NOTA - Con motivo da presentación do libro de Tareixa Ledo, Lidia Senra Rodríguez. Historia dun liderádego entrañábel, o blog Galizia Ecosocialista fai unha reflexión e recupera un texto de Xoan Carlos Carreira, publicado en Vieiros o 27 do 11 de 2007.
Reproducimos reflexión e texto a seguir.
Coa Sala Mozart do Auditorio de Galicia literalmente desbordada presentouse o libro deTareixa Ledo “Lidia Senra Rodriguez. Historia de un liderazgo entrañable”, onde se fai un repaso do salto que para a conciencia feminista e labrega supuxo a etapa no queLidia Senra estivo ao fronte da secretaria xeral do SLG e máis aló no papel que as mulleres labregas están a xogar na defensa da terra e da dignidade do país, cun equipo actual do sindicalismo agrario marcadamente feminino encabezado por Carme Freire.
O acto de presentación do libro da editorial Laiovento converteuse nun acto de reivindicación do papel da muller labrega e moitas delas presentes durante o mesmo aportaron cos seus relatos unha forza e tenrura que aínda nos sorprende e emociona no mundo da loita política e social.
Hoxe existen amplos sectores sociais enfrontados coa globalización capitalista, tanto nos seus aspectos sociais coma na defensa de diversas soberanías: ambientais, alimentarias, produtivas, lingüísticas...
E son as labregas as que están a xogar un papel de argamasa indispensable para unha acción global.
Non esquezamos que os pequenos labregos e labregas, a pesar do proceso de agroindustrialización impulsado polas grandes multinacionais de distribución, son e seguen a ser os que nos dan de comer.
Hoxe a batalla polo cambio social estase a dar fundamentalmente no campo, desde Brasil a Galicia, pasando por Ecuador ou pola India.
Seguramente sexa o artigo de Xoán Carlos Carreira, publicado en Vieiros quen mellor recolla a transformación efectuada dentro do SLG na etapa de Lidia como Secretaría Xeral.
(Reprodución a continuación do artigo de Xoán Carlos Carreira con data 27/11/2007)
Lidia Senra, o rural galego e os novos camiños
Lidia Senra deixou de ser a secretaria xeral do SLG. Pode ser momento de valorar a súa figura, mais eu non o vou facer, porque o meu escrito seria tachado, con razón, de subxectivismo, característica aínda non ben vista a pesares dos aspectos positivos que ten. Xa que logo, espero que Lidia me permita utilizala de pretexto para unha cantas reflexións.
Hai 19 anos, o SLG facía da loita contra as cotas e a defensa do sector lácteo case a súa única razón de ser e era axeitado facelo así. Hoxe defende o control da produción e é axeitado facelo así. O que ocorre que este pais xa non é o de hai vinte anos. Daquela había case que medio millón de persoas no rural e hoxe hai “voluntarios/as” vixiando os montes. Culminouse a brutal e silenciosa reconversión agraria. O actual sector lácteo, dende o meu punto de vista xa non pode ser motor do desenvolvemento agrario do futuro. Estamos á espera de que se formulen propostas para o século XXI e se emprenda un novo camiño onde se cadra nos decataremos de que o que descartamos por vello e atrasado pode ser agora moderno e innovador. Este é un dos maiores retos da sociedade galega en xeral, do SLG e, en particular, da súa nova dirección.
Cando me tocou propoñer a Lidia Senra, no Comité Central da UPG, como secretaria xeral do SLG (daquela as cousas eran así e agora...), unha amable compañeira da Galiza urbana do sur que estaba ao meu carón (infatigable naquel tempo nos seus intentos de que nos preocupásemos máis da problemática da muller) dixo (máis ou menos): “Mira estes do rural, ao calado, véñennos coa proposta dunha muller”. Como ademais das palabras hai que interpretar o ton, eu ( non sei se acertadamente) quedei con dúas ideas: a compañeira valoraba positivamente o feito de que propoñeramos a unha muller, pero ao mesmo tempo a súa sorpresa, translucía a visión do rural como un sector pouco “progresista” e polo tanto resultáballe raro que fixeramos unha proposta desta caste. Lembro a anécdota porque teño a sensación (de novo o subxectivismo) de que esta visión segue a ser xeralizada. Sen embargo nada mais lonxe da realidade. Hoxe o SLG está a avanzar explícita ou implicitamente os grandes temas de debate que o nacionalismo galego debe afrontar neste comezo de século.
Cando Lidia Senra asume a secretaria xeral do SLG, a organización que vai dirixir, na práctica, aínda non deixara de ser totalmente a fronte agraria do BNG. Agora vén de dar o relevo na secretaria xeral dunha organización que, dende o meu punto de vista, por primeira vez na súa historia, responde na realidade ao seu nome de Sindicato Labrego Galego. Un logro histórico do seu núcleo dirixente e do conxunto do Sindicato que espero que non tardemos en valorar.
Comisións Labregas e UPG
Hai que lembrar que as Comisións Labregas (SLG) nacen creadas dende a UPG e “tuteladas” polos CALL (Comités de Axuda á Loita Labrega), unha organización de funcionarios/as, estudantes, curas, mestres/as, ...que na práctica exercía a dirección.
Mais tarde na etapa máis dura para o nacionalismo, o SLG quedou reducido a unhas siglas. Mesmo o seu primeiro secretario xeral continuou legalmente como tal durante anos despois de ter dimitido. Neses anos 80 fomos os “colaboradores” e “colaboradoras” os que mantivemos a actividade e tomabamos as decisións, porque, na practica, non existían órganos de dirección .
Comézase a reconducir a situación coa elección de Emilio López Pérez como secretario xeral, mais no substancial os “colaboradores” seguimos dirixindo o SLG. Apenas existen locais ou se comparten co BNG ou a CIG. A actividade está practicamente reducida a Lugo e, en menor medida, a Ourense. Esta é a situación cando un grupo de persoas con Lidia Senra como referente na Secretaria Xeral asume a dirección do SLG. Nestas case que dúas décadas o SLG ten evolucionado desde o punto de vista organizativo de xeito contrario á maioría das organizacións sindicais que, nacidas da clase obreira ou campesiña, cada vez se van baleirando máis de obreiros ou labregos nos seus órganos de dirección, substituídos por liberados/as que, moitas veces, nin sequera teñen pasado pola experiencia dun centro de traballo. Pola contra no SLG dáse o proceso inverso, os “colaboradores” ou son substituídos por labregos/as na dirección ou eles/as mesmos/as comezan a traballar en explotacións agrarias. Deféndense, xa que logo, non só posicións ideolóxicas, senón tamén intereses económicos que é para o que naceron e para o que existen os Sindicatos.
Pero ao incorporar aos/as verdadeiros/as protagonistas á dirección (os labregos e labregas), estes aportan a súa ideoloxía e nalgúns casos pertencen ao partido amplamente maioritario no rural (o PP). Vaia por deus! O que sen dubida é un mérito do SLG, foi duramente criticado. Agora, dende o nacionalismo, hai cada vez máis voces que reclaman tender esas pontes que o SLG ven facendo dende hai tempo.
Necesidade de independencia
A medida que o SLG ía converténdose nun verdadeiro Sindicato, tamén ía deixando a tutela e ganando independencia. Isto, que é fundamental para articular a sociedade civil, non acaba de ser ben visto dende as organizacións políticas que, nunha visión excesivamente curtoplacista, non se decatan que a independencia non só é indispensable para que un proxecto poida sobrevivir a longo prazo senón absolutamente necesaria para que a crítica sirva realmente para un control da acción de goberno e/ou para que o apoio á mesma teña credibilidade. En resumidas contas para que haxa capacidade de interlocución social. O Congreso do SLG amosou que os labregos/as, herdeiros/as dunha vella sabedoría, xa non aceptan inxerencias e quen, pola súa historia ou posición, se crea no dereito de facelo debería sacar conclusións e reflexionar.
Durante anos (xa dende a transición) o SLG tentou unha articulación estatal a traveso da creación dunha coordinadora das organizacións agrarias da cornixa cantábrica que non chegou a callar. Os sindicatos agrarios cataláns sempre estiveron integrados na COAG (Coordinadora de Organizacións Agrarias do Estado Español) e os dirixente vascos, a maioría do entorno de HB naquel momento, optaron finalmente polo pragmatismo e tamén se integraron. Foi entón cando o SLG deu un paso moi arriscado e chegou a acordos preferenciais coa COAG conseguindo durante moitos anos manter o difícil equilibrio, sempre inestable e cambiante no tempo, entre a independencia na toma de decisións en asuntos propios e coordinación máis aló do ámbito nacional. Agora formúlase cómo manter este equilibrio para os próximos anos. Mais tarde integrouse na CPE (Confederation Paysanne Europenne - Sindicato de ámbito europeu) e iso deulle unha presenza moi importante en Bruxelas. Desde o meu punto de vista, nos temas agrarios, a presenza directa de Galiza nos órganos de decisión comunitarios, na Comisión Europea, foi sempre máis significativa por esta vía que por calquera outra, mesmo cando o nacionalismo tivo representación no Parlamento Europeo.
A proxección internacional de Lidia Senra
Lidia Senra foi membro da Comisión Executiva da CPE e hoxe é a representante de Europa na Comisión Internacional de Mulleres de Vía Campesiña onde outros membros da dirección do SLG ocupan tamén postos de responsabilidade. Vía Campesiña é unha unión de sindicatos labregos a nivel mundial que agrupa a máis de 40 millóns de afiliados/as e que ten un peso moi importante no movemento altermundista e nos foros sociais. Creo (espero non esquecerme de ninguén) que ningunha persoa vencellada ao nacionalismo político e sindical galego ten un posto de tanta relevancia a nivel mundial, mais a penas se lle dá importancia, non só polo conxunto da sociedade galega senón, o que é peor, pola base social dese nacionalismo. Mesmo cando Xosé Ramón Cendán foi detido en Hongkong resaltouse que “estaba alí” mais non o seu papel dirixente. ¿Por qué? ¿Non nos interesa o movemento altermundista – noutros tempos chamariámoslle antiimperialista? ¿Teriamos a mesma actitude se foran outros “líderes” os que estiveran nun posto a metade de relevante?
As consecuencias obxectivas desta práctica do SLG son evidentes. O aumento da presenza de Galiza e posibilidade da defensa directa dos seus intereses a nivel estatal, europeu e mundial. Pero ao mesmo tempo perfilou posicionamentos ideolóxicos que xeran contradicións non só con outras organizacións do mesmo ámbito senón tamén internas. A defensa dun modelo de agricultura familiar sostible e da soberanía alimentar pode chocar en aparencia coa necesidade de defensa de intereses inmediatos do sectores como o do leite inmersos nun modelo produtivo ultraintensivo e exportador.
Agora o SLG volve tomar a iniciativa ideolóxica apostando claramente pola agroecoloxía. Neste caso, como noutras moitos, o SLG fai propostas de longo alcance asumindo posicións mais propias de organizacións políticas mentres que estas vense máis preocupadas de ofrecer propostas no curto prazo. Aínda que tamén ocorre a contrario non deixa de ser unha transgresión interesante para a análise.
O SLG coas súas formulacións sitúa enriba da mesa, de xeito implícito ou explícito, un debate que tarde ou cedo terá que abordar o nacionalismo galego e que enlaza, dende outro punto de vista, con posicionamentos de determinados sectores do nacionalismo catalán ou vasco. ¿Debe ser o nacionalismo galego unha opción de portas para dentro ou a súa alternativa pode e debe contribuír a articular o mundo máis aló de Galiza?
Esperanza
Aínda que unha resposta pouco reflexiva diría que non son contraditorias, estas dúas formulacións non sempre se poden casar. Hai moitos temas onde se xeran contradicións. Xa me referín ao caso da agricultura, mais tamén temos o da pesca e a esquilmación dos caladoiros, ou as infraestruturas. Por exemplo, nunca pensei ver como o nacionalismo fai da execución dunha rede viaria e de ferrocarril que aumenta a nosa dependencia con Madrid unha das súas prioridades. E iso, entre outras razóns, ocorre por pensar só en termos localistas e non ter unha proposta global diferente para o conxunto do Estado
Na práctica, o SLG está sementando os interrogantes claves, facendo aparecer esas dúbidas que nunca deben faltar entre quen quer cambiar algo nesta sociedade. O rural, outra vez ao calado, está abrindo novos camiños que este país terá que explorar algún día. Oxalá nos decatemos de que é fundamental facelo máis cedo que tarde.
Remato xa as reflexións cun convencemento. A pesares de terse producido durante o período máis duro da reconversión agraria, a etapa do SLG que conduciu a actual dirección con Lidia Senra como secretaria xeral, cos seus acertos e os seus erros, foi enormemente positiva para este país. É sorprendente ver como un proxecto que se reclama continuista espertou tanta esperanza e ilusión neste congreso axudado, iso si, por un discurso realmente innovador, pola forma e polo fondo, da súa nova secretaria xeral, Carme Freire. Oxalá que as únicas preocupacións do Sindicato sexan as derivadas da contratación social do seu proxecto.
Nenhum comentário:
Postar um comentário