* Traducido e tomado de aquí.
Unha das mensaxes que máis amplamente se está a estender entre a maioría da poboación, non só en España senón tamén na maioría de países de Europa e de Norteamérica, é que as vindeiras xeracións van ter uns estándares de vida máis baixos que os actuais. Dise que a causa diso é que "desde hai tempo estamos a vivir por riba das nosas posibilidades". Desta percepción derívanse as políticas de austeridade promovidas polos establishments financeiros, económicos, mediáticos e políticos, que teñen como obxectivo reducir os estándares de vida das clases populares, subliñando a necesidade de vivir máis modestamente do que vivimos agora, pois os recursos do país non dan para máis. Acentúase nesta mensaxe que os fillos e netos das xeracións futuras vivirán con niveis de vida inferiores aos dos seus pais e avós.
Esta mensaxe foise repetindo durante os últimos 20 anos e acadou a categoría de dogma. E como todo dogma reprodúcese máis a base de fe (a fe neoliberal) que a base de evidencia científica. En realidade, os datos mostran que a riqueza, medida polo seu PIB per cápita, aumentou en todos os países da OCDE (o grupo de países máis ricos do mundo, do cal España forma parte) dende a II Guerra Mundial. Este crecemento, tras uns anos de recesión, continuou na maioría de países da OCDE. E é inconcebíbel que, unha vez que as economías se recuperen, a riqueza destes países diminúa. Como pode ser entón que, sendo os países cada vez máis ricos, se prognostique que a maioría da poboación será cada vez máis pobre?
Para respostar a esta pregunta hai que entender a evolución da distribución da renda e da propiedade que se ha ir producindo nestas sociedades. O crecemento da riqueza dun país depende primordialmente do tamaño da poboación que traballa e da súa produtividade. E ambos os factores han ir crecendo. O primeiro foi resultado fundamentalmente da integración da muller ao mercado de traballo. E o segundo é consecuencia de moitos factores, desde a formación do traballador ao investimento técnico nos postos de traballo e a mellores sistemas de organización e participación no mundo laboral. Consecuencia de todos estes factores é que a riqueza que se foi producindo na maioría de países foi considerábel. Pero, e aí está un punto crave, non todos se beneficiaron por igual.
A riqueza producida polo mundo do traballo non reverteu proporcionalmente sobre os traballadores. Así, en EEUU, un dos motores da economía mundial, o crecemento da produtividade por hora traballada creceu moito máis rapidamente que o salario horario dende 1995. E, dende 1999, o crecemento de tal salario descendeu notablemente, mentres que o crecemento da produtividade continuou crecendo. Iso significa que as rendas xeradas polo incremento do produto non foron tanto aos salarios como á clase empresarial e á clase financeira, que garda e especula con estas rendas. A evidencia científica mostra que, a maior desigualdade de rendas nun país, maior é o desenvolvemento do sector financeiro. É dicir, que a maior concentración das rendas e da riqueza nun país, maior é o aforro e a especulación.
A porcentaxe das rendas nacionais derivadas do traballo foi descendendo en EEUU e na maioría de países de Europa (incluíndo España), mentres que as rendas do capital foron aumentando. Dentro das rendas do traballo, os salarios son os que representan a porcentaxe máis baixa da renda nacional, que alcanzou en EEUU, e na maioría de países da OCDE, a porcentaxe máis baixa dende 1945. En realidade, a situación das familias traballadoras deteriorouse marcadamente, deterioración que foi mesmo máis acentuado como consecuencia da crise. Os salarios en EEUU, por exemplo, baixaron un 2% durante o período 2008-2010, mentres que os beneficios empresariais subiron un 57%. Esta situación deu pé a grandes desigualdades.
E isto ocorreu tamén en España. En realidade, España é un dos países europeos con maiores desigualdades. A renda dispoñíbel da decila superior en España é 10,3 veces maior que a renda da decila inferior, unha das desigualdades máis altas da OCDE. Se en lugar de renda falamos de propiedade, a situación é mesmo peor. A concentración da riqueza en España é das máis acentuadas na OCDE. Así, o 10% das familias posúe o 58% de toda a propiedade. En realidade, o 1% da poboación de renda superior posúe o 18% de toda a propiedade. A gran maioría da poboación ten escasísima propiedade. Como punto de comparación, en Finlandia o 1% da poboación máis rica posúe o 10% da propiedade, e o 10% posúe o 45% da propiedade.
Esta concentración da riqueza, que se realiza á conta do benestar da maioría da poboación, explica o relativo empobrecimiento das clases populares e tamén, por certo, as crises que estamos a vivir. O enorme endebedamento destas clases populares débese á perda da súa capacidade adquisitiva. E as enormes crises bancarias débense á enorme concentración da riqueza e das rendas e a súa utilización en actividades especulativas.
As causas desta polarización social son políticas e redúcense ao enorme poder que o capital financeiro (a banca) e os grandes empresarios teñen sobre o Estado. E a poboación sábeo. Segundo as últimas cifras do Centro de Investigacións Sociolóxicas, a gran maioría da poboación indica que os bancos teñen máis poder que os gobernos, mentres que colocan ás grandes empresas case no mesmo chanzo.
Nenhum comentário:
Postar um comentário