24/01/2011

The Tobacco Party

Manuel M. Barreiro. Artigo tirado de aquí.

http://www.ciencia.net/enciclo/e/images/esvastica18.gif
O Tobacco Party tomou o relevo do Tea Party. Medra a vaga de malestar co goberno de Rodríguez Zapatero que, pouco esperto na elección do momento, desatendeu as abondosas razóns que hai para aplicar de modo gradual as políticas contra o tabaquismo. O Partido do Tabaco seduce a empresarios hostaleiros enrabechados pola cambiante normativa que, primeiro, obrigou a facer reformas nos seus locais e, agora, fainas inservíbeis, amais de ameazar con provocar unha escorrentada de clientes cando ninguén quere perder un euro. Engaiola tamén a moitos fumadores amolados porque a Lei lles limita hábitos e consumos e muda a cartografía dos seus espazos de encontro social.
A excelente acollida que tiveron as anteriores restricións ao fume e o seu elevado grao de cumprimento deu paso a unha desafiante desobediencia civil. En conexión co descontento, o Partido do Tabaco argumenta politicamente a obxección a Lei e protagoniza a erosión do moi desmellorado goberno do PSOE. O seu credo usa palabras nobres como liberdade pero faino coa gramática torta dos anarcoconservadores: a liberdade individual está por riba de toda inxerencia da administración, o Estado non ten dereito a regular nada que afecte a nosa vida persoal.
O éxito do Partido do Tabaco sinala un grave problema de saúde, de saúde pública e da saúde da nosa doente democracia. A desobediencia á lei empata cunha longuísima tradición hispánica que anima a acatar a norma, pero non a cumprila. E despreza os custes sanitarios e as perdas de vidas que causa o tabaquismo; un andazo que cada ano provoca a morte a 5 millóns de persoas no mundo, máis que o VIH-SIDA, o paludismo e a tuberculose por xunto. Fumar onde se queira e canto se queira bate frontalmente coa saúde como ben público e como dereito que o Estado debe preservar por moito que se alporicen os amigos da demagoxia.
Que os nosos neocon non perdan ocasión de abrir novas frontes de ataque ao Estado non é novidade. O Estado é inoperante cando se descentraliza como Estado das Autonomías. É un malgasto cando garante a solidariedade como Estado de benestar. É autoritario cando regula mercados ou consumos. O enfraquecemento do Estado é un dos arietes argumentativos cos que os anarcotories españois queren abrirse camiño até a Moncloa. Cando cheguen ao Goberno, o discurso libertario dará paso á apoteose autoritaria, ao enxalzamento da orde e á satanización de toda clase de disenso. Na noite electoral moitos deitaranse como fervorosos anarcoconservadores e ergueranse ao día seguinte, se o Partido Popular gaña, como feroces conservaduros. Daquela, si que imos fumar en pipa.

Nenhum comentário: