Miguel Pardo. Tirado de aquí e publicado orixinalmente en Xornal.
O galego José Fernández liderou o asalto ao 'Santa María', cuxos detalles inéditos desvélanse agora no seu manuscrito. Pero foi moito máis. Soldado na Guerra Civil, comunista, revolucionario, líder dun grupo armado ou adestrador de guerrillas.
Loitador contra a ditadura, comunista, fundador dun grupo armado, idealista, revolucionario na Cuba dos 60, impulsor das guerrillas en Laos ou Vietnam. O comandante... Che Guevara? Non. O comandante Soutomaior. José Fernandes, natural da Pobra do Caramiñal e un dos dirixentes do histórico secuestro do Santa Maria, do que o vindeiro 22 de xaneiro se cumprirán 50 anos e que buscaba derrocar os réximes de Franco e Salazar. Podería ser mito, pero el non enche camisetas, nin ten estatuas. Pouco se sabe del.
A súa figura e as súas accións, esquecidas por moitos, recuperan agora relevancia grazas a Abrente Editora e a Xurxo Martínez Crespo, investigador e editor de 24 homens e mais nada. A captura do Santa Maria. A obra é un manuscrito do propio Soutomaior, escrito entre 1963 e 1968 e que relata con detalle aspectos descoñecidos daquel asalto, o primeiro secuestro dun buque con obxectivos políticos da historia. É moito máis que un diario de a bordo. "Conta aspectos inéditos, os preparativos da operación, os conflitos internos ou a fundación do DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación), o primeiro grupo armado constituído para loitar contra a ditadura, anterior a ETA", destaca Martínez Crespo.
O investigador reivindica a figura de Soutomaior, pero tamén a do portugués Henrique Galvão e a doutro galego, Xosé Velo Mosquera, os tres líderes do DRIL que dirixiron o asalto ao barco. "Eran idealistas, claro, pero non foi unha aventura, nos manuscritos vese claramente que era un plan preparado e planificado con tempo e cun obxectivo claro: sublevar as colonias portuguesas de África para espallar este levantamento a Portugal e máis tarde a España", relata.
O escrito é parte dun prezado material que Xurxo conseguiu hai anos, estando en Venezuela. Aló coñeceu a Federico Fernández Ackermann, un dos fotógrafos máis recoñecidos de Latinoamérica e fillo de Soutomaior. Nas caixas que lle entregou descubriu un tesouro: o manuscrito que agora sae á luz, pero tamén textos literarios e políticos, como o manifesto fundacional do DRIL, un grupo armado tan descoñecido como importante na loita antifranquista.
"Acabada a II Guerra Mundial e comprobado que Franco non ía ser derrocado polos aliados, a maioría do exilio republicano resignouse, agás os impulsores do DRIL, moitos deles con cincuenta e pico anos, e que lonxe de se render, organizáronse militarmente", destaca Martínez Crespo. Era unha organización ibérica. "Galego-portuguesa, máis ben, a inmensa maioría eran exiliados portugueses e sobre todo galegos".
Ao DRIL, esquecido durante anos, nin tan sequera se lle atribuíu a triste honra do atentado de 1960 que acabou, na estación de Amara de Donostia, coa vida de Begoña Urroz,bebé de 22 meses que foi recoñecida hai pouco como a primeira vítima de ETA. Foi o Directorio Revolucionario. Demóstrano os papeis que posúe Martínez. Un erro.
Esa foi unha das accións, pero non a única. Tamén atentaron contra o Concello de Madrid ou unha sede da Falange. No entanto, foi o asalto ao Santa Maria o que lles deu sona internacional. Portada do The New York Times ou da Paris Match, entre outra publicacións. En España ou Portugal, por razóns obvias, a repercusión foi moi diferente.
Soutomaior foi un dos líderes daquel asalto. Nado na Pobra en 1904, foi mariñeiro, afiliouse ao PSOE en 1932 e ao Partido Comunista en 1936. Co levantamento fascista, e segundo contaría el mesmo, organizou a resistencia no Barbanza e loitou coa Mariña republicana no Mediterráneo. Logo –todo segundo unhas versións que disque son esaxeradas– marchou como agregado militar da República a Francia, onde pasa toda a Guerra Mundial. "Tamén contou que estivo nun campo de concentración nazi", di Martínez Crespo con cara de dúbidas. Traballou na Renault e casou cunha muller alemá, coa que tería dous fillos, un deles Federico.
En 1948 abandona Europa e marcha a Venezuela para, logo de deixar o PCE, fundar o DRIL dez anos máis tarde xunto a varios galegos e portugueses exiliados. "Era anarquista, comunista, galeguista, revolucionario... Era un idealista", di Martínez.
Logo de varias accións, deciden secuestrar o Santa Maria. É aí onde a obra agora publicada cobra relevancia. Meses de preparación, disputas entre os líderes, determinación, diferenzas ideolóxicas... Detalles inéditos nunca coñecidos en España, ao igual que moitas das fotos que acompañan esta reportaxe e que nunca saíran á luz no Estado.
"Impúñase decidir cal sería o punto onde a nave sería asaltada. A ruta normal do navío, partindo de La Guaira, é Curação-Miami-Tenerife, etc.", escribe Soutomaior nun dos textos agora recollidos no libro. "O grande obstáculo era a falta de diñeiro, sempre o diñeiro...", dirá máis adiante. Pero eran idealistas. Moito.
"A maioría dos 24 homes que participaron no asalto venderon todo o que tiñan para comprar armas e preparar o secuestro, un deles chegou a vender o seu taxi", aclara Martínez, que engade que Soutomaior "meteu todo o seu patrimonio persoal nesta acción contra as ditaduras ibéricas".
Galvão, Pepe Velo e Soutomaior lideraron o secuestro, pero había moitos máis, incluídos Federico Fernández e Víctor Velo, fillos dos revolucionarios galegos, daquela uns mozos. "Había un home de Alcoi e outro de Xixón, pero o resto eran portugueses e sobre todo galegos", lembra o investigador Martínez Crespo. Manuel Pérez, de Porriño; Basilio Losada, de Escairón; José Pérez, outro galego, ao igual que Manuel Mazo Bravo... "Todos vivían en América Latina, como emigrados-exiliados, e levaban unha vida normal". Ata que puxeron o uniforme do DRIL e asaltaron o Santa Maria.
Os tres líderes serían os primeiros en subir ao buque. Soutomaior compra o billete –uns 2.000 dólares da época– e embarca como un pasaxeiro máis, Velo consegue agocharse e viaxa como polisón, mentres que Galvão sobe na illa de Curação. O resto asalta o barco en alta mar, o 24 de xaneiro.
A cousa empeza mal, porque hai un morto e un ferido. Pero a idea seguía sendo clara: chegar ás colonias africanas de Portugal e comezar a revolución que acabaría con Franco e Salazar. "Non acadaron o obxectivo, pero conseguiron algo máis importante: chamar a atención do mundo sobre as ditaduras de España e Portugal, que foran recoñecidas por moitas potencias", lembra o editor da obra.
Tan novidosa foi a súa acción, que obrigou ás autoridades a cambiar a tipificación do delito. Os asaltantes non podían ser xulgados por piratería, porque iso implicaría terse feito co botín do barco. Pero a caixa forte estaba intacta. Non estaban alí para roubar. O barco, portugués con pasaxeiros españois, lusos ou estadounidenses, tampouco fora elixido ao chou. "Salazar é máis xeneroso: en Portugal non existe pena de morte, é un fervente cristián que practica o Quinto Mandamento", explicaría Soutomaior despois.
Pero as cousas non foron doadas. Nin moito menos. Galvão e Velo non se levaban ben e nin se falaban. Tiñan fortes discusións na loita por dirixir o asalto. No entanto, Soutomaior era o máis arroutado dos comandantes. Un motín dos pasaxeiros complicou o obxectivo, pero tamén deixou ás claras o papel que exercía cada un dos líderes no secuestro.
Velo, galeguista e cunha oratoria espléndida –fora elixido para dar o discurso no Primeiro Congreso da Emigración Galega de 1956– tomou a palabra como estratega. Non lle fixeron caso. Galvão, máis enérxico e voceiro do grupo, intentouno a berros, como se ve nas fotografías inéditas que aquí se adxuntan. Tampouco triunfou e o balbordo seguiu. Daquela apareceu Soutomaior e pegou varios tiros ao aire. Mandou calar e os amotinados calaron de vez. Así era el.
Mentres, e ante a presenza de norteamericanos no barco, os Estados Unidos toman contacto cos líderes do DRIL e envían un avión do Exército para vixiar de preto o Santa Maria. Ao tempo, a estratexia deseñada tampouco funciona. Os secuestradores póñense en contacto coa insurxencia
dunha das colonias portuguesas, Guiné-Bissau, pero non reciben resposta ningunha.
Recebidos como herois
Pasan os días e o propósito tórnase imposible para os revolucionarios ibéricos. Humberto Delgado, xeneral portugués exiliado no Brasil, aparece no buque "para facerse a foto e intentar levar un protagonismo que non tiña", como criticarían os seus protagonistas. Aínda así, acabou poñendo en contacto ao DRIL con Jánio Quadros, presidente brasileiro, que acordou darlle asilo político aso 24 do grupo. O tempo demostrou que Quadros estaba enterado do secuestro. O Santa Maria, rebautizado como Santa Liberdade, chegaría a Recife o 2 de febreiro, logo de case quince días de aventura. Os membros do DRIL foron recibidos como heroes. "En pleno Carnaval, tiveron carroza propia en Río. Deron roldas de prensa e gozaron de mulleres, bebida...", desvela Martínez Crespo.
Galvão escribiría un libro, por encargo, aos nove meses e erixíndose como un líder que non foi. Pepe Velo prefire non dar a súa versión e acaba abrindo librerías no Brasil, onde morrería en 1972. O seu fillo Víctor, participante tamén no secuestro, é agora un coñecido físico nuclear no país sudamericano.
O fillo de Soutomaior, Federico Fernández, volveu a Venezuela e formaría parte das guerrillas revolucionarias que se formaron na época. Poucos anos despois, por raro que pareza, participou no secuestro doutro buque, o Anzotegui, xunto a Máximo Canales, o mesmo que secuestraría despois a Alfredo Di Stéfano. Logo estivo en Uruguai e en Cuba e crea unha escola guerrilleira, onde foi detido por infiltrados. Ao saír da cadea dedícase á fotografía, sendo considerado hoxe en día un dos mellores fotoxornalistas de América Latina.
E Soutomaior? Malia a súa avanzada idade, adestra tamén guerrilleiros, comprométese coa insurxencia en Venezuela e pasa algún tempo na cadea. Logo marcha a Cuba para colaborar coa Administración do goberno de Fidel Castro, que acababa de triunfar coa súa revolución. É alí onde escribirá a súa obra.
José Fernández sobe postos no Goberno cubano e é declarado membro da secretaría permanente da Organización Latinoamericana de Solidariedade. A idea aquela do Che Guevara de "montar un, dous e moitos Vietnams polo mundo" lévao a China, Laos ou Camboxa a partir de 1967, onde adestra grupos guerrilleiros comunistas. O seu nome era outro: Robert Rodríguez. Tiña 64 anos.
Atrás ía deixando unha vida dedicada á revolución e ao anti-imperialismo. E tres mulleres. "Si, era trígamo", di Martínez Crespo. Na Pobra deixara dona e catro fillos. Logo casara cunha alemá e tivera outros dous cativos. Nos seus últimos anos, casou de novo.
Con graves dificultades económicas, este electricista –era a súa profesión– decide retirarse a Venezuela de novo. Pero antes, en 1979, viaxa a Gran Bretaña e Galiza, a súa terra, corenta anos despois do exilio. É daquela cando se reencontra cun dos seus fillos, que vivía na Pobra sen saber tan sequera da existencia do seu pai. As noticias sobre o comandante Soutomaior convencérono para poñerse en contacto con el por teléfono. "É vostede meu pai?" "Si, eu son teu pai".
Coincidiron en Londres e Manuel Fernández, o fillo, ofreceuse a coidalo nos seus últimos días. Non quixo. O reencontro, no entanto, fora moito antes. Aínda que ningún deles o sabía. Manuel tamén estivera emigrado no Brasil. Foi un dos asistentes a unha das conferencias que o revolucionario deu como heroe en São Paulo. Fronte a fronte. Pai e fillo. Sen coñecerse. "Si, ese era eu, teu pai".
Se cadra morriñento, Soutomaior dedicou un dos seus últimos manuscritos á terra. Á súa. "Eu falo de Galiza en calquera lugar onde me encontro. Non importa que sexa en Rusia, China, Vietnam ou Laos. Alá estiven e falei da miña terra; e se ben falei da nosa historia, fíxeno con amargura do meu espírito, pois os galegos de todos os tempos cometemos erro tras erro sen saber aproveitar as ocasións para facérmonos valer como pobo diferenciado que compón unha nación indiscutible, innegable". Corenta anos despois da súa marcha, e miles de países máis tarde, Galiza seguía consigo. Morrería cinco anos despois, en 1986, nos Andes venezuelanos. Esquecido. Sen cartos. Sen homenaxes. Volvía ser galego.
Um comentário:
"Diario Vasco", San Sebastián, 10-2-1961: "Galvao reconoce haber tenido una participación directa en los actos terroristas de 1960, en Madrid, Barcelona y San Sebastián". Se nos ha dicho que nunca se informó a la opinión pública española de la época de que las bombas incendiarias de junio de 1960 habían sido del DRIL. Y eso es falso. Se informó.
Postar um comentário