador dos Centros de Traballadores en Paro de Derbyshire: "Cando un goberno consegue que a xente traballe polo subsidio do paro, perigan os traballos de todos. Primeiro déixante sen traballo e logo din que hai que afacerse a traballar: é indignante".
En 2008, publicouse un informe de revisión de programas similares aplicados en EE.UU., Canadá e Australia. Segundo este informe: "Hai poucas probas de que a participación no programa incremente as posibilidades de atopar traballo. Mesmo pode reducilas, ao limitar o tempo dispoñíbel para a procura de emprego".
Os Conservadores pensan que os desempregados son débiles e impotentes. Temos que enfrontarnos a eles, unidos os traballadores e desempregados. É esencial que os sindicatos adopten o liderado nesta loita.
O problema é o desemprego, non que a xente sexa remisa a traballar
Woods Keiths, de 37 anos, vive en Kent e formouse como mestre. Por mor da morte do seu pai, padeceu unha crise e deixou de traballar. Leva tres anos no paro. Contounos: "Cando acudín esta mañá ao centro de desemprego, falábase do novo programa: a xente estaba furiosa. Todos preguntaban 'E onde están os traballos?' ".
"Constantemente estou a buscar traballo. Nos dous últimos meses en Kent ofertáronse só cinco postos no ensino. Para o último presentáronse oitenta acodes, e era un emprego de apenas uns poucos meses".
"As outras ofertas da semana pasada eran de soldador e construtor, que requiren unha formación que eu non teño, e outro posto a tempo parcial e nocturno, que tampouco podo realizar porque perdería o meu actual subsidio de vivenda".
Estou obrigado a participar no programa "Welfare to Work", o que quere dicir que teño que apresentarme perante unha empresa privada que quere facerme traballar sen remuneración. Ofrecéronme facer embalaxes, 30 horas semanais: un traballo polo que antes se pagaba a alguén. Non penso roubarllo a ninguén.
Para min é deprimente cobrar o subsidio de paro sen atopar traballo e ter que malvivir co que recibes, sen poder alternar socialmente. O problema non é que a xente sexa remisa a traballar; o problema é que non hai traballo".
Os beneficios de Maximus
O novo programa Welfare to Work do Ministerio de Traballo e Xubilacións está dirixido por unha empresa privada chamada Maximus.
No nove primeiros meses de 2010 os seus beneficios incrementáronse en 19'4 por cento, até alcanzar os 131 millóns de libras. O seu xefe supremo, Richard A. Montoni, obtivo o ano pasado unha remuneración de 2 millóns de libras. Parece que na Gran Bretaña conservadora non todos se están sacrificando.
Nenhum comentário:
Postar um comentário