O Consello de Ministros acaba de aprobar unha serie de medidas destinadas a satisfacer as finanzas e, supostamente, loitar contra a crise. Nada máis lonxe disto último; máis ben son novos pasos que queiman munición nun camiño sen saída e cencenan as posibilidades de recuperar unha senda de crecemento e benestar. Son coherentes coas medidas adoptadas desde que comezou a crise e, en materia fiscal, desde moito antes. Son claramente asimétricas desde o punto de vista social pero o máis frustrante é que non van contribuír á recuperación. Aos empresarios ofrece unha reducción do imposto de sociedades por diferentes vías e a eliminación do imposto de transmisións patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados –sen consultar coas autonomías, aínda que Feijoo xa se anticipara. Ás grandes constructoras ofrécelles a privatización e as concesións dos aeroportos e aos bancos e fondos a entrada nas Loterías do Estado. No outro lado da balanza ofrece eliminar o subsidio de 426 euros aos parados de longa duración, deixando sen cobertura a máis de medio millón de parados; nun contexto en que o 40% dos parados están en fogares sen outros ingresos, iso condena a moitas familias á exclusión social, á privación absoluta e traerá consigo moitos problemas de convivencia social. Tamén caerá a demanda e aumentará a morosidade. No mesmo lado da balanza recae tamén o forte aumento do imposto do tabaco que, máis aló da pauliña da saúde, é dos imposto máis regresivos.
A reducción de impostos ás empresas non vai ter un efecto significativo na actividade. Para empezar, o problema das PEMES é o estancamento do mercado interior (a demanda caeu un 1,4% no terceiro trimestre) e as medidas adoptadas –estas e as adoptadas nos últimos meses- deprímena aínda máis. Por outro lado, ao tratarse dun imposto sobre beneficios o certo é que só favorece a aquelas que van ben ou moi ben; as que van mal non dan beneficios e moitas das que van tirando tampouco o pagan porque para iso está a contabilidade creativa.
Polo tanto, son medidas ineficaces para saír da crise pero moi regresivas socialmente. O goberno parece atrapado na arañeira dos poderes engordados coa burbulla que tratan de defender as posicións adquiridas e zarandeado polos especuladores dos mercados de bonos de débeda -que buscan cobrar xuros elevados durante anos e/ou a posibilidade dun pelotazo coa súa recolocación nos mercados dentro duns meses.
Enxergar unha alternativa require romper coa lóxica imposta por eses intereses. Aquí e en Europa. Para empezar compre que o Banco Central Europeo actúe como banco ao servizo dos gobernos e non dos bancos privados. Se o BCE cubrise a emisión de débeda dos estados, como vimos reclamando, o xogo sería moi diferente; os simples acenos destes días de ir minimamente nesa dirección xa mudan as tensións especulativas. A seguir compre impedir a existencia de fondos especulativos globais e desde logo que poidan actuar con total liberdade e descontrol. Os retrocesos das posicións dos gobernos desde as primeiras reunións dos G-20 resultan escandalosos, pero non haberá estabilidade sen o seu control e eliminación. Polo que respecta á débeda pública a única liña sólida de solución -sen retrocesos aos niveis de benestar de hai 30 anos- pasa por aumentar os ingresos de xeito progresivo e significativo: atacar a fraude e a evasión fiscal, os impostos ás grandes fortunas, rendas especulativas, fondos de investimento, SICAV , transaccións financeiras de curto prazo (taxa Tobin)... E porque non pensar de xeito extraordinario nun IVE de luxo (avionetas, iates, vehículos de alta cilindrada, mansións, clínicas de beleza, etc)?. En poucas palabras, a alternativa existe e algúns, como o BNG, veñen erguendo esa bandeira con consistencia. A cuestión é saber porque outros non o fan, finiquitando a socialdemocracia, e até onde as clases populares están dispostas a tolerar o espolio do seu traballo e do seu “benestar”.
Nenhum comentário:
Postar um comentário