Raul Asegurado Pérez, membro da nova Coordenadora Nacional do Encontro Irmandinho.
As políticas ultraliberais da nova fase de imperialismo capitalista traen consigo unha praxe antisocial e de privatización que o capital financeiro está a impoñer a través de gobernos submisos e cómplices, que viraron as costas á cidadanía e aos máis xenuínos valores da democracia, vulnerando os principios básicos das “normas de xogo” tais como a propria soberanía. Son na Galiza estas prácticas aínda máis graves pois continúan e redobran a explotación e o espolio que vimos sufrindo por moitos anos.
Os recursos naturais son tratados de forma abusiva pretendendo maximizar os beneficios a costa de hipotecar a saúde mesma do planeta, a lóxica da sobreexplotación, do productivismo, do crecemento ilimitado etc… ten repercusións até a última aresta do planeta, é por iso que a nível planetario e galego, cuestións como a soberanía alimentar, o decrecemento, a renda básica, a economía ética, etc… deben tomar corpo na sociedade civil para respostar contra a lóxica ultraliberal.
Na Galiza a lóxica é a mesma, agudizada por sermos unha colonia, os recursos mineiros, enerxéticos e en xeral todos os recursos naturais están usados de forma denigrante e sobre todo para beneficio alleo. Relacións comerciais ou producións das que se nos privou ou recentemente a liquidación do sector leiteiro e con el a maioría do noso sistema de produción de alimentos coa consecuente despoboamento do rural e a imposibilidade da nosa soberanía alimentar.
Planos acuícolas en beneficio das multinacionais, concesións eólicas para beneficio exclusivamente privado, paulatina privatización do ensino e sanidade e agora do sistema de pensións, dos aeroportos e da auga e sinaladamente a ameaza inminente de privatización total do aforro acumulado por xeracións de galegas e galegos nas caixas de aforros suprimindo dun golpe o xa de por si escaso control democrático ao que estaban sometidas.
Todo isto trae consigo á necesaria intervención política no eido económico, os mercados (financeiros ou calquera outro) non son pantasmas sen intereses que se moven aleatoriamente, son a representación privada da acumulación do poder, neste sentido, o valor republicano da liberdade como non-dominación, de non permitir que a acumulación económica de ningún cidadán sexa superior ao da propria “república de iguais”, introdúcese de cheo na cuestión da propiedade privada ilimitada e fai contrapunto ao “nomalizado” sistema de dominación de ditadura financeira no que pilota a política institucional.
Eis por isto, que o un movemento político debería axudar a promover na cidadanía a creación dunha masa crítica que se enfronte contra a imposición mercantilista en todos os eidos da vida persoal e colectiva das/dos cidadás/ns, propoñendo e participando de todas as iniciativas que na defensa duns valores republicanos de emancipación social sexan acaídas: renda básica, banca ética, cooperativas de consumo, ecofeminismo, etc… creando para elo os grupos de traballos necesarios. Tamén deberíamos instar á consolidación dunha resposta de mobilización social ás agresións que coma cidadás/ns estamos a recibir por parte da ditadura financeira e das grandes corporacións.
Nenhum comentário:
Postar um comentário