15/12/2010

Un outro saxo na néboa

Jorge Pérez Árias. Artigo tirado de aqui.



Os días están neboentos e non se ve un burro a tres pasos así que métome arredor da cociña de leña para irme quedando durmido pouco a pouco pola forza do lume. Mentres o fago voume sumindo en reflexións intranscendentes para a meirande parte dos habitantes xa non de Cima de Vila senón de toda a parroquia. O certo é que este aillamento que sofre o rural e que sofre desde fai moitos anos pouco a pouco vaise acentuando deica límites insospeitados. A falta de servizos de todo tipo xúntase a eterna espera de vellas promesas de revitalización desta zona.

Primeiro foi o, para min dubidoso, porto seco que habia converter a Monforte (como de antergo co ferroviario) nun nudo fundamental das comunicacións por autoestrada.  Sen saber porque os millóns de todos foronse enterrando naqueles campos de barro monfortino e o porto seco non trouxo a panacea en forma de central loxistica de todo o transporte galego. Cando a maioría das voces non expertas nese tipo de plataformas loxísticas, como cidadáns do común, auguraron que aquelo sería un fracaso os políticos seguiron vendendo fume e enterrando cartos, quen sabe se enterrándoos en leiras dos seus amigos como a miúdo pasa nos concellos, deputacións ou Xunta con concesións legais a dedo.

Logo chegou Pepiño Blanco e en tempos electorais prometeulle a mesma autoestrada aos habitantes de Terras de Lemos e Terras de Trives. Eso azuzou coma o vento ao lume ao vello localismo instalado na Galiza secularmente e provocou unha disputa de xenreira fraticida entre comarcas irmás, que en vez de reclamar aos políticos solucións xuntas contra a situación de total abandono que sufren por parte das administracións, preferiron enfrontarse para maior rédito político dos mesmos de sempre. As manifestaciósn sucedénrose en entrambas cabeceiras de comarca para loitar contra o ladrón de infraestructuras da comarca irmá e cando alguén, coma por exemplo eu, lles dicía que non debían pelexarse polas migallas senón afrontar xuntas a batalla contra a corrupción que os deixa coma en tempos de Adán e Eva, a monte, todos seguiron ao seu facendo caso dos políticos caciques de cada terra, enaltecidos de localismo e acusándo aos que falabamos de unión e de menos localismo de ser del bloque y pensar que galicia, como todos los del bloque, se puede vertebrar sin infraestructuras. Como en Irlanda. Agora os mesmos políticos que prometeron o ouro llo mouro e que logo tiveron que decidir se a famosa A-76 pasaría por Monforte ou por Trives están en Madrid desfrutando no ministerio os réditos daquelas épocas, outros en Santiago na Xunta e outros en Lugo na deputación... Mentres eles están alí xestionando os cartos dos galegos aos galegos dínselle cousas coma esta.  

Moito me temo que o mesmo pasará con lerias como o pacto do obradoiro no que se prevé a dilapidación de cartos nunha infraestrutura inservível nun país desestruturado de norte a sur na súa franxa interior. Esperaremos anos e anos e cando por fin chegue o famoso AVE non o poderemos coller ou ben non quedará ninguén para collelo nestas dúas provincias interiores de Lugo e Ourense. Non quedará ninguén por que non houbo nunca investimentos para proxectos produtivos no rural e nas cidades do interior máis alá da especulación e da adxudicación de obras e infraestruturas legais a dedo.

Non habería que preguntarlle a todos os caciques e a aqueles que azuzaron o localismo coma unha especie de patriotismo sen bandeira onde están agora todos os seus folgos? Esta vez para reclamar aos políticos que prometeron a panacea a súa responsabilidade histórica co país?


Cima de Vila, no mes das matanzas

Nota do blogger: na última assembleia nacional de Galiza Nova (a XI) a iniciativa de Rafael Lobelle González o Encontro Irmandinho apresentou umha emenda en que se qualificava  o AVE , de modo muito certeiro, como Tren de Altas Velocidades Españolas. O EI lembrou, aliás, a falha dumha atitude crítica perante o AVE tal e como se recolhiam na teses da anterior assembleia nacional, e denunciou que esta atitude  era extensível ao BNG durante  o seu Governo na Xunta. Concretamente na emenda à totalidade da tese política, obviamente rejeitada, as moças e moços do EI diziamos que:
O AVE nom foi atacado com a dureza precisa por quanto significa de destruiçom natural e ainda polo desmantelamento dum mui necessário comboio de proximidades e isso que o AVE já se focara nas teses da X assembleia.

Nenhum comentário: