Manoel Santos. Artigo tirado de aquí. O autor do artigo participou no recente Foro Social Mundial de Dakar redixe Altermundo e foi eleito membro da Coordenadora Nacional do Encontro Irmandiño na asemblea nacional de onte desta formación.
Se as organizacións da esquerda política non son quen de ver que a saída á crise civilizatoria que vivimos non pode pasar por insistir en recuperar situacións de benestar relativo preexistentes, porque o benestar non é só bonanza económica, é que non paga a pena revitalizalas. O ilusorio crecemento económico continuo, cimentado nunha terríbel explotación do planeta e dos pobos máis desfavorecidos, é a principal destas situacións. Ben dixo Kenneth Boulding que para crer que a economía pode medrar infinitamente nun sistema finito hai que ser ou un tolo ou un economista.
Para mudar de xeito radical o noso modelo de sociedade a esquerda debe abrir os ollos e concluír que é o sistema económico capitalista o que cómpre derrubar. Non pode haber esquerda no capitalismo. Isto, que está no discurso de parte da esquerda existente, non está despois na súa praxe individual e colectiva. A chave non está só no social, senón e sobre todo no económico, que condiciona todo o demais. Non está en seguir aceptando privatizacións, desregulamentacións, axustamentos estruturais, investimentos destrutivos, tratados de asociación ou mercados libres, que é o que permitiu a esquerda nas últimas décadas. Está, e volvo a Susan George, en decidir que bens e que servizos deberían ser mercados e vendidos a prezos marcados pola oferta e a demanda e cales deberían ser considerados comúns ou públicos, cuxo prezo ten que estar en función da súa utilidade social.
Afondar nas experiencias da economía social e solidaria; da autoprodución e da autoxestión; do decrecemento -económico- individual e colectivo; e da soberanía alimentar, enerxética e por suposto política, que atacan directamente os piares do sistema, debe estar no centro de calquera programa político para a transformación social.
Sendo a economía o primeiro dos piares, o segundo, que non menos importante, é a Terra, a ecoloxía. Ningún programa político pode ser transformador se non ten no centro as loitas contra a mudanza climática e a perda da biodiversidade, a repartición equitativa e a racionalización da pegada ecolóxica e o freo radical á destrución ambiental. A ecoloxía debe, asemade, ser un eixe transversal de actuación que inunde calquera programa político sectorial, incluída a práctica dunha economía ecolóxica, de xeito que mude nunha verdadeira ecoloxía social.
En terceiro lugar, un modelo de democracia radical -ou de alta intensidade- e antipatriarcal fundada, como diría Boaventura de Sousa Santos, en elementos inclusivos, comunitarios e participativos que deben situar no centro dos seus obxectivos os valores da solidariedade (fraternidade) e da emancipación social. Para isto, cómpre crear fortes redes de colectivos e organizacións sociais, ou político-sociais, que alén das súas diferenzas e diversidades teñan obxectivos comúns ben definidos e que loiten por eles -mesmo coa desobediencia- dentro dos actuais sistemas de democracia representativa, que por forza terán que ir mudando e adaptándose ás experiencias de democracia alternativas.
Nenhum comentário:
Postar um comentário